domingo, 13 de decembro de 2015

A NENA DO LAZARETO


Ana Viéitez co seu pai
no Lazareto en 1939
(Fotografía do libro Aillados)
Nunha fotografía realizada na prisión da Illa de San Simón aparecen en actitude agarimosa un pai e unha nena. A instantánea forma parte do descomunal arquivo gráfico que deixou para a historia o preso vilagarcián Dámaso Carrasco. Os protagonistas da imaxe son Xosé Viéitez de Soto, mestre de Magán (Cuntis), e a súa filla Ana, que fora ao cárcere do antigo Lazareto visitar o seu pai acompañando á súa nai, Carmen Gómez Martínez.
San Simón foi só unha das estacións da peregrinaxe polos cárceres franquistas de Xosé, desde que foi detido pola garda civil en As Neves en agosto do 36. Levarono primeiro á prisión de Pontevedra e logo ao Lazareto. De alí saíu -despois de pagar unha sanción económica- coa obriga de incorporarse ao exército sublevado. Mais estando na fronte de guerra foi acusado de facer manifestacións antifranquistas, procesado en Talavera de la Reina o 27 de novembro de 1937 e condenado a pena de morte, setenza que foi conmutada pola de 30 anos de cadea perpétua e inhabilitación para o exercicio da docencia. Seguiron os anos de prisión en San Cristóbal (Pamplona) en 1938, e San Simón, a onde foi trasladado en xaneiro de 1939 e onde permanece até o mes de marzo, que é conducido á prisión de Figueirido. En setembro de 1939 volta de novo a San Simón, etapa á que corresponde a fotografía coa súa filla Ana, que nacera en 1935.

Os anos de prisión de Xosé foron terríbeis para a súa muller e a súa filla. Carmen tiña o título de maxisterio e púxose a dar clases particulares. Cada quince días trasladábanse a Cesantes, alugaban un cuarto nunha casa particular e collían o lanchón para ir á illa. En febreiro de 1941 Xosé sae en liberdade condicional e tenta refacer a vida coa muller e a filla en Ferrol. Mais a persecución, o acoso e as ameazas decídeno a buscar mellor sorte no exilio. Comeza daquela unha viaxe chea de amor, amargura e heroísmo; unha viaxe sulcada de novo coas marcas da solidariedade, desde a fronteira do Miño até Lisboa. Unha viaxe que comeza en 1946 en Arbo, coa axuda do militante socialista vigués Pastor Rodríguez, preso coma el en San Simón, Pamplona e Figueirido. Coa axuda da oposición antisalazarista cruza o Miño e é trasladado en coche até Lisboa onde permanece agochado seis meses, mentres lle organizan a saída cara a América.
Durante eses seis meses en que permanece recluído nunha pensión, acontece unha fermosa historia de amor e solidariedade. Carmen e Ana establecense en Sela (Arbo), na casa dos avós paternos da nena. Até alí chegan as cartas de Xosé, que un mozo portugués chamado Aníbal lles leva despois de atravesar a nado o río Miño, arriscando a vida. Finalmente Xosé Viéitez consegue pasaxe para México coa axuda da organización cuáquera estadounidense Unitariam Service. Desde a fuxida do home, Carmen e a nena son sometidas ao acoso incesante da policía franquista, con visitas nocturnas á casa, rexistros, detencións, insultos, humillacións... un inferno que Ana non esquecería nunca, que lle quedaría gravado para sempre. Aquela sensación insoportábel de sentirse sinalada, marcada como roxa no Ferrol do Caudillo, a prohibición de xogar coas outras nenas...

En 1948 nai e filla conseguen fuxir da persecución, do medo, da anguria, do insomnio. Collen un avión en Barajas para reunirse con Xosé e comezar unha nova andaina no exilio mexicano. Un tempo de necesidade e tamén de felicidade, de ilusión, de proxectos. Son os anos en que a familia traba amizade cos Bernárdez de Redondela, a estirpe de Telmo e Isabel Gómez Costas. E con Choncha e Francisco Comesaña. E cos Búa de Pontevedra... Foi tamén un tempo de tristura, sobre todo cando Xosé enfermou por mor dunha úlcera provocada pola mala alimentación nos cárceres franquistas e morreu en 1957.
A foto que fixo chorar a Ana Viéitez o 22 de xullo de 2006.
Á dereita da imaxe, o seu pai
Aquela nena de San Simón nunca deixou de lembrar, nunca deixou de loitar. Xa de volta a España militou na causa democrática e republicana contra o franquismo. Sempre na esquerda, coma os seus pais. Implicada no combate pola memoria e a xustiza, presidiu AFAR II República (Asociación de Familiares y Amigos de Represaliados por el Franquismo) e formou parte do Consello pola Memoria de Galiza (2006-2009). E en xullo 2006 voltou ao Lazareto, 67 anos depois, nunha das actividades do Ano da Memoria. Nada máis baixar do barco mirou unha fotografía do seu pai pendurada da galería dun dos edificios da illa e rompeu a chorar. Aquela muller seria, de aceno firme e rotundo, chorou de emoción, de rabia e de orgullo. Chorou polos seus pais perseguidos, pola nena do Lazareto e do Ferrol fascista, por todo o terror e a dor que sufriron ela e a súa nai en silencio. Por todo o sal das bágoas.

Aquela nena do 39, a cativa agarimada polo seu pai no Lazareto, nunca deixou de voltar a San Simón. Cada mes de xullo estaba alí, percorrendo os camiños, reflexiva, combativa. Seguiremos voltando á Illa, en xullo, para reconstruir as pezas do álbum familiar, para abafar o silencio, para coidar os feridos, para agarimar os vellos. E para volver encontrar a Ana e o seu pai, e a súa nai, que voltan do pasado cun sorriso nos beizos, sen o sal das bágoas...

PD Ana Viéitez faleceu en Madrid o pasado 11 de decembro, pouco antes de cumprir os 80 anos. Seguiremos o seu ronsel...
Fontes
Beatriz Graña: Voces na memoria. Galegas exiladas, emigradas e resistentes durante o réxime franquista, Premio Xohana Torres, Concello de Santiago-USC, 2003.
Caeiro, Antonio; González, Juan A.; de Saá, Clara: Aillados. A memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón, Ir Indo, 1995

Marcos Seixo: "A represión franquista en Cuntis. Memoria do 36", Revista A Taboada, 2007.
 

  

Ningún comentario:

Publicar un comentario