A
GALIZA QUE PUIDO SER E A GALIZA DO PORVIR
A nao do futuro
galego en que nos embarcou o noso amor á Terra, empulada polo noso fervo
patriótico e pola nosa firme decisión, chegará felizmente pese a todalas
treboadas. Chegará porque rema con ela a nosa espranza, inzan as súas velas os
nosos azos redobrados a cada dificultade e vai de timonel a nosa fe consciente
do seu deber
Alexandre Bóveda
O 28 de abril de 1936 constitúese en Vigo unha
sociedade mercantil destinada á elaboración de produtos farmacéuticos, o
Instituto Bioquímico Miguel Servet. O
promotor desta iniciativa científica e empresarial foi o médico Ramón Obella,
militante do Partido Galeguista. Entre os socios fundadores figura Alexandre
Bóveda, o mozo que con 26 anos funda e dirixe a caixa de aforros de Pontevedra
e con 28 o Partido Galeguista.
O Instituto Miguel Servet é, como Alexandre, un símbolo
da Galiza que puido ser. Da Galiza que estaba nacendo na primavera do 36.
Froito do pulo transformador daquel tempo de esperanza, o tempo das utopías e
dos soños. O tempo dos proxectos e das realizacións. O tempo das Irmandades, do
Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista. Forza de tracción e de
transformación, vangarda da Galiza que puido ser.
Despois de xullo do 36, Ramón Obella foxe a Portugal e
crea a empresa Zeltia, que se convertíria cos anos, desde aquí, nun emporio
farmacéutico internacional, innovador e punteiro, con selos e patentes que
xeraron riqueza e salvaron vidas... Hoxe Zeltia xa non é unha empresa galega
mais a súa historia ten tamén moito que ver coa Galiza que puido ser.
O Instituto Miguel Servet e Zeltia son froitos da
paixón dunha xeración que cría no potencial de Galiza, que imaxinou o futuro e
fixo realidade os soños. Ata onde lles deixaron
Porque o fascismo destruiu grande parte daqueles
anceios tranformadores. Asasinou as arelas de modernidade e de xustiza, de
traballo e prosperidade que levaban no corazón Alexandre Bóveda e Victor Casas,
Ánxel Casal e Xohan Carballeira. Cando Galiza se miraba no espello das nacións
máis avanzadas de Europa.
Hoxe é un día de lembranza desa Galiza Mártir,
masacrada nas cunetas, encerrada nos cárceres, enterrada nos sotos; recluida
nos recintos da loucura e do pesadelo; perseguida con saña. É un día de recordo
dos homes e mulleres desaparecidos no silencio da Historia oficial.
É día de Memoria, porque non se pode erguer un
país sobre o esquecemento, sobre a ocultación do pasado. Sobre a derrota da humanidade e da democracia. Non
se pode erguer nada novo sobre a ruína moral, sobre o ermo ético, sobre o
sometemento, sobre o olvido.
Milleiros de persoas
asasinadas por defenderen a democracia e a liberdade agardan en gavias e tumbas
anónimas, e no fondo das rías, que se faga xustiza. Que se saiba a Verdade. E
milleiros de homes e mulleres anónimos, condenados no silencio do franquismo e
no esquecemento da monarquía parlamentaria, agardan que a historia os faga
visíbeis.
Hoxe é un día de Memoria e de Orgullo. De celebración
da Galiza resistente, da Galiza combatente. De lembrar que nos deixaron un
inxente legado. A herdanza da dignidade e da xenerosidade. Da loita e da
coraxe. Da resistencia e da rabia. Da dor e do amor.
Que nos deixaron un país por construir, unha avinza de
soños e de esperanza, anceios de xustiza e prosperidade, a Galiza que estaba
nacendo, a que puido ser.
Hoxe é tempo de soñar e de crear. De construir un país novo, avanzado, moderno,
igualitario. A terra da xustiza social, da solidariedade e da equidade.
|
María Miramontes |
É tempo de mudar o rumbo, de trazar o
plano da Galiza do porvir, como querían eles, Alexandre e Amalia. E Victor
Casas. E Casal. E María Miramontes, a muller que teceu unha patria coas súas
mans de costureira. E as mulleres das Irmandades, as do tempo adverso.
Esa é a mellor homenaxe. Un programa
político ambicioso, que poña a Galiza no mapa, entre as nacións máis avanzadas
de Europa. Construír ese horizonte de esperanza e de futuro é a razón de ser do
nacionalismo, e esa vai seguir sendo a nosa tarefa. Porque non estamos
derrotados nin vencidos. Nin vencidos nin vendidos. Estamos en pé, dispostos,
preparadas para a loita.
Preparadas para o combate de erguer un pais de terras
fértiles, de rías limpas e produtivas. De montes ben xestionados, con
diversidade de usos, con vida, protexidos da rapina, do expolio, do lume, da
peste do eucalito e de ENCE.
Un país a pleno rendimento. Con asteleiros coas gradas
cheas. Construindo barcos no canto de desfacelos a base de subvencións europeas.
Un pais con banco de terras e banca propia, pública,
comprometida co tecido produtivo, a innovación e o desenvolvemento.
Un país coa enerxía do vento e do talento. Da afouteza
e da coraxe. Da investigación, do coñecemento, da innovación. A patria da
xenómica, da biomedicina, da enxeñaría espacial, da acuicultura... Da ciencia e
da conciencia da que naceron Zeltia e mil empresas máis.
Un país que non se rende, que mira lonxe, que quere ser
protagonista do seu futuro.
Unha Galiza capaz, valente, ambiciosa, dona de si, coas
ás ceibes para voar.
Unha nación como espazo da convivencia e da xustiza, da
equidade, do benestar. Da vida digna. Porque non hai mellor política social que
a que aposta por poñer o país a producir, por desenvolver todo o seu potencial,
por crear riqueza e emprego de calidade e por garantir desde o público servizos
e dereitos para toda a poboación.
Un país grande, que non cabe no marco
estreito das normas legais. As nosas arelas de transformación, progreso e
benestar para Galiza non caben nin no legalismo constitucional nin no autonomismo sano y bien entendido que santifican outras forzas políticas que se
din de esquerdas.
Esta constitución, por certo, é a norma
que impón os dogmas do capitalismo depredador: o teito de gasto e o déficit
cero, unha modificación acordada polo PP e PSOE, que consagra a política de
perda de dereitos e de destrución do público.
Porque ese marco legal é un corsé, un
molde ríxido que impide o pleno desenvolvemento das nosas capacidades e
potencialidades. Aspiramos a construir un novo marco político, no que Galiza
teña un estatus diferente, no que gañe cotas de autogoberno e de capacidade
para xestionar os seus recursos en beneficio da maioría.
Reividicamos hoxe esa nación valente, ambiciosa,
rebelde, rabuda. Porque non é tempo de mansedume, de resignación, de submisión.
É unha época de grandes desafíos que reclama altura de miras, coraxe, risco,
atrevemento. E sobre todo orgullo e confianza en nós.
É tempo de soñar e de crear. De mirar atrás para chegar
máis lonxe. De construir a Galiza do porvir coa semente da Galiza que puido
ser.