Isabel Gómez Costas non figura na listaxe de vítimas do proxecto Nomes e Voces. Isabel Gómez Costas desapareceu da historia, perdeuse na nebulosa do tempo desde que un día do outono de 1937 marchou de Redondela deixando atrás o marido asasinado e dous fillos presos. Deixando atrás o ronsel de humillación, de amargura, de silencio, de vergoña, de sangue e de bágoas en que se converteu a súa vida a partir de xullo de 1936.
Isabel Bela Bernárdez Gómez |
E foi así como Isabel Gómez Costas decidiu aquela fuxida cara ao descoñecido con seis fillos e atravesou medio mundo ao longo de dous anos para reunirse en México co seu fillo Jesús, que saira do cárcere do Lazareto e marchara a Portugal e pasara ao exército republicano e despois da derrota viviu a humillación dos campos de concentración franceses e logrou finalmente pasaxe no Ipanema e chegou a México o 7 de xullo de 1939.
Entretanto Isabel Gómez Costas saíu con seis fillos cara ao Porto onde permaneceu un tempo sob a protección de Silo Cal Muiños, orixinario de Redondela, e da súa muller Amelia Brandao. Tempo despois partiron cara a Burdeos e establecéronse temporalmente en París até que a finais de 1939 embarcan no porto de Le Havre cara ao Nova York, onde reciben o apoio das Sociedades Hispanas Confederadas. Aínda faltaba unha última etapa naquela viaxe chea de amargura e heroísmo, faltaba atravesar en autobús os EEUU e chegar á fronteira mexicana e coller un novo autobús para finalmente reecontrarse en Cidade de México co seu fillo Jesús.
A partir de aí o nome e a vida de Isabel Gómez Costas pérdese no buraco negro do esquecemento. Na escuridade da noite dos tempos. Na nada e o silencio ao que foron condenadas tantas vítimas da barbarie fascista. Unha nova e definitiva derrota na sucesión de traxedias persoais e colectivas que comezaron en xullo de 1936. Non sabemos case nada da dor, das xornadas interminábeis de traballo de Isabel Gómez Costas para sacar adiante os fillos na soidade do desterro mexicano.
Ou si sabemos. Sabemos da súa fortaleza, do seu amor, da súa enorme xenerosidade de muller coraxe, das súas mans e os seus ollos gastados de coser en xornadas interminábeis, das súas renuncias para que os fillos e fillas tivesen pan e estudos e traballo. Para que José se licenciase en medicina, e Carmen e Rita estudasen Químicas e Basilio Filosofía. Sabemos tamén das renuncias dos fillos maiores, Telmo, Jesús e Isabel, mestres apartados dos seus destinos e depurados en setembro de 1936, perseguidos con crueldade, e que tiveron que comezar unha nova vida profesional na adversidade dun país extraño a partir de 1939.
Sabemos enfin que existen aínda miles de vítimas silenciadas coma Isabel Gómez Costas. E que non haberá xustiza, non haberá verdade, non haberá unha democracia digna de tal nome en tanto non se coñezan os seus nomes e se restauren as súas vidas rebosantes de xenerosidade, de humanidade, de coraxe, de heroísmo.
PD. Isabel Gómez Costas viviu máis de 30 anos en México. Morreu no exilio o 16 de febreiro de 1971. A reconstrución da epopea de Isabel
Gómez Costas e dous seus fillos e fillas foi posíbel grazas ás seguintes
publicacións: Redondela, crónica dun
tempo pasado, de Gonzalo Amoedo e Roberto Gil; "México y Estados Unidos, dos países receptores del exilio republicano español de 1936", de Nancy Pérez Rey e María Presas Beneyto; e “Mujeres exiliadas en
México: gallegas de Tabeirós e Terra de Montes”, de María Luísa Pazos. A
fotografía de Bela Bernárdez Gómez foi tirada do libro Mestras de Redondela 1900-1945, editado pola Asociación de Mulleres
Xanela en 1999. Espero poder completar algún día este artigo con unha imaxe de Isabel
Gómez Costas; sería un pequeno paso para que a súa figura de muller coraxe se
faga definitivamente visíbel.
Ningún comentario:
Publicar un comentario