Na miña terra de Vilaboa, o territorio é tamén un mapa de cicatrices. Son marcas invisíbeis na pel da paisaxe, no pano da historia. Como as curvas da Regaduxa, entre Acuña e Santa Cristina de Cobres, co seu ronsel de sangue e de infamia. Un territorio escuro, deshabitado, rodeado de sombras, que as partidas falanxistas sementaron de cadáveres. Daqueles crimes hoxe apenas permanece o silencio e a rabia, por tanta inxustiza, por tanta impunidade.
Tamén a memoria do pobo está chea de silencios e de cicatrices. E do sal das bágoas. Como na casa dos Cerqueiro, no lugar de Cavadachán, parroquia de Vilaboa. Alí estivo agochado case 3 anos, até maio de 1939, José Cerqueiro Regueira, carpinteiro de 44 anos. Os documentos oficiais din que se entregou ao gobernador Gómez Cantos, que estivo preso no cárcere de Pontevedra. Que foi xulgado en consello de guerra en Pontevedra o 26 de setembro de 1940 e condenado a 6 anos de cárcere por “indución á rebelión”. Que sufriu prisión na “Colonia de Redención” de San Leonardo de Yagüe, onde traballou na construción de vivendas. E no cárcere de Burgo de Osma (Soria), lonxe da casa, isolado, afogado na distancia e no desamparo daquel tempo de terror.
Castelao, do Álbum Galicia Mártir |
Os documentos non din nada da súa filla Lola. Mais si a
memoria do pobo, as mulleres que gardan o mapa das cicatrices. O ronsel das
feridas abafadas baixo o sal das bágoas. Elas fálanme de Lola Cerqueiro, das
visitas dos falanxistas de Vilaboa e de Moaña: “Levárona moitas veces de noite,
espida, a pasalo ben con ela...”.
Mentres o pai permaneceu agochado -tres anos encerrado
nun tobo na propia casa- Lola Cerqueiro foi rapada, secuestrada, aldraxada, violada.
E cando o pai foi condenado a 6 anos de prisión, Lola pechouse no seu propio
cárcere de silencio, de vergoña e de rabia. Estivo moito tempo encerrada na
casa, marcada, sinalada, atravesada de feridas que non desapareceron nunca.Lola Cerqueiro non figura nas actas do terror, nas listaxes das vítimas. Mais si permanece na memoria do pobo, nas voces que voltan coma unha promesa de xustiza adiada durante décadas. Nas voces que retornan para acabar co silencio e coa impunidade, para rematar co sal das bágoas, coas cicatrices.
Ningún comentario:
Publicar un comentario