mércores, 26 de agosto de 2015

BELA BERNÁRDEZ GÓMEZ NO TEMPO DAS GAMELAS E DOS ABRAZOS

Para Manolo Puga, herdeiro orgulloso da memoria familiar, do memorial de dignidade que nos legaron Luís Pereira e Ernestina Otero.


Bela Bernárdez no tempo das
gamelas e dos abrazos
Isabel Bela Bernárdez Gómez (Redondela, 27 de febreiro de 1917-México DF, 2000) era filla de Telmo Bernárdez Santomé, médico e político redondelán fusilado o 12 de novembro de 1936 na Caeira (Pontevedra) e de Isabel Gómez Costas. En xullo de 1936 tiña 19 anos e todos os soños por cumprir. Rematara os estudos do plan profesional do maxisterio na Escola Normal de Pontevedra, exercera como mestra nunha escola rural de Cambados, tocaba o piano na casa familiar, gozaba nadando e practicando o remo na praia de Cesantes, e vivía feliz o noivado con Antonio Ocampo Otero.

Mais naquel verán do 36 Redondela e Galiza toda tornáronse escuras. Os pistoleiros da Falanxe, da Garda Civil, da Garda Cívica impuxeron o terror, as noites das cunetas e dos cemiterios.  En poucos meses a vida de Bela e dos seus tinxiuse de sangue e de loito. Polo pai asasinado, polos irmáns (Suso e Telmo, mestres ilusionados e comprometidos coma ela) presos no Lazareto e en San Cristóbal. Pola nai (Isabel Gómez Costas, muller coraxe http://nondesaesquecemento.blogspot.com.es/2014/12/isabel-gomez-costas-muller-coraxe.html) perseguida, sinalada, condenada naquela Redondela de manifestacións fascistas, de desfiles militares, de visitas nocturnas, de misas e vixilias a favor do terror, de rapas, de malleiras, de viaxes sen retorno a unha curva, a unha cuneta, a unha praia que ao día seguinte aparecían inzadas de corpos acribillados...
Aqueles emisarios do medo tamén foron buscar a Bela para rapala porque levara a bandeira republicana nas manifestacións despois do triunfo da Fronte Popular. Mais o que quedaba da familia Bernárdez Gómez estaba a salvo, refuxida en Tameiga (Mos), baixo a protección de amigos e familiares.

Daquela tamén foran á casa de Ernestina Otero e de Luís Pereira, na procura das súas fillas Genma e Elena, mais o pai opúxose con firmeza e coraxe. E non puideron rapar a Genma. E tampouco puideron asoballar a Elena, aquela moza chea de afouteza que fora a Pontevedra amortallar o corpo de don Telmo Bernárdez, e que lle quitou do bolsillo interior da chaqueta unha estampa de Santa Genma furada polas balas. Aquela moza valente que despois amortallou o corpo acribillado de Paulo Novás. Aquela moza irada que insultou as tropas militares cando pasaron en camións para masacrar Tui.
Cando Redondela ficou ocupada polo odio, pola vinganza, polo terror; cando non era posíbel respirar; cando xa nin sequera se podía sobrevivir á fame e á dor e á derrota, o que quedaba da familia Bernárdez Gómez, Isabel e seis fillos, refuxiáronse na Tameiga natal. E desde alí, coa axuda do avogado Juan Amoedo, prepararon a fuxida cara ao descoñecido (Porto, Burdeos, París, Nova York, México...), cara a un exilio que xa duraría toda a vida.

Documento da chegada de Bela Bernárdez
a México (Secretaria de Estado de Cultura
de México)
Despois de chegar a México a finais de 1939 –logo dunha travesía por medio mundo que durou dous anos-, Bela Bernárdez comezou unha nova vida, lonxe dos soños daquela mocidade feliz que quedara atrás para sempre. Afastada da luz que impregnara os primeiros días de xullo, das tardes de sol na praia de Cesantes, dos sorrisos da rapazada da escola de Cambados, do sabor dóce dos bicos de Antonio, ...
Nunca máis voltou a Redondela. Nunca máis foi feliz como o fora alí. Tampouco cando xa nos anos 40 Antonio Ocampo, o seu mozo de xullo do 36, viaxou a México e souberon definitivamente que el non podía ficar alí, e que ela non podía volver. Porque aquel noivado, aquela felicidade, aquela casa na que soaba o piano, aquela vila apacíbel, aquelas tardes de gamelas e abrazos furtivos formaban parte dun tempo para sempre clausurado.

 
Fontes
-Entrevista a Lucila Pereira Otero (Proxecto Nomes e Voces)

-Entrevista a Clementina Villar (Proxecto Nomes e Voces)

-Conversas con Manuel Puga

-Gonzalo Amoedo e Roberto Gil Moure: Redondela, crónica dun tempo pasado, Ediciós do Castro
-Mestras de Redondela (1900-1945), Asociación de Mulleres Xanela

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario