martes, 23 de xuño de 2015

BUEU 1936 (I)


RICARDO GÓMEZ BUCETA NO TEMPO DA INFAMIA


A Ricardo fórono buscar os falanxistas de Bueu ás 7 da tarde do 21 de decembro de 1936. Dixéronlle que tiña que facer unha declaración. A súa muller, Josefa Lobeira, preñada do oitavo fillo, foille levar a cea ao cárcere do concello. Ao día seguinte foille levar o almorzo e xa non estaba. Ela e mais Rosalía, a irmá de Ricardo, fórono buscar a Castiñeiras e a Marín. Mais o seu corpo acribillado nunca apareceu.

Ricardo traballaba como depositario e administrador do concello de Bueu. Militaba no Partido Galeguista, e era compañeiro e colaborador do alcalde, Pepe Cueva (Johan Carballeira). Antes de matalo perseguírono con saña. Cóntao a súa muller nun estremecedor escrito, no que deixou testemuño da crueldade con que foi acosada a familia. Unha nota manuscrita que sinala tamén ao principal responsábel da morte de Ricardo: José María Massó.
Antes de matalo, sometérono ao descrédito e á vergoña. Á humillación denigrante. Acusárono dun desfalco de 3.170 pptas nas arcas do concello. Suspénderono de emprego e soldo e a familia tivo que vender dúas propiedades para pagar a cantidade reclamada. O 31 de decembro de 1936, días despois do asesinato, un informe externo propón a anulación da suspensión de emprego e soldo e da destitución. En xaneiro de 1937 o concello fai público un anuncio solicitando a súa reincorporación ao posto, e en febreiro acorda destituilo por non presentarse.

Ricardo Gómez Buceta
Era o tempo da infamia. Das águias e das pistolas nocturnas. De asasinos vestidos de azul e de sangue. Os que levaron aquela noite de decembro a Ricardo Gómez Buceta e deixaron na miseria, na dor e nunha ausencia interminábel a Josefa Lobeira, preñada do oitavo fillo. Para ela e para a súa cuñada Rosalía instaurouse o silencio, o medo, o sabor agre da derrota. E tamén a carraxe, a ira.
Rosalía Gómez Buceta percorreu todas as estacións da aldraxe e da mágoa. Despois da desesperación de buscar e non atopar ao seu irmán, volveuse tola. Estivo presa 18 días no cárcere do concello, rapárona, paseárona polas rúas da vila, sometérona ao escarnio público. Mais ela, presa tamén do desvarío, falaba sen medo, contra os falanxistas que mataran a Ricardo. E cando pasaba diante deles sacaba desafiante o pano que cubría a súa cabeza pelada.

Para Josefa Lobeira e os seus oito fillos sen pai tamén comezou daquela unha morte lenta, abafante, que se reproducía cada mañá, cada hora, cada noite de insomnio e de loito. Cada vez que se cruzaba na rúa cos asasinos, cos cómplices, cos emisarios daquel tempo de terror e de infamia que lles tronzou a vida. Nos dejaron en la miseria. Fuimos perseguidos como perros y mi hijo Ricardo de 11 años estuvo preso... Y además nos venían a golpear en la puerta todas las noches.
Josefa escribiu aquelas 18 liñas (“La triste historia de Ricardo Gómez Buceta”), que no seu trazo irregular e firme son un documento excepcional: crónica do espanto e do agravio, acta de acusación e reclamo de xustiza, relato da amargura e do rancor.

Anos despois Josefa Lobeira e os seus fillos embarcaron en Vigo, no Monte Udala, rumbo a Montevideo. Era imposíbel sobrevivir naquel Bueu escuro, afogados pola ausencia, sinalados, excluídos, confinados no silencio e na miseria. Marcharon mais levaron con eles a memoria, o orgullo, o retrato fiel do compromiso e da loita. A estampa de Ricardo e de Rosalía agardando xustiza, retornando daquel tempo de infamia e camiñando de novo polas rúas do Bueu do mar e da luz.


Agradecementos

A Pepe Novas e á asociación Johan Carballeira, por devolvernos a memoria daquel Bueu de homes e mulleres que miraron lonxe e que perderon tanto...

Fontes:
- II crónica da represión en Bueu: os homes e as mulleres 75 anos despois (Asociación Amigos de Johan Carballeira)
- Entrevista colectiva Bueu (Proxecto Nomes e voces)

 



Ningún comentario:

Publicar un comentario