sábado, 24 de xaneiro de 2015

AS ACTAS DA DIGNIDADE: BELARMINA ORDÓÑEZ

Para Belarmina Ordóñez, que cumpre 99 anos o 30 de xaneiro de 2015

Salimos voluntarios para ir al pueblo a buscar agua a la fuente. Recibimos ropa y ayuda de las mujeres del lugar. Había muchos rojos. Es el único recuerdo agradable de mi permanencia en Rianxo (Testemuño do preso Benito Caballero, citado no libro Rianxo na guerra civil. Campo de concentración de prisioneiros de guerra)

Cando en novembro de 1937 chegaron a Rianxo os presos asturianos, Belarmina lembrouse de Miguel, o seu noivo preso nun campo de concentración de Asturias. Coñecérao en Vilagarcía a mediados dos anos 30, cando se trasladou desde Rianxo para traballar como criada na casa de Carmen López. Miguel Sanmartín militaba na CNT e en xullo de 1936 participou na resistencia ao golpe militar e despois fuxiu ao monte Xiabre. Cando o detiveron estivo preso un tempo e despois foi mobilizado no éxercito franquista. Mais o seu corazón estaba do outro lado e no Ebro pasou ao exército da República. Caiu prisioneiro en Teruel e sufriu anos de cadea en diferentes campos de concentración e batallóns de traballadores en Asturias.

Campo de concentración de Rianxo,
 na Fábrica do Castelo
Sempre que vía aos prisioneiros da Fábrica do Castelo que saían a traballar nas rúas -malvestidos, suxos, derrotados-, Belarmina imaxinaba as que estaba a pasar o seu Miguel na soidade dun campo de concentración asturiano. Imaxinaba o frío, o silencio, a desesperación. O maltrato, a humillación. As longas noites de insomnio, e os días interminábeis.
Por iso, o día que aquelas dúas señoras lle preguntaron á súa nai se sabía dalgunha muller que quixera lavarlle a roupa aos presos, Belarmina díxolles que si, que ela queria: -Eu voulle lavar a roupa, porque quen sabe quen lla lavará ao meu Miguel... Desde aquel día fíxose madriña de 6 mozos asturianos encarcerados na antiga Fábrica do Castelo. Laváballes a roupa e leváballes comida. Como só lles deixaban levar pan, baleiraba os bolos e enchíaos con ovos escalfados e chícharos.

Belarmina colleu confianza co sarxento do campo e deixábana entrar. Foi entón cando viu as condicións infrahumanas nas que vivían aqueles homes: a falta de hixiene, a humidade, o frío, o chan terreño no que durmían, a tristeza que invadía aquel lugar sinistro, un espazo lúgubre que aquel día ficou alumeado polo rosto de Belarmina, polo vestido vermello que escolleu para a ocasión, polos aplausos dos presos que se xiraban para mirala: Ahi viene la roja...

No inverno do 37, Andrés de la Torre, un dos mozos que ela atendía, un rapaz de 18 anos, púxose enfermo. Belarmina foi visitalo. Estaba moi maliño. Leváballe leite e medicinas. Andrés pediulle que lle escribira á súa nai, que lle dixera que non ía voltar máis á casa. E que lle levara flores cando morrera. Sabedora da situación, Olegaria Gonçalves, a nai de Rafael Dieste, mandoulle aviso a Belarmina de que tiñan un panteón a disposición, se morría o rapaz.


Belarmina Ordóñez e Miguel Sanmartín
Veu un irmán visitalo mais, aos poucos días de marchar de volta para Asturias, Andrés morreu. Enterrárono no panteón dos Dieste. Tempo despois marcharon os compañeiros de Andrés e un deles, Tomás, avisouna. Díxolle que cando pasaran por diante da súa casa íanlle cantar unha canción. E así foi, aqueles homes cansos, derrotados, exhaustos... entoaron a cantiga da despedida: Pasa un río por tu puerta/ y no me dás de beber/ Teniendo el agua tan cerca/ me dejas morir de sed...
Rematada a guerra, pecharon o campo de concentración de Rianxo. Despois de pasar case 6 anos en distintos prisións en Asturias, Miguel voltou a Vilagarcía. Malia a persecución, as ameazas, as miradas oblicuas, malia a adversidade daquel tempo escuro, Miguel Sanmartín e Belarmina Ordóñez casaron e foron sacando adiante a casa e os fillos que viñeron.

Uns seis anos despois da morte de Andrés, chegou un irmán seu a Vilagarcía preguntando por Belarmina. Casara e viñera de viaxe de noivos a Galiza. Carmen, a súa nai, cando lle preguntou que quería que lle levara de agasallo díxolle que quería o corpo do fillo. Entón Belarmina fixo o máis grande aceno da solidariedade, a expresión máis clara da súa grandeza de muller solidaria, de muller xenerosa, de muller valente. Foi falar con don José Fariña, o cura de Rianxo. Pediulle permiso para desenterrar o corpo de Andrés, para que o seu irmán, Pedro, lle puidera devolver á nai o corpo daquel rapaz de 18 anos que os fascistas lle arrancaron dos brazos, da casa onde o tiña agochado. Coa axuda do enterrador, Belarmina, Miguel, Pedro e a muller deste, desenterraron clandestinamente os osos e leváronos en caixas de cartón para Vilagarcía. Belarmina e Miguel gardáronos uns días no faiado da súa casa e dias despois entregáronllos a Pedro na estación de tren.
Hoxe Belarmina é un gran símbolo da memoria viva, da memoria resistente. Unha luzada de amor e de xenerosidade, unha labarada xigantesca no medio da noite e da infamia do franquismo. Unha presenza que nos fala das vidas xenerosas, dos acenos valentes, das mans comprometidas e solidarias. Unha voz rexa en loita contra o esquecemento. Un nome maior do grande libro da dignidade.

PD A miña gratitude a Margarita Teijeiro, que me entregou a súa arca da memoria de Vilagarcía, un celeiro vizoso de nomes e vidas que ela contribuiu decisivamente, con coraxe e teimosía, a sacar das tebras do esquecemento.
Fontes:

-Entrevista de Olalla Bouza a Belarmina Ordóñez (Arquivo de Margarita Teijeiro)

-Montse Fajardo: “Belarmina, la enfermera del vestido rojo”, Faro de Vigo, edición Arousa, 21-X-2003
-Comoxo, Xosé; Costa, Xesús; Santos, Xesús: Rianxo na guerra civil. Campo de concentración de prisioneiros de guerra

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario