Que o noso lume non queime as nosas casas.
Que outro noso lume faga resplandecer o mundo.
Que outro noso lume faga resplandecer o mundo.
Carmen Blanco
Tomás Matilde tiña 17 anos en 1937. Vivía na casa de Louredo (Mos) coa nai e os irmáns. O pai, Ángel Matilde Miguélez (a) Cataplín, de 44 anos, empregado de telégrafos, andara fuxido co grupo do Fresco mais aquel inverno fora extremadamente húmido e frío e decidiu esconderse na casa.
Fixeron un tobo escavado na terra e alí Florentina Fernández e os fillos agocharon o pai. Os rapaces facían quendas nos arredores para detectar a presenza das bandas de cívicos e falanxistas que ían con regularidade á casa para interrogalos e ameazalos. A resposta era sempre a mesma: o pai marchara ao monte e non souberon máis del.
Tomás ía decote á tenda da aldea. Un día a tendeira
entregoulle un paquete con tabaco, un chisqueiro, utensilios para barbear... O
rapaz preguntou extrañado para quen era mais a muller díxollle que a súa nai xa
sabía. Cando chegou á casa, o pai ficou demudado: -Xa estamos descubertos!
Cadro de Leopoldo Nóvoa da serie Next Time The Fire (1993) |
Frustrados pola resistencia do mozo deciden baixalo ao
chan. Vísteno de falanxista e lévano ao
monte, para que lles indique o agocho. Percorren os penedos e as covas e
disparan contra os posibles refuxios mais non atopan nada. Cando voltan á aldea
dinlle ao rapaz que se ispa de medio corpo para riba. Un garda civil cortou
unha póla de carballo e empezou a mallar nel até case facelo perder o coñecemento.
Mais o mozo mantívose firme.
Cando chegaron á aldea a casa estaba ardendo. Como
Ángel Matilde Cataplín non aparecía, os cívicos plantáronlle lume. Florentina e os nenos
refuxiáronse na casa de Fermina. A muller non puido soportar a dor e cos seus berros
descubriu o agocho e a morte do home. Levárona detida. A Florentina Fernández Alonso, de 43 anos, matárona en
Budiño (Salceda de Caselas). Os documentos oficiais deixaron rexistro da
infamia: “morte en combate sostido coas forzas do exército”. Segundo diversas fontes orais, estaba embarazada de sete meses.Os rapaces foron para Saxamonde coa familia da nai. Despois separáronos, foron vivir a distintas casas. Á máis pequena, que tiña 18 meses, os falanxistas buscáronlle unha boa casa. Mala conciencia. Dous foron para Vigo, outro para Ourense, e outro para Ribadeo. A onda espansiva do terror: unha casa queimada, un corpo carbonizado, feito cinza, recollido nunha lata de gas e enterrado clandestinamente no cemiterio. Unha nai violada, mutilada, asasinada coa criatura que levaba no ventre. Unha familia tronzada polos partidarios do crime, polos defensores da cruz, da orde, da familia...
Tomás foi para Cesantes. Nunca puido esquecer aquel tempo de terror, de dor, de coraxe. Aquel tempo de lume e de cinza.
Nota.- A información aquí recollida foi elaborada a
partir da entrevista a Tomás Matilde, realizada no marco do proxecto Nomes e
voces.
Como sempre moi interesante; no asasinato de Fresco e de Cataplín tomaron parte activa grupos pontevedreses de "cívicos" dirixidos directamente por Lis así como outras forzas policiais da nosa cidade. Os métodos eran os propios desta xente...
ResponderEliminarMoitas grazas polo comentario e a referencia á participación da banda de Lis, Pepe. Intentarei completar a información sobre estes crimes...
ResponderEliminarArrepiante.
ResponderEliminar