O das mulleres ten que quedar
escrito para a historia... Interésame que quede o das mulleres, porque o dos
homes escribiuse sempre
Testemuño de Trinidad Gallego, loitadora
antifranquista, no documental Las sin
sombrero
I
En
Galiza, a partir do 20 de xullo de 1936, non había moito lugar para o heroísmo.
E aínda así houbo heroísmo e coraxe e afouteza en moitos homes e mulleres que
se enfrontaron ao fascismo, uns coas armas e os ideais, e outros coa razón das
súas conviccións irrenunciábeis. A maioría enchen aínda tumbas anónimas nos
cemiterios, nas gavias, nas rías de Galiza. A maioría son mortos sen nome e sen
tumba, asasinados de hemorraxia interna,
sepultados no inmenso cemiterio do esquecemento.
Castelao: - Cobardes! Asasinos! |
Quero
falarvos dese pasado que reclama xustiza. Quero contar a dor mais tamén a
coraxe e o heroísmo. Quero escribir a historia do terror e tamén a crónica da
resistencia e da solidariedade. Quero falarvos das mulleres, porque o delas non
pode quedar no esquecemento. Ten que
quedar escrito para a historia.
Mulleres rebeldes e
pioneiras, que romperon moldes e combateron por causas xustas. Mulleres
inconformistas, sometidas a castigos e vexacións, tatuadas e violadas. Mulleres rapadas,
obrigadas a desfilar polas rúas despois de facerlles beber aceite de ricino.
Obrigadas a cantar cancións fascistas, a berrar Arriba España, entre bágoas e vómitos e as burlas dos torturadores.
Mulleres comprometidas coa República e a liberdade, e tamén nais, esposas,
irmás... aldraxadas e violadas. Recluídas
durante corenta anos no xigantesco campo de concentración en que se convertiu o
franquismo. O campo de exterminio da igualdade, dos dereitos humanos, da
liberdade sexual, da escola transformadora, da democracia..., un tempo de
cadeas cuxa pegada aínda pervive hoxe. Mulleres soterradas no silencio da
historia, desaparecidas no amargo baleiro da historia oficial e nas catacumbas da memoria. Mulleres ninguneadas, anuladas, invisibilizadas, excluídas e que retornan
cargadas co seu pesado fardel de dor e de loita e de amor.
Quixeron facelas
desaparecer do mundo e da historia, mais agora están con nós e con nós fican
para sempre.