Para Carme Vidal, compañeira imprescindíbel en todas as batallas da memoria
Esta imaxe é un grandioso monumento da memoria. Ao mesmo tempo é un acto heroico, unha valente declaración de rebeldía, de resistencia, de dignidade. É tamén unha das máis completas reproducións dunha dor interminábel, invisíbel, permanente. Unha dor que non deixou rastro escrito, que non figura nos rexistros do crimes nin nos arquivos da memoria. Pero na decisión de ir alí, ao monte da Caeira, ao km 1 da estrada de Campañó, tinxido co sangue de Alexandre Bóveda, de Victor Casas e de moitos máis, hai unha mensaxe estremecedora, a confesión do sufrimento, do silencio e do orgullo dunha nai e dunha compañeira.
A muller da fotografía é Cinta Rey, nai de Victor Casas Rey, asasinado nese lugar o 12 de novembro de 1936. A muller que tomou a imaxe é Amalia Álvarez Gallego, a compañeira de Alexandre Bóveda, asasinado ao pé dese piñeiro o 17 de agosto de 1936. O día que foron alí, escribiron unha fermosa historia de amor e de rebeldía: un amor e unha rebeldía íntimas, silenciosas, soterradas, mais que hoxe emerxen como testemuños da grandeza de dúas mulleres que nun tempo de terror decidiron lembrar, facer memoria, levantar acta gráfica dos crimes.
Esta imaxe fálanos dunha historia que nos roubaron, que non foi contada. A historia estremecedora de miles de mulleres represaliadas e resistentes, cuxas vidas seguen aínda nos recantos máis escuros da historia, agardando. O relato das múltiples formas do horror e do sufrimento nos longos anos do silencio. Mais tamén é unha historia fermosa, que nos fala de fidelidade, de orgullo, de amor sen condicións e sen límites. O acto de facer esa foto, de gardar esa imaxe coma un tesouro familiar, era tamén un acto privado de resistencia, de combate contra a desmemoria, de denuncia dos crimes.
Hoxe ese lugar do terror e da memoria non existe. Foi devorado por enormes edificios que gavean polas abas do monte da Caeira e Montecelo. Mais fica esta imaxe, con toda a súa enorme carga de amor e de dor. E queda a exemplaridade de dúas mulleres, Cinta e Amalia, que no medio daquela noite e daquel horror, quixeron lembrar. Esa é a súa victoria, ese é o noso compromiso.
PD Esta imaxe de Cinta Rey, realizada por Amalia Álvarez no lugar onde asasinaron aos líderes nacionalistas Victor Casas e Alexandre Bóveda, está recollida no catálogo do Memorial da liberdade. É propiedade de Víctor Casas, fillo.
Conmovedora historia! Gracias!!
ResponderEliminar