domingo, 27 de marzo de 2016

Hai imaxes que contan historias


Mercedes Magdalena García, de loito, cos tres fillos,
antes de partir ao exilio
Hai imaxes que contan historias. Imaxes que falan, que berran, que claman, que proclaman. Que reclaman xustiza desde unha distancia de séculos. Imaxes que feren os ollos coa súa dor de cristais rotos.  Imaxes que negan o silencio e brillan co sal das bágoas. Imaxes como cicatrices cosidas nas mans, nos ollos,  na memoria imborrábel de nenas de sete anos. Imaxes fechadas nun barco que saiu da Coruña ou de Lisboa –non hai certeza- coa nai e os tres fillos en 1937, con destino a Buenos Aires.
Hai imaxes que contan historias. Porque non son apenas estampas dun album familiar, son retratos que ficaron atrás para seguir falando, para non calar nunca. Imaxes do silencio e da ausencia e da amargura. E tamén da derrota. Fotogramas en branco e negro dun tempo sen badaladas e  sen cruces.
Hai imaxes que contan historias agochadas tras as bágoas. Gardadas en gavetas durante décadas como actas dunha verdade proscrita, soterrada, negada... Clamor contra o silencio, contra o esquecemento, contra o baleiro implacábel e frío da Historia. Contra a aldraxe e a mentira. Contra todas as mortes por hemorraxia interna, inscritas con letra falsa nos arquivos oficiais.

Esta é a historia de Mercedes Magdalena García, a muller da fotografía, escrita no libro do esquecemento. Comezou no verán do 36, ou moito antes. En Pontevedra, nos anos 30, cando a República alumeaba soños de xustiza en Lérez, en Cerponzóns, en Alba. Na casa familiar do Castelo. Eran anos de solidaridade, de labor fraterno, de empresas colectivas como a Caixa Rural, a Mutua Gandeira, Juventud Lerezana, a Federación Agraria e moitas outras.
Alí estaba Juan Magdalena García, o seu irmán. Era labrego, dirixente agrario, home de conviccións e de compromiso. Estaba casado e tiña tres fillos. Cando o mataron de hemorraxia interna, tiña 36 anos e moita vida por vivir. O seu corpo desfigurado apareceu na mañá do 10 de setembro de 1936 no lugar da Gándara, parroquia de Lérez. No camiño que percorrían as mulleres que levaban á vila o alimento e as novas do terror.

O nome e a historia da muller e os fillos (dous nenos e unha nena) de Juan Magdalena permanecen no silencio, agardando. A historia da irmá, de Mercedes Magdalena, ficou atrapada nunha fotografía. E tamén no relato da súa filla Mercedes Estévez Magdalena, a nena do lado esquerdo do retrato, que tiña sete anos cando en 1937 colleron un barco en Coruña ou Lisboa –non hai certeza-, cando subiron no vapor Antonio Delfino rumbo a un exilio do que nunca voltaron.
Despois de que mataran a Juan Magdalena, os seus irmáns Ángel e Severino, e o seu cuñado Constante –o marido de Mercedes-, sen tempo para as bágoas e o dó, sentiron aquel medo antigo que o circundaba todo, porque eles tamén eran labregos e humildes e combateran na súa mesma causa. Os homes fuxiron a Portugal e desde alí a Buenos Aires. Mercedes ficou soa na casa de Lérez, con tres fillos, con toda a dor, a da morte e a da ausencia.

Foi daquela cando fixo a fotografía, antes de embarcar cos fillos para América. No tempo do loito, mirou fixamente á cámara e púxose a contar a súa historia...
 
PS
Esta fotografía foi recuperada grazas ao extraordinario traballo da Asociación Sociocultural Cedofeita de Lérez. No ano 2014 formou parte da exposición “As mulleres lerezás en imaxes”. Agradézolle a Xosé Álvarez Castro a copia que me fixo chegar, e toda a súa interminábel xenerosidade.
Tempo despois descubrín, no artigo “La imagen de la(s) madre(s). Construcciones identitarias en los procesos migratorios vividos durante la infancia”, de Bárbara Oruño Martínez, o relato de Mercedes Estévez Magdalena, a nena da esquerda na fotografía, sobre a súa nai
A miña nai era analfabeta pero moi intelixente. Tivo sempre unha fortaleza e unha serenidade para facerlle fronte á vida... A miña nai era unha muller moi forte... Eu non lembro para nada nin tela visto chorar, nin ver o velorio do meu tío, pero agora imaxino que a miña nai debía estar moi triste porque de repente asasinan o seu irmán, o marido desaparece da casa e ela queda con tres criaturas...

 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario