sábado, 4 de outubro de 2014

Isaura Gómez, a muller que alumeou o mundo



A vida de Isaura Gómez Pérez é un memorial da dignidade. Foi unha escritora brillante, unha muller solidaria e combativa, miúda de corpo e con toda a fortaleza dun carácter forxado nas batallas da vida. 

Nada en Lisboa en 1905 nunha familia de orixe galega que fixera fortuna no comercio, a sua existencia fica atravesada pola traxedia. Cando tiña quince anos morreranlle os pais e os irmáns e ficou soa no mundo. 

Con dezasete anos, en 1922, coñece a un mozo de Goián, Gumersindo O Rubio, de preciosos ollos verdes (a quen quixen de verdade, a quen máis amei). Mais as diferenzas ideolóxicas haberian de afastalos até os límites, cando anos despois todos os sentimentos e os valores se puxeron a proba. Muller sensíbel e comprometida, coñece a Francisco Rodríguez, Paco de Figueiró, líder agrarista con quen casa aos 21 anos, en 1927. No tempos da República a parella implícase na loita política e a partir de xullo do 36 Paco e Isaura sufrirán un calvario de humillación, de violencia e de dor.

Cando en agosto deteñen a Paco, ela vai á cadea dúas veces por semana. Cada vez leva un dos fillos, Ivonne ou Mario. No exterior do Seminario de Tui e nas rúas da vila sofre as vexacións da xente que lle cuspe e a insulta. Un día, o 4 de outubro, Isaura fixo un biscoito con froitas para levarlle ao home porque era o día da súa onomástica. Cando chegou á prisión, Paco non estaba. Unha banda sanguinaria de falanxistas levárao a el e outros cinco compañeiros na madrugada anterior a Mondariz, onde os asasinaron despois de sometelos a terribeis torturas e vexacións. 

Isaura só tivo tempo para mercar un ataúde e para suplicar que o seu home fora enterrado dignamente no cemiterio de Mondariz. E como a súa amiga Josefa García Segret estaba presa na cadea de Tui, tamén procurou o mesmo trato para o seu home, o mestre Hipólito Gallego. Cando xa de noite Isaura voltou a Figueiró destrozada pola dor e o cansazo e o medo, a escuridade tornouse en luz porque toda a aldea estaba alí, con fachos e candeas e velas para recibila. Mais nin aquela conmovedora escena puido aminorar a súa dor e pediu que a deixasen soa e só puido dicirlle ao fillo: “Neno, mataron a teu pai”.
Nos anos que viñeron despois, Isaura nunca esqueceu. Malia a dor e a enfermidade que a mantiveron pechada en si durante anos, mantívose firme nas súas ideas e fiel cos compañeiros de loita. Arriscando a vida, na compaña dos seus fillos Ivonne e Mario, en 1938 acolleu na súa casa durante cinco meses ao fuxido Juan Noya. Un ademán solidario que o amigo nunca esquecería.

A comezos de 1939 viaxou a Lisboa con Mario porque un amigo a necesitaba. E cando iso ocorría, aquela muller valente, golpeada unha e mil veces pero nunca derrotada, sempre estaba alí. Aquel amigo chamábase Antón Alonso Ríos e antes fora Afranio do Amaral e intentaba arranxar a fuxida do inferno que deixaba atrás. E Isaura percorreu 600 quilómetros co seu fillo de 6 anos para procurar os papeis e poñer os cartos necesarios para a viaxe. 

Cando Isaura retorna de Lisboa, compón novas páxinas de xenerosidade e amor. En maio de 1939, despois de tres anos de fuxida dunha morte segura, Juan Noya entrégase. Isaura viaxa a cotío a Vigo e acompaña a Lola, a muller de Juan, nas visitas á prisión. En agradecemento polas súas atencións, os presos regalaronlle un anel feito con pezas de xadrez e unha chapa de prata gravada coas súas iniciais. Un anel que a acompañaría toda a vida, coma o selo imborrábel da amizade, coma unha figura protectora naqueles tempos de terror e de infamia.

Toda a súa existencia, atravesada pola traxedia, foi unha grande demostración de amor, de compromiso, de entrega solidaria, de lealdade. Os que a coñeceron nos anos finais da súa vida, cando xa estaba de volta de todas as viaxes e de todas as derrotas, lembran os seus ollos azuis, a súa mirada limpa. A fortaleza da súa figura miúda. A forma rotunda da memoria invicta. Cando morreu o 4 de xaneiro de 2004, con 98 anos de idade, o ceo de Figueiró volveuse iluminar con candeas e fachos e velas para despedir unha muller que nunca deixou de alumear o mundo, de irradiar coraxe, amor, dignidade. 

(O 4 de outubro de 1936 unha banda falanxista asasina en Mondariz a Manuel Piñeiro Zúñiga, de Amorín, Tomiño; Domingo Paramos Núñez, de Caldelas de Tui; Manuel Pérez Besada, veciño de Guillarei; Hipólito Gallego Camarero, de Forcadela, Tomiño; Fernando Rubio Estévez, de Guillarei, e Francisco Rodríguez Otero, Paco de Figueiró. Josefa García Segret, muller do mestre Hipólito Gallego, que daquela estaba presa na cadea de Tui, escribiría máis tarde no libro “Abajo las dictaduras” o nome dos asasinos: Francisco Pino de Forcadela, Álvarez Aldir, Manuel de Santiago, Tomé, Pablo Bugarín Domínguez. E Gumersindo Alonso “O Rubio”, aquel rapaz de ollos verdes que foi o gran amor imposíbel de Isaura Gómez).
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario