luns, 2 de novembro de 2015

MILLO DO 36


O millo salvou moitas vidas

Si. O millo salvou moitas vidas. Foi sustento, pan, gran, celeiro que alimentou a xeracións durante séculos. Mais aquel verán, nos meses de xullo, agosto e setembro do 36, salvou outras vidas. Foi o cereal protector. Abeiro, agocho, refuxio. O campo dos encontros furtivos, do sustento e da solidariedade.
Antes do 20 de xullo en moitas casas reinaba a felicidade. Están aí as imaxes, que non menten. Eran casas humildes, de xentes humildes, traballadoras, mais eran casas felices. Había necesidade si, mais tamén festas e sorrisos. E soaba alegre a música da banda de Ponte Sampaio, co fiscorno de Manuel de Socorra e o bombardino de Eligio Rey. E había arelas dun mundo diferente. En Vilaboa homes e mulleres traballaban no mar, na terra e nas canteiras, de sol a sol, sen dereitos e sen horarios. Polos dereitos e polos horarios crearon a Sociedade de Agricultores e Obreiros de Vilaboa. Para defenderen o seu, para loitaren por unha vida mellor. Eran das esquerdas e por iso o 20 de xullo foron a Pontevedra, nunha camioneta requisada, armados con escopetas tamén requisadas nas casas máis abastadas, de homes de dereitas, contrarios aos dereitos e aos horarios.

Despois daquel día deixou de soar a música. Cando na noite do día 20 viñeron de volta daquela primeira derrota sentiron o que era o medo. O terror. A vida á intemperie. As noites de insomnio no monte ou enriba dunha figueira. Refuxios improvisados en alboios e canastros. Pola noite agochábanse nos montes da Cerca, do Castro, da Costa, lugares que tan ben coñecían das xornadas interminábeis das canteiras.
E tamén souberon o que era o amor e a solidariedade. E a coraxe e a raiba. Sentimentos que tiñan rostro e nome de muller: Pepa do Tombo, Jesusa Valladares, Lola Cerqueiro, Tucha García, Matilde Vidal...  E tamén eran de muller as mans que amasaban o pan, que o cocían no forno, que cosían a roupa e procuraban calzado, que mercaban ás agochadas tabaco e medicina e os levaban ao lugar dos encontros clandestinos. Que aturaban insultos, humillacións e malleiras para protexer os seus.
Paisaxe de Manuel Colmeiro

Daquela tamén souberon dos campos de millo. Da súa función protectora, encubridora, solidaria. Era o lugar dos agochos e dos encontros. O cereal refuxio. Era doado fuxir polos campos de millo cando o sinal anunciaba a chegada dos asasinos, cívicos e falanxistas. Así foi como salvou moitas vidas.
Pola noite durmían no monte, á intemperie, a un paso da morte. A un paso do cemiterio de Ponte Sampaio, onde o 25 de setembro abandonaron de madrugada os corpos acribillados de Ángel Nores Rodríguez e Estanislao Mallo Martínez, de Cangas. Para eles non houbo monte nin millo refuxio. Porque foron secuestrados polos gardas civís Jesús Barja, Pablo Lores e Miguel San Juan Raposo, que deixaron rexisto escrito do crime.

Cando desapareceu o millo, a vida foi máis dificil nas terras de Vilaboa e Ponte Sampaio. O tempo foi a peor, veu a chuva e o frío e o monte xa non era un abeiro seguro. Daquela fixeron os agochos nas casas. Os tobos nos que pasaron tres anos, máis de mil días coas súas noites de silencio e escuridade. Un tempo sen o millo do 36, sen música, sen festas e sen sorrisos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario