martes, 21 de outubro de 2014

AS ACTAS DO TERROR: MARCAS NA PEL

Para Mariví Villaverde, por transmitirnos a memoria e a esperanza

As feridas seguen aí, as marcas na pel, as cicatrices. Non se dan borrado, porque durante décadas formaron parte da memoria agochada, confiscada, proscrita. E ese tempo de negación, de silencio e de dor deixou unha pegada profunda, ideolóxica e psicolóxica, nunha colectividade que interiorizou o terror e transmitiu o trauma. Só a verdade, o coñecemento histórico, e a revelación desas memorias soterradas, poderá liberarnos do peso do pasado, da asfixia moral e mental dun tempo que teima en permanecer con nós. 

Non se gardan as actas do terror invisíbel, non existen imaxes nin documentos de tantos crimes impunes. Dos secuestros, das violacións, das malleiras. Das noites de insomnio. Das secuelas. Dos milleiros de mulleres rapadas, marcadas, sometidas psicolóxicamente mediante a exposición pública, a humillación, a vergoña. Unha e outra vez, o castigo exemplarizante para as que ousaron sair do espazo marcado, militar en organizacións sindicais e políticas de esquerdas, vestir camisas vermellas, entoar himnos revolucionarios e levar bandeiras nas manifestacións. Para as que eran nais, irmás, fillas, compañeiras, obrigadas a percorrer a praza pública coa cabeza rapada nun desfile interminábel, forzadas a bailar espidas, a varrer as rúas rodeadas de insultos e miradas de odio...; obrigadas a bautizarse, a chamarse Lucrecia ou Berta cando eran Democracia e Libertad.

Mariví Villaverde deixou en “Tres tempos e a esperanza” o relato minucioso da tortura a que someteron a varias mulleres da súa familia. A tía Luísa voltando do cuartel da Falange derrotada, humillada; a tía Luísa pechada durante días no seu cuarto con aquel pano atado á cabeza. A tía Carmen, desafiante ante a miseria daquel acto infame: “Ai que ben, que me ides aforrar por un tempo o perruqueiro”. Quedaron poucas imaxes deses días de terror, mais Mariví levou na súa maleta de exilada unha fotografía que resume toda a dor que sufriron as súas tías. A dor de todas as mulleres aldraxadas. A cabeza rapada de Juana Otero, as marcas na pel, as letras gravadas con nitrato de prata na súa fronte, os ollos abatidos, o silencio, a vergoña. Unha fotografía que é un xigantesco documento da memoria e a acusación definitiva polos crimes nunca xulgados e por unha xustiza por sempre postergada. E seguen aí as cicatrices, as feridas, o nitrato de prata, as marcas na pel e na alma. Agrandadas polo esquecemento, pola amnesia, pola amnistía. E ainda que lembrar doe, cómpre abrir as feridas, airear as memorias proscritas, sacar á luz todas as imaxes, dar a coñecer todos e cada un dos nomes. Para que triunfe a verdade. Para que gañe a xustiza e consigamos derrotar para sempre todo o mal que fixeron.

Ningún comentario:

Publicar un comentario