AS ACTAS DA DIGNIDADE: ELSA OMIL
Hai moi poucas imaxes da ignominia, moi poucos
rexistros do terror falanxista. En Marín moitas mulleres souberon as maneiras dos
matóns e torturadores, dos violadores, dos asasinos. Ignacia Martínez Omil
contou para Nomes e Voces a historia da súa familia, martirizada polas súas
ideas políticas e pola pertenza á relixión evanxélica. Ignacia Martínez Omil fala con orgullo do seu pai, José
Martínez Rodríguez, “Collona”, militante da CNT, presidente da Sociedade de
Maquinistas, preso no Lazareto, onde se negou a confesar xunto con Celestino
Poza e outros dezaseis homes valentes. Dos vellos de San Simón, comendo verzas
fervidas en auga, desamparados naquel inverno húmido e frío. Dos evanxélicos de
Vilar (Silleda) presos na illa pola denuncia dunha mestra. Da súa nai,
traballando de costureira polas casas para alimentar a familia nos anos longos en que o pai
estivo preso. E da solidariedade das peixeiras de Marín, que lle daban un peso
para axudar a sobrelevar a penuria. Tamén se lembra Ignacia Martínez Omil das
mulleres vestidas de falanxistas, mulleres novas “de ideas retorsidas” que a insultaban
cando ía lavar ao río e na praza diante da xente: - Teñen que paghalas. -Cortar o pelo non é nada, hai que cortarlle o
pescozo...
Da súa tía Elsa Omil Torres, que nacera en Boston, onde
emigrara o seu pai. Elsa Omil era unha moza nova, non chegaba aos 20 anos, e
traballaba na casa dun garda civil. Levárona ao cuartel de Falanxe por dicir
que non, por negarse a marchar de Marín coa familia do garda civil cando lle
deron un novo destino. Elsa Omil foi castigada, rapada e humillada por dicir
que non e por ser dunha familia republicana. Elsa chorou até que lle secaron as
bágoas (-Ai meu peliño) no medio das
chanzas e dos risos dos falanxistas.
A dobre nacionalidade da moza provocou a intervención
do consulado dos EEUU e o caso chegou a sair na prensa norteamericana. E Elsa
Omil acabou marchando para os EEUU, mais antes quixo facer un retrato que hoxe
é un icono do mal, da sombra sinistra dos criminais que a martirizaron. Mais
tamén é a imaxe do compromiso e da loita. A imaxe da beleza e da dignidade. O
rexistro da memoria resistente, insubmisa, rebelde. O rostro das mulleres que
renacen do silencio de décadas, que volven da noite dos tempos para sentir o noso
orgullo, a nosa gratitude.
Para Celso Milleiro, divulgador incansábel da memoria represaliada e resistente de Marín
Ningún comentario:
Publicar un comentario