Na memoria de Silo Cal Muíños e
Amélia Cal Brandao
Para Luísa Tiago de Oliveira, por
descubrir a fermosa historia de solidariedade das casas refuxio do PortoEn decembro de 2014 escribín neste blog un artigo sobre o exilio invisíbel de Isabel Gómez Costas. Falaba daquela do asasinato do seu home, o médico redondelán Telmo Bernárdez, fusilado na Caeira o 12 de novembro de 1936. Falaba da persecución dos dous fillos maiores, Telmo e Suso, mestres os dous, depurados e encarcerados. Telmo foi condenado a cadea perpétua e estivo preso en Pontevedra, Ponte Caldelas, San Simón, Figueirido e San Cristóbal (Pamplona). Saiu en liberdade en 1940 e despois de pasar por Portugal exilouse en México en 1947.
Suso estivo preso en Redondela e San Simón. Cando saiu
en liberdade, a finais de 1936, pasou a fronteira cara a Portugal, e estivo un
tempo refuxiado no Porto, na casa solidaria de Silo Cal Muíños (natural de
Redondela) e da súa muller, Amélia Cal Brandao. A mesma casa que a finais de
1937 lle deu protección e agarimo a outra irmá, Isabel Bela Bernárdez (tamén mestra depurada, ameazada, perseguida), e á
nai, Isabel Gómez Costas, e aos fillos pequenos que levou canda ela ao exilio,
nunha viaxe de dous anos (finais de 1937- finais de 1939) con estadías en
Porto, en París, en Nova York e finalmente en México.
Falaba en fin dunha existencia imposíbel na Redondela
posterior ao golpe de Estado do 36, da perda e da derrota, da dor e da
dignidade dunha familia que se mantivo en pé, contra a Ditadura, contra a
inxustiza, contra o silencio, contra o esquecemento.
Isabel Gómez Costas con cinco dos seus fillos, no Porto (1937-38) |
Entón contactei coa descendencia da familia Bernárdez Gómez, residente en México, e envieilles un extenso cuestionario para saber máis dunha historia que para min é un símbolo do sufrimento, da resistencia, do esquecemento e da dignidade. Sei que están procurando datos, imaxes, lembranzas, e que algún día poderei completar o relato sobre esa travesía chea de coraxe que protagonizou Isabel Gómez Costas.
Fotografia de Isabel Gómez realizada en Porto |
Aquelas imaxes trouxeron unha inmensa alegría. Polo que contaban e polo que significaban. Porque axudaban a completar o relato da fuxida, do paso clandestino da fronteira do Miño, do medo ao descoñecido, da estadía feliz no Porto, na casa solidaria dos Cal Brandao. Unha historia ainda por escribir...
Máis entradas sobre a familia Bernárdez Gómez
Ningún comentario:
Publicar un comentario