sábado, 10 de xaneiro de 2015

CASAS REFUXIO NO PORTO

E son eles os ladróns de palabras
os que cambiaron a porta da túa casa
mudaron o postouro da chave
os mesmos que lle roubaron o teu rosto ás fotografías
e despezaron as monecas
e ciscaron polo chan as letras do teu nome

Marga do Val: fragmento do poema “Exilio”, in A cidade sen roupa ao sol, Espiral Maior, 2010.

                          Para Marga, no tempo adverso. Coa aperta do agarimo e da amizade

Verán de 1936. Coches que atravesaban a fronteira pola ponte de Tui con segredos gardados no maleteiro e billetes novos para os gardas. Taxis en dirección a Guillarei, última estación antes de pasar o río en barcas clandestinas. Fugas en barcos de pesca desde a Costa da Morte, motoras que atracan en Leixoes coas redes baleiras e unha tripulación de mariñeiros con destino incerto. Antigos camiños do contrabando transformados en rotas de fuxida, con abeiro nas brandas de Castro Laboreiro, Abeleira ou Sistelo, tempo de calor e alimento antes da viaxe en automóbil até Porto. Mozos que cruzan a nado a fronteira do Miño en viaxes de ida sen volta, travesías cheas de risco e vertixe fuxindo do medo, da noite, das cunetas. E tamén corpos afogados, baleados, mortos na intemperie daquel tempo de terror. Corpos anónimos, que nunca volveron.

Naquel verán caloroso, e no tempo que veu despois, centos, milleiros de homes e mulleres procuraron refuxio no outro lado da raia, na outra beira do río. Fixérono ao principio cos propios medios e despois coa cobertura de organizacións políticas, da masonaria, de consulados e embaixadas... Sofisticadas redes de evasión que na Segunda Guerra Mundial foron reconvertidas para trasladar a Portugal a xudeus e soldados aliados. Non había nada seguro ao outro lado, naquel país tamén sometido pola Ditadura, mais había quen asumira o risco e había casas refuxio, casas humildes e rebosantes de xenerosidade de campesiños nas montañas do interior, lares abastados e solidarios na cidade do Porto.
 
Casas refuxio no Porto coma a de Silo Cal Muiños, natural de Redondela e empregado da Casa Graham, e Amelia Almeida Brandao, e dos seus fillos Carlos, Silo e Mario Cal Brandao. Que acolleron a finais de 1937 a Isabel Gómez Costas, que fuxira de Redondela con seis fillos despois do asasinato do seu home, Telmo Bernárdez, despois do inferno de mentiras, de cárcere, de humillación e silencio en que se convertiu a súa vida a partir do 12 de novembro de 1936. Isabel estivera recluida durante un ano naquela casa de Redondela chea de lembranzas, naquela casa chea de pesadelos, onde nunca máis volveu soar o piano... No Porto si, na casa dos Cal Brandao, alí recibiron Isabel e os seus fillos coidado e agarimo e alimento, e os billetes dun barco noruegués con rumbo a Bordeos, o principio dunha viaxe interminábel cara ao desterro e ao esquecemento.

Tarxeta de Luís Ferreira (Juan Tizón)
 dos ferrocarris do Porto, 1942
Casas refuxio no Porto coma a Luís Alves Carvalho e Herculana de Carvalho, (que grande muller Herculana!) e os seus fillos, Guilherme e Luísa, lugar de abeiro e agarimo para Juan Tizón, militante socialista, alcalde de Monforte en xullo do 36, agochado en diferentes lugares até o inverno de 1939 en que pasa a Portugal por Celanova e é trasladado a un refuxio seguro no Porto polo avogado Antonio Ribeiro da Silva, de Viana do Castelo.

No Porto, baixo a protección dos Alves de Carvalho, Tizón recibe unha nova identidade, Luís Ferreira; recibe agarimo, alimento, casa e traballo. Reside na avenida de Boavista, nunha casa de hóspedes rexentada por Teresa Brandao. Juan Tizón foi un sobrevivente. Un refuxiado en terra extraña, distante e acolledora, coa maleta sempre preparada para partir. En 1942 aparece la listaxe de pasaxeiros do vapor Nyassa, na expedición organizada pola Junta de Ayudas a los Refugiados Españoles (JARE) e a embaixada de México en Portugal, mais extrañamente non consegue sair. Entretanto, na soidade do desterro, coa saudade da familia distante, escribe poesias, novelas, contos. Viaxa por diferentes cidades de Portugal, desde onde envia cartas e tarxetas postais á familia coa identidade falsa de Herminia, simulando ser unha amiga. Coa saúde quebrada polos anos de persecución e clandestinidade en Galiza -tempo de friaxe, de fame, de intemperie-, Juan Tizón morreu no Porto o 25 de decembro de 1945 e foi soterrado no panteón da familia Alves de Carvalho, na freguesia de Bonfim. Un último acto de xenerosidade de quen forneceu todo o agarimo posíbel a aquel home que nunca puido volver á súa casa, á súa Terra.


Ismael, Herminia Tizón, Herminia Ramos
Isabel Tizón, Luís Ramos, Luisa Alves e
diante os fillos de Herminia Tizón e Ismael
PS Este relato quere ser unha homenaxe á memoria das persoas refuxiadas e dos homes e mulleres que lles deron protección e abeiro en Portugal con risco das súas vidas. A historia de Juan Tizón (Luís Ferreira) tamén é a crónica aínda non contada da amargura que sufriron a súa muller, Herminia Ramos, e as fillas Herminia e Isabel, sobreviventes tamén do inmenso cárcere do franquismo, daquela soidade e aquel silencio que
non as abandonou nunca. Mulleres que foron sometidas a vixilancia e persecución durante anos, que agardaron a volta do marido e do pai, que recibiron as súas cartas enviadas desde toda a xeografía po
rtuguesa, e que tempo despois seguiron cultivando a amizade da familia Alves de Carvalho e da familia Brandao, e levaron flores á última estación do corpo de Juan Tizón, no Porto.

Agradecementos: Raúl Solleiro Mella, Luisa Tiago de Oliveira

Fontes:
Rosa López González: Juan Tizón Herreros. El pensamiento hecho palabra, Fundación Luís Tilve, 2010. (As imaxes que ilustran este artigo proceden deste libro; aínda que a calidade non é boa, son documentos de grande valor histórico).

Seis cregos escollidos (Versos divinos). Poemario escrito por Juan Tizón Herreros, no exilio e no silencio, nos anos da guerra civil. Edición e prólogo de Xesús Alonso Montero, Madrigal, 2001.

Blog Silencios e Memorias http://silenciosememorias.blogspot.com.es/2013/12/0421-herculana-de-jesus-da-costa-dias.HTML


2 comentarios:

  1. Xosé Novas Piñeiros12 de xaneiro de 2015, 16:49

    Gaspar Massó pasou no maleteiro do seu coche á Portugal ao gran publicista e galeguista Federico Ribas perseguido entre outros polo seu irman José María Massó xefe dos guardias cívicos de Bueu. Salvou a vida e pasou a ´Bos Aires donde continuaría a súa brilante traxectoria como publicista, fora o publicista de Conservas "Massó", da francesa Gal de perfumería, e moitas outras.

    ResponderEliminar
  2. Grazas pola información, Pepe. Hai moitas historias aínda por contar...

    ResponderEliminar