"Descansaré cuando en la partida de defunción de mi padre ponga fusilado" |
Os asasinos e os seus amanuenses construiron unha
sinistra retórica do terror. As partidas de defunción depositadas nos rexistros
civis enumeran o código macabro das causas da morte: hemorraxia interna,
hemorraxia cerebral, colapso interno, hemorraxia intratorácica, parálise dos centros
cardíaco e respiratorio...
Manuel
Aballe era mariñeiro, tiña 41 anos e vivía en Nigrán. Segundo
os documentos oficiais morreu en Baiona, na estrada Pontevedra-Camposancos, a
causa de “hemorraxia cerebral”. Nós sabemos a verdade: Aballe, con outros oito
mariñeiros do Val Miñor, foi sacado do cárcere de Vigo e asasinado por unha
partida falanxista que deixou o seu corpo á intemperie dunha noite de outubro
de 1936, no lugar que hoxe coñecemos como “A Volta dos Nove”.Feliciano Abella era empregado, tiña 24 anos e era veciño do Areal, en Vigo. Nas actas do terror consta a súa morte nun lugar descoñecido, a causa de “hemorraxia e destrución cefálica intracraneal”. Nós sabemos que foi vilmente asasinado nunha noite de agosto de 1936 e o seu corpo ficou tirado nunha gavia, coma se fose un animal.
Albino Agraso, zapateiro, de 27 anos e veciño de Seixo-Marín, faleceu segundo os documentos oficiais a causa de “colapso cardíaco” o 31 de decembro de 1936. Foi asasinado por un peloton de fusilamento en Pontevedra, canda outros dirixentes republicanos de Marín.
O 21 de agosto de 1936 un comando falanxista de Verín secuestrou, torturou e exhibiu nun carro de vacas -para escarnio e terror- á labrega comunista Anunciación Casado Atanes, 38 anos, de Viana do Bolo. Foi asasinada nas Reverdeitas, no camiño da Gudiña a Viana. A partida de defunción sinala como causa da súa morte “destrución e fractura de masa cerebral”.
María del Valle Lozano (María de Beiro), 49 anos, e Salud Torres Díaz, de 25, ourensás, foron secuestradas na prisión de Celanova e asasinadas o 29 de outubro de 1937 en Lomba de Lamas (Xinzo de Limia). O fillo de María, Manuel Gómez del Valle, mestre e escritor, foi fusilado en Ourense o 11 de agosto de 1936. As partidas de defunción de María de Beiro e Salud Torres certifican o crime como morte por “destrozo cerebral”.
O rexistro civil de Pontevedra recolle a morte de Ramiro Paz Carvajal, impresor pontevedrés de 45 anos, a causa de “hemorraxia interna”. Foi procesado por traizón, condenado a pena de morte e fusilado na Caeira o 12 de novembro de 1936.
As actas dos crimes permaneceron durante décadas ocultas, custodiadas polos vencedores e os seus herdeiros. A transición –co seu ronsel de transaccións e de traicións- mantívoos pechados con sete chaves. Até que a forza imparábel das familias, das asociacións e dos investigadores obrigou a abrilos. Reclamaban o dereito á verdade, fronte á falsificación oficial. Reclamaban xustiza e reparación, fronte a tanto silencio cómplice.
Sempre me conmoveu o exemplo de Isidro Paz, fillo do
dirixente socialista pontevedrés Ramiro Paz, fusilado na Caeira o 12 de
novembro de 1936. Tiña os ademáns dun home recto, íntegro, cabal. Un día lin a
entrevista que lle fixeron na edición pontevedresa da Voz de Galicia. Dicía alí
moitas verdades e pedía algo que parecía pouco, mais que era todo: “Descansarei
cando na partida de defunción do meu pai poña fusilado”. Hoxe, despois da Lei
da memoria histórica de 2007, aínda non é posíbel cumprir o soño de Isidro Paz.
E nós tampouco descansaremos...
Ningún comentario:
Publicar un comentario