sábado, 1 de novembro de 2014

AS ACTAS DA DIGNIDADE: FLORES NAS GAVIAS

“Se é duro levar flores a unha tumba, éo moito máis levalas a unha gavia”

En Galiza, a partir do 18 de xullo de 1936, non era tempo para o heroísmo. E aínda así houbo heroísmo e coraxe e firmeza en moitos homes e mulleres que se enfrontaron ao fascismo, uns coas armas e os ideais, e outros coa razón das súas conviccións irrenunciábeis. A maioría destes homes e mulleres enchen aínda tumbas anónimas nos cemiterios, nas gavias, nas rías de Galiza. A maioría son mortos sen nome e sen tumba, sepultados no inmenso cemiterio do esquecemento.

Conta Evaristo Mosquera en “Catro anos a bordo dunha illa”, dous episodios da biografía de Alexandre Bóveda que dan a idea cabal da grandeza dun home que se enfrontou aos últimos momentos da vida con unha altura ética que é tamén a demostración da miseria dos seus verdugos .O primeiro corresponde á tardiña do 21 de xullo de 1936. Mosquera vai ao goberno civil (que daquela estaba no edificio da Deputación) e ao entrar encontra a Bóveda que baixa só as escaleiras en penumbra. Alexandre recoméndalle que vaia para a casa e el queda alí para dar instruccións e asumir toda a responsabilidade. O segundo corresponde ás horas finais, os días previos aos 17 de agosto. Está preso nos baixos da antiga Escola Normal agardando que se execute a sentenza mentres a familia fai xestións para salvalo. Acompáñano algúns amigos, entre eles Evaristo Mosquera, para facer máis levadeira a espera. Son horas dramáticas, que pasan xogando cun improvisado xadrez de papel. No intre decisivo, Alexandre asume o final con unha dignidade e unha nobreza que asombra aos que o acompañan. Cando chega o piquete de soldados que o traslada á Caeira, abraza os amigos e di unha última frase conmovedora: “Sede valentes”.

Alexandre Bóveda é un símbolo da resistencia ao fascismo, da dignidade, da intelixencia e o traballo postos ao servizo dun ideal, dunha causa nobre, dun pais. Matárono no mellor da vida, cando tiña 33 anos e un cartafol no que estaban deseñadas todas as arelas de xustiza e progreso para a súa Terra, para a súa xente. É o gran símbolo da Galiza Mártir, da Galiza valente, solidaria, soberana.

Hoxe levaremos simbolicamente flores á tumba de Alexandre, ás tumbas dos heroes, aos mortos daquel verán de cunetas rebosantes de sangue boa, xenerosa. Aos que ficaron encerrados nas casas, enterrados nos sotos; os recluidos nos recintos da loucura e do pesadelo; os atrapados no carrusel interminábel do silencio e a culpa; os que tiveron que calar, gardar para si a amargura da derrota; os corpos dos homes e mulleres desaparecidos no silencio da historia, enterrados debaixo de 78 anos de esquecemento.

Hoxe poremos simbólicamente flores en San Amaro para Otilia Meis e para Josefina Arruti. En Lérez para Custodia Gama. En Marín para Carmen Pesqueira “A Capirota”. En Vilaboa para Pepa do Tombo e Lola Cerqueiro. En Cidade de México para Isabel Gómez Costas e en Buenos Aires para María Miramontes. Para Abelardo Sobral na ría de Vigo, entre Domaio e A Guía. Nas augas frías das Cíes, para Rosario Hernández "A Calesa". Para os asasinados do Anguiero no mar de Cangas... 

Hoxe poremos simbolicamente flores nas gavias para os mortos sen nome e sen tumba. Para os corpos que non volveron.

Ningún comentario:

Publicar un comentario