sábado, 3 de xaneiro de 2015

DAS CASAS REFUXIO: MASACRE NA BOUCIÑA

Para Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, construtores da gran casa refuxio da memoria resistente

Tiñamos arados, tiñamos bois, tiñamos un becerro, tiñamos unha arca, unha casa, e levaron todo no 37, o 18 de marzo de 1937. Ata había unha galiña con pitos e tamén a levaron. Queimáronme a casa. Leváronme todo e deixáronme nada máis que coa roupiña do lombo. Leváronme para o cárcere e alí mesmo os presos fixéronme para me vestir... (Testemuño de Magdalena Caride Fernández, da casa da Bouciña, recollido en GIRÁLDEZ LOMBA, Antonio: 1939. La guerra ha terminado... hace 60 años e Vigo, IEV, 1999)

O 17 de marzo de 1937 o sangue correu a regos no lugar da Bouciña e no cemiterio de Lavadores. É o relato amargo do terror falanxista, que se multiplicaba con cada acto de resistencia, e que nos primeiros meses de 1937 perseguiu con saña aos defensores da liberdade e deixou unha longa estela homicida en todo o país.

É tamén a crónica dunha historia ben fermosa, a das casas refuxio. Casas de acollida, celeiros de amor e de solidariedade, naqueles tempos de intemperie, de invernía, de soidade, de medo... Casas nas que se habilitaron faiados, cortellos, casoupas, canastros, tobos, covas, pozos, minas, fornos, bocois..., nas que se acondicionaron espazos ocultos, lugares de agocho, de alimento, de agarimo, e tamén de insomnio e desasosego.

Casas refuxio coma a da Torre, de Josefa Barreiro, e a de Cea, de Pilar Fernández Seijas, en Vilagarcía; a de Emilia Cabaleiro en Cabeiro (Redondela); a de Ángela Iglesias Rebollar, A Protestante, e José García Niebla no barrio do Toural en Teis (Lavadores); a de Josefa Becerra Laíño en Marcelle-Vilacova (Lousame); a casa da Torre en Salcedo (Pontevedra), de Ramón e Consuelo Acuña... Fogares protectores, calorosos, fronte ao frío e a fame dos primeiros meses no monte. Casas axexadas, asaltadas, rexistradas, ametralladas, queimadas, saqueadas, coma todas estas e moitas outras das que falaremos.

Coma as casas refuxio da Bouciña (Lavadores) -comunicadas mediante pasadizos con unha grande cova refuxio de fuxidos resistentes-, fogar da grandeza dos sentimentos dos seus moradores martirizados, lugar da masacre abominábel do 17 de marzo de 1937. Aquel día unha banda terrorista formada por falanxistas, cívicos e gardas civís rodeou a casa refuxio na que vivían Matilde González Rodríguez, xornaleira de 58 anos, o seu fillo Alfredo Fernández González, xornaleiro de 31 anos, e a súa nora Magdalena Caride Fernández, empacadora de 26 anos, que estaba preñada e tiña un fillo de 2 anos, chamado Alfredo. E a casa refuxio de Mercedes Posada González, de 48 anos, na que vivían os seus fillos Alfonso Fernández Posada, xornaleiro de 31 anos, Carmen Fernández Posada, empacadora de 22 anos, Mercedes (13 anos) e Isidoro (8 anos). E un grupo de integrantes da resistencia armada que conseguiron escapar por unha das bocas da cova que daba ao monte.
Aquel 17 de marzo de 1937, día da infamia fascista e tamén día da grandeza do pobo solidario, o muros do cemiterio de Lavadores tinxíronse de loito e de sangue. Alí foron asasinados, a plena luz do día nunha escena estarrecedora, Matilde González e o seu fillo Alfredo Fernández. E Mercedes Posada co seu irmán Paulino Posada, e o seu fillo Alfonso Fernández Posada. E Severino Carrera Martínez, xornaleiro de 26 anos. Outro dos habitantes da casa refuxio, José Caride Fernández, serrador de 19 anos, foi asasinado o día seguinte, 18 de marzo. E non rematou aquí a matanza. O home de Matilde, Domingo Fernández Lago, ferreiro de 49 anos, que conseguiu escapar daquel día de terror, sería asasinado no Campo do Casal (Lavadores), o 9 de abril de 1937.

Carmen Fernández Posada e Magdalena Caride Fernández, que estaban preñadas, foron detidas e procesadas. Carmen e os seus irmáns e Magdalena ficaron no mundo, na soidade e no silencio do tempo que veu despois, na travesía interminábel pola amargura e pola fame das familias expoliadas e martirizadas. Ficaron para resistir, para sobrevivir despois daquela masacre. E para contar algún día o que pasou nas casas da Bouciña o 17 de marzo de 1937, cando o sangue correu a regos desde o cemiterio de Lavadores. Aqueles días de vidas solidarias devastadas, de casas refuxio queimadas. Aquel tempo de dignidade e de crimes impunes.

Fontes:
Fondos do proxecto Nomes e voces http://www.nomesevoces.net/

Vermellas. Chamábanlle “Rojas” http://www.nomesevoces.net/gl/exposicion-panel/vermellas/

ABAD CASTRO, Xoán Carlos: Héroes o forajidos. Fuxidos y guerrilleros antifranquistas en la comarca de Vigo, IEV, 2005.
BLANCO, Carmen: Casas libertarias de mulleres anarquistas. A resistencia anarquista das mulleres despois de 1936, CNT, 2007

GIRÁLDEZ LOMBA, Antonio: 1939 La guerra ha terminado... hace 60 años en Vigo, IEV, 1999.

Ningún comentario:

Publicar un comentario