As que pasaron os que quedaron, aínda nadie o sabe
Carmen Meaños
Abuín
Manuela Abuín
Pardo morreu o 19 de xuño de 1950 no manicomio
de Conxo. Tres anos antes a súa filla Carmen foi visitala para dicirlle que
casara, ela e mais Emilio foron de lúa de mel a Conxo para visitar a nai.
Carmen aínda non tiña 19 anos e estaba chea de sufrir, chea de sufrir...
E a súa nai
sufrira moito máis. Porque a súa nai, Manuela Abuín Pardo, xa morrera moito
antes, o 15 de agosto de 1936, cando os falanxistas de Vilagarcía foron buscar
ao seu home, Antonio Meaños, á casa de Carril na que vivían cos dous fillos,
Carmen, que tiña oito anos, e Antonio, de seis.
Manuela Abuín Pardo (Fondo Meaños Abuín, Proxecto Nomes e Voces) |
Aquela noite de
agosto levaron a Tucho cara ao escuro. Levaron a Tucho e a Luís
Singul cara a aquela escuridade mesta e homicida dos camiños sen luz. E levaron
tamén o pouco que había naquela casa humilde de mariñeiros, as novelas, a
lámpada, o reloxo, uns patacóns... toda a pobreza e o orgullo daquela casa de
xente honrada que arelaba unha vida mellor. Aquela noite de agosto, aqueles
criminais levaron a paz e o sosego dunha muller coa vida arrebatada.
Manuela foi
detrás deles, non paraba de berrar: -Leváronme a Tucho, leváronme a Tucho.
Levou os nenos á casa da nai e pediulle á súa irmá Montserrat que fora con ela,
que lle axudara a salvar ao home. Cando ían pola rúa da Roda sentiron os tiros
e pouco despois atoparon os corpos de Antonio e de Luís. E Manuela sentiu que
lle quitaban a vida tamén a ela, e ficou alí paralizada polo horror, afogada
nunha mágoa infinita.
O medo era moi
grande, tan grande como a dor, tan forte como a raiba. E os corpos ficaron tirados na escuridade até
que ao día seguinte o pai de Manuela foi alí e recolleu con unha tristeza inmensa
os miolos esparexidos e meteunos dentro da gorra. E cando chegou a camioneta e
lle pediu aos gardas se podía taparlle a cara a Antonio con un pano branco,
dixéronlle que non, que para onde o levaban ía ben así.
Despois daquel
día Manuela Abuín comezou a travesía da dor, da coraxe e da loucura. A viaxe
amarga da persecución, das irmáns rapadas, dos irmáns presos no Lazareto. E a
decisión de nunca claudicar, de mirar cara a cara aos asasinos e chamarlles
polo seu nome. E cada vez que vía aquel home, o veciño que foi á súa casa o 15
de agosto, cantáballe asasino, asasino,
asasino...
Mais Manuela xa
non seguiu vivindo, xa non foi a mesma. Ela que era unha nai agarimosa,
namorada dos nenos, comezou a baterlles. E a tirar as cousas que había na casa;
levaba a roupa ou os mobles e deixábaos abandonados nos camiños. Até que un día
foi ao antigo Obelisco, que había alí un monumento a Calvo Sotelo, e esnaquizou
as bombillas que o alumeaban. E entón metérona no cárcere e pouco despois
levárona para Conxo.
Carmen Meaños A Carrilla (Fotografia de José Luiz Oubiña do libro Matriarcas) |
Manuela morreu
por última vez o 19 de xuño de 1950, no manicomio
de Conxo. Mais ficou aquí a súa filla Carmen Meaños Abuín, A Carrilla, para salvala da morte última, do esquecemento. Ficou
Ela, con toda a coraxe e a lucidez, para contar o que pasara.
Carmen Meaños cos seus pais, Antonio Meaños e Manuela Abuín |
Carmen Meaños
Abuín viviu todos os días da súa vida para honrar a memoria dos seus pais.
Para que seguiran vivindo nela. Faloulles de Antonio e de Manuela aos fillos con enorme estima e dignidade. Estivo
en todas as homenaxes ás vítimas da represión fascista, concedeu numerosas
entrevistas, protagonizou reportaxes nos medios de comunicación, foi partícipe
do Barco da memoria, reviviu unha e outra vez o sufrimento até esgotar as
bágoas, e contou a historia dramática e heroica do seus pais e a súa propia no
libro “Matriarcas”, de Montse Fajardo.
E entón dixo que xa podía morrer tranquila, como se cumprira unha promesa, unha arela gardada moi adentro, un soño sulagado no tempo interminábel de carraxe e de dor. Que os nomes do seu pai e de súa nai, que os nomes de Antonio Meaños Abelenda e Manuela Abuín Pardo, brillasen con luz propia na historia de Galiza, na historia do pobo traballador e valente. Como resplandecían nos seus ollos brillantes de bágoas e de orgullo.
E entón dixo que xa podía morrer tranquila, como se cumprira unha promesa, unha arela gardada moi adentro, un soño sulagado no tempo interminábel de carraxe e de dor. Que os nomes do seu pai e de súa nai, que os nomes de Antonio Meaños Abelenda e Manuela Abuín Pardo, brillasen con luz propia na historia de Galiza, na historia do pobo traballador e valente. Como resplandecían nos seus ollos brillantes de bágoas e de orgullo.
Fontes:
Montse Fajardo: Matriarcas (capítulo
dedicado a Carmen Meaños Abuín, A Carrilla), 2012.
Entrevista a Carmen Meaños Abuín (Arquivo de
Margarita Teijeiro)
Entrevista a Dolores Abuín (Arquivo de
Margarita Teijeiro).
Ningún comentario:
Publicar un comentario