sábado, 21 de novembro de 2015

FERIDAS DE NOVEMBRO


O 12 de novembro do 36 tinxiuse de sangue e de loito en Pontevedra. De friaxe e de dor. Da hemorraxia interna que fendeu a vida de dez homes nobres, no piñeiral da Caeira: Amancio Caamaño Cimadevila (médico), Telmo Bernárdez Santomé (médico), Luis Poza Pastrana (médico), Paulo Novás Souto (mestre), Benigno Rey Pavón (mestre), Ramiro Paz Carbajal (editor), Victor Casas Rey (xornalista), Juan Rico González (capitán da Garda de Asalto). Foran condenados á pena de morte nun consello de guerra sumarísimo –xuízo farsa- celebrado no pazo da Deputación de Pontevedra os días 30 e 31 de outubro dese ano http://anosdomedo.blogspot.com.es/2014/11/doce-de-novembro-de-1936.html
Fina Paz, na homenaxe do 12 de novembro
O 13 de novembro comezou para as familias, especialmente para as mulleres, unha longa travesía de silencio e de dor. Unha dor que dura xa 79 anos, e que ainda permanece no fondo dos corazóns, e permanecerá para sempre. Porque durante décadas non tiveron apenas dereito a chorar publicamente aos seus, a celebrar un funeral. Non podían poñerlle flores na tumba na época das prohibicións, do silencio e do ódio. Non houbo tempo para as bágoas, que tamén estaban prohibidas para as familias dos fusilados. E tiveron que convivir con esa traxedia, con esa dor inmensa, compartila e sobrelevala en silencio, no interior das casas. Mentres, fóra, campaban os asasinos, as ideas dos asasinos, as burlas dos verdugos.

Mais no medio do terror xurdiu a coraxe, a dignidade, a rabia. Os acenos de rebeldía e solidariedade no tempo do silencio, na noite eterna da Ditadura.
Alí estaban as nenas que poñían flores furtivas nas tumbas sen nome do cemiterio de San Amaro.

As mulleres de Redondela que fixeron unha colecta para poñer unha lápida na tumba de Telmo Bernárdez. E que lles confiscaron os cartos entre burlas, ameazas e insultos.

A coraxe de Elena Pereira Otero, que foi a Pontevedra a amortallar o corpo de Telmo Bernárdez e colleu no interior da chaqueta a estampa de Santa Gema, tamén furada polas balas, acribillada polos fascistas.
A solidariedade de Josefina Arruti, que abriu as portas do panteón familiar de San Amaro para acoller o corpo de Paulo Novás e os restos de ducias de fusilados.

O amor de Cinta Rey, que se retratou abrazada ao piñeiro da Caeira contra o que fusilaron ao seu fillo, o xornalista Víctor Casas. Unha foto para a historia que foi feita por Amalia Álvarez, a viúva de Bóveda, fusilado no mesmo lugar.
O taller de costura de Rita Sobrido, viúva de Germán Adrio, que foi refuxio de consolo e de bágoas, de conversa e solidariedade para moitas familias represaliadas. Sábeno ben Pura e Fina Paz, ou Maruja Adrio, que compartiron as horas do taller, os bordados, a tristeza, os sorrisos, as viaxes...

Os acenos de coraxe de Fina Paz, a filla de Ramiro Paz, que nunca, nos 40 anos de Ditadura, levantou a man ao paso da bandeira ou ao son do himno...
Novembro segue aí, coa dor das feridas. Mais tamén co orgullo e a dignidade das familias que resistiron, que permaneceron en pé. E que nos transmitiron un inmenso legado de memoria e de luz. De exemplo e de futuro.

1 comentario: