Reunión do Consello da Memoria (2006-2009) |
Aínda quedan moitas batallas pendentes
da memoria, nas institucións e na sociedade. Os últimos movementos a nivel
internacional (Informe do Relator Especial da ONU Pablo Greiff e Querela
Arxentina) poden traer ventos favorábeis, mais os procesos da memoria histórica
teñen que ter necesariamente unha dinámica propia, centrada nos intereses e nas
necesidades do pais. A continuidade no
tempo das políticas públicas e o afortalamento das organizacións e entidades
sociais que traballan neste eido son dúas pezas clave para superar o actual
ciclo declinante e proseguir con éxito a loita pola verdade, a xustiza e o
recoñecemento de todas as vítimas da Ditadura franquista.
Os avances na
primeira década deste século foron importantes, tanto no plano institucional
coma no social. O fortalecemento do tecido asociativo, os programas
desenvolvidos polo goberno galego no período 2005-2009, as actuacións
promovidas desde algúns concellos e desde as Deputacións da Coruña e Lugo, a multiplicación
de estudos e publicacións de carácter xeral e local, as actividades
conmemorativas e as homenaxes crearon un marco que foi asentando un novo
discurso histórico, un ambiente social máis receptivo, a emerxencia de moitas
memorias silenciadas e unha sensación de amparo para as vítimas e as familias. Mais o cambio político operado na Xunta e nos concellos en 2009-2011 demostrou a fraxilidade de moitos destes avances. A actitude hostil da Xunta de Galicia, gobernada polo PP, foi abafando e anulando progresivamente moitas iniciativas impulsadas desde a base social e desde as institucións. O caso máis notorio foi o desmantelamento do proxecto Nomes e Voces, unha iniciativa promovida desde a Consellaría de Cultura en 2006, e que –con todas as súas eivas- permitiu poñer as bases dun Arquivo Público da Memoria Histórica de Galiza.
A eliminación das axudas a entidades e persoas, a supresión do Consello da Memoria ou a extinción do Convenio para a Exhumación de Foxas foron outros pasos determinantes para desmantelar as políticas públicas que se desenvolveron no período 2005-2009 desde o goberno galego. Ou para sermos máis precisos, desde a Consellaría de Cultura baixo a dirección do BNG.
Talvez o punto
culminante do intento de aniquilamento de todo o que se fora erguendo con
grande esforzo foi a ocultación de San Simón como lugar de represión e espazo
de memoria, eliminando da programación da Illa calquera mención ao seu pasado
como espazo represivo. Unha auténtica profanación do principal espazo simbólico
da memoria, asumida, todo hai que dicilo, con certa pasividade e resignación.
O informe do
relator especial da ONU Pablo Greiff, feito público no pasado mes de setembro,
constata a ausencia de auténticas políticas públicas de memoria histórica no
Estado, e a pervivencia de lecturas do pasado asentadas durante a transición
que parten de postulados defendidos polo franquismo. Principalmente a idea de
que as violacións dos dereitos humanos que se produciron foron “unha amalgama
de feitos violentos acontecidos no marco dunha contenda entre dous bandos
opostos”. Greiff reclama un compromiso claro do Estado para darlle vixencia
plena, con carácter prioritario, aos dereitos á verdade, á xustiza, á
reparación e ás garantía de non repetición.
A deslexitimación do sistema político institucional que xurdiu da transición, a proxección
internacional do tema e a proximidade do 80 aniversario do
levantamento fascista en 2016 poden crear un contexto favorábel para a
necesaria reactivación do compromiso individual, asociativo, político e
institucional a prol da memoria da represión e da resistencia en Galiza.
Mais todo pasa
por un punto de partida ineludíbel. Asumir que se trata dunha loita democrática
fundamental, dun combate político e ético prioritario, que non se debe adiar
pola urxencia doutras causas máis cómodas ou máis rendíbeis. Que non se pode
construir un país sobre o esquecemento, sobre o silencio, sobre a mentira, sobre
a destrución da memoria das vítimas e dos ideais polos que loitaron.
Que á par do
discurso histórico cómpre seguir construindo o relato humano das múltiples
caras do terror e da súa onda expansiva, que atinxiu a amplos sectores da
sociedade e que golpeou con especial crudeza ás mulleres.
Que precisamos
de símbolos para construir a memoria común, símbolos humanos e lugares da
memoria que nos vencellen no pasado e no porvir. Mais o cultivo dos símbolos é
necesariamente compatíbel co recoñecemento e a homenaxe, unha por unha, de
todas as vítimas da represión fascista.
E que o
exercicio da memoria é un desafío permanente, que non acaba nunca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario