|
María Concepción Álvarez Álvarez (Marías das Auroras)
nos anos 50.
Fotografía cedida por Mª Lucía Domínguez Costoya
Fonte: José Antonio Uris
|
Debaixo de cada historia individual de represión hai ducias de vidas anuladas, silenciadas, soterradas no amargo silencio da historia oficial e nas catacumbas da memoria. Son vidas dignas, amargas e heroicas, as máis das veces de nais, de irmás, de compañeiras, de viúvas. Mulleres encarceradas, rapadas, humilladas, violadas, enterradas nos espesos muros de silencio do franquismo. Moitas negáronse a falar, conviviron coa dor e coa culpa, aturaron a persecución e a infamia; algunhas perdéronse para sempre nas néboas da loucura. Mais case todas se negaron a esquecer os crimes e os nomes dos asasinos. Gardaron coma un tesouro a memoria dos seus e ese acto de resistencia é unha victoria, cruel e amarga, contra o esquececemento. A infamia dos vencedores é a victoria dos vencidos.
As memorias de Juan Noya, publicadas en Caracas en 1976, son o rexistro fiel da persecución implacábel, da violencia extrema e innecesaria que sufriu unha familia, os Domínguez Pacheco. A familia de Lola, a súa muller. Dolores, Antonio, Ángel, Jesús, Francisco e Manuel Dominguez Pacheco, os fillos de María da Luz Pacheco Videira e José Domínguez Lomba.
Antonio, de 35 anos, e Ángel, de 32, foron das primeiras vítimas da cacería humana. Os primeiros trofeos do Capitán Teresa e do Tenente Buhigas, xefes da banda criminal que perseguiu con saña a obreiros, sindicalistas, mestres e servidores da República; a banda terrorista –nunca xulgada nin condenada- que encheu de sangue as gavias das estradas e os muros dos cemiterios desde A Guarda a Tui. Antonio e Ángel Domínguez Pacheco, fillos de María da Luz, foron asasinados o 12 de agosto de 1936 no lugar de Paraños-A Sangriña, xunto con outros tres obreiros da Guarda: Julio Saavedra, José Alonso Portela e Herminio Domínguez. Aquela noite Lola, a súa nai María da Luz e a súa cuñada Pura, a muller de Ángel, reuníronse no bar do Deportivo Guardés para partillar a dor e foron desaloxadas de modo violento por un sarxento da guarda civil: -A chorar a outra parte, se non elimínoas do mapa!
Mentres Lola sufría rexistros, ameazas e vixilancia, os seus irmáns eran vitimas de toda caste de persecucións. Jesús e Francisco foron detidos e perseguidos, o primeiro condenado a 20 anos de cadea. En 1937 o irmán máis novo, Manuel Domínguez Pacheco, tivo que alistarse no exército franquista. O 27 de setembro pasou á zona republicana . Como represalia, a nai e a muller de Manuel foron detidas. María da Luz, unha anciá á que lle mataron dous fillos e tiña outro na cadea, pasou sete meses no cárcere de Tui. Conta Juan Noya que o seu home, José Domínguez, esgotado, enfermo e cego, acabou pedindo esmola polas portas acompañado do seu neto Rodolfo. E morreu na primavera de 1938 nos brazos da súa filla Lola, repetindo como unha ladaiña: -Que me traian a María! Que me traian a María!
Mais a familia aínda escribiría intensas páxinas de amargura e heroísmo. Lola Dominguez Pacheco foi multada por visitar a súa amiga Esmeralda Domínguez, que hospedaba na súa casa familiares de presos do campo de concentración de Camposancos. A viúva de Antonio Domínguez Pacheco, Manuela Baz, embarazada de catro meses cando mataron ao seu home, foi acollida na casa de María e Aurora Álvarez, as Auroras. Alí naceu o seu fillo, inscrito no rexistro co nome de Antonio Amado e que tivo como madriña a María das Auroras. Unha muller “de alma grande e sinxela”, que agarda pacientemente o seu lugar na historia da solidariedade, da coraxe e do compromiso.
Segundo José A. Urís (Galicia Suroeste), María das Auroras foi detida, rapada, obrigada a beber aceite de ricino e exposta a escarnio na Praza do Reló de A Guarda. Mais aqueles emisarios do terror que a humillaron e que queimaron os seus libros na praza non conseguiron facela claudicar. Non renunciou nunca ás súas ideas e seguiu exercendo o ben naquel tempo gobernado por miserábeis vestidos de casaca e de sotana.
Por iso cando saiu do cárcere de Saturrarán Josefa García Segret, a viuva do mestre Hipólito Gallego, encontrou na Guarda “dúas mulleres dispostas sempre ao ben”, María das Auroras e Manuela Baz, que “ me abristes as portas da vosa casa para que tivera onde refuxiarme”.
Fontes:
Juan Noya: Fuxidos, edicións Xerais
José Antonio Uris: artigos publicados na web Galicia Suroeste
|
Ningún comentario:
Publicar un comentario