mércores, 30 de decembro de 2015

VOLVER DO MAR III Cangas

Na memoria de Francisco Ferreiro Budiño e de todas as familias de Cangas que mantiveron viva a memoria do terror e a herdanza da dignidade. Contra o esquecemento.


En xullo de 1936 Eugenio Bastos tiña 20 anos e moitos soños por cumprir. Vivía en Cangas e todos os días cruzaba a ría para ir traballar como mecánico no asteleiro de Barreras en Vigo. Os seus soños tiñan moito que ver coa República, coa Fronte Popular, coas Xuventudes Socialistas Unificadas, coas loitas dos traballadores por unha vida mellor. Como a súa irmá Esperanza e moitas outras mulleres organizadas en sindicatos e na militancia política de esquerdas.
José Nores
José Nores tiña 16 anos. Tocaba na banda de música e xogaba ao fútbol no equipo do Pósito. Traballaba como albanel e militaba tamén nas Xuventudes Socialistas Unificadas, como Eugenio. O seu irmán maior Emilio Nores, de 32 anos, era militante do PCE, como Luís Soliño e Estanislao Graña e José Mejuto e Emilio O Azaña e moitos outros. 
Antonio Blanco Rodal
Daniel González Graña
Antonio Blanco Rodal tiña 26 anos. Era mariñeiro, da Alianza, e militaba no PCE. Tamén era mariñeiro, e da Alianza, Daniel González Graña, “Gadé”, de 24 anos. E Normandino Núñez Martínez, de 46 anos, que militaba na UGT. Os mariñeiros de Cangas pertencían maioritariamente á Alianza Marinera desde que se fundara o sindicato no ano 1914. O primeiro presidente fora Lorenzo Corbacho Rodal, canteiro socialista. No ano 24 a Alianza, a Sociedad de Canteiros e a de Oficios Varios constrúen o novo local, que pasou a chamarse a “Casa do Pobo”, a casa común dos obreiros e mariñeiros, e tamén a partir de 1935 das redeiras e atadeiras organizadas na sociedade La Reivindicadora, liderada por Manuel Piñeiro Pastoriza.
A maior parte dos canteiros eran da parroquia de Darbo. Pertencían á Sociedad de Canteiros de Cangas, integrada na Sociedad de Oficios Varios (UGT), presidida por Lorenzo Corbacho. Traballaban nas estradas e na construcción de edificios. E loitaran sen descanso pola xornada laboral de 8 horas, por melloras salariais, por conseguir avances sociais para o colectivo e para o pobo.
Irmáns Martínez Pazó
Guillermo Fernández Fernández O Pavito, de 27 anos era un mozo forte. Militaba no Partido Socialista. Vivía en Darbo e traballaba na construción. E tamén era boxeador. Tamén eran de Darbo, e canteiros, os irmáns Martínez Pazó: José, de 25 anos (PSOE), Alejandro Isolino, de 20 (JSU), e Silviano. E Antonio Ferreiro Núñez, (PSOE) de 32 anos, e Estanislao Ferreiro Núñez, de 24 (JSU), da familia dos Boreiros, de Cimadevila. Secundino Ruibal Villar, de 38 anos, (PCE) tamén era canteiro e de San Pedro de Darbo. Militaba no PSOE.
Guillermo Fernández
A primavera de 1936, aquel tempo de loitas e de soños, rematou pronto. Aos mariñeiros e aos canteiros de Cangas, ás atadeiras, aos militantes da Alianza e da Sociedad de Canteiros, ás súas familias, o fascismo tronzoulles a vida, arrebatoulles os soños, arrincoulles os dereitos e as ilusións polas que tanto loitaran. E deixáronos tirados como cans nas cunetas, á intempérie. Ou no fondo do mar. Ou en Pontevedra, diante dun pelotón de fusilamento. E ás mulleres rapáronas, humilláronas, obrigáronas a desfilar coa cabeza rapada, a varrer o local da Falanxe. Marcáronlles a fronte coas letras UHP (Uníos Hermanos Proletarios) ou coa fouce e o martelo. Insultáronas e vexáronas. E condenáronas a décadas de aldraxe e de silencio.
A Casa do Pobo, o local que simbolizaba as loitas sindicais e o compromiso, foi asaltado e incautado. Destrozaron os mobles e queimaron os libros, nun ritual macabro como o de Vilaboa, como o de Moaña, como o tantos outros edificios construídos co sacrificio da clase traballadora que ficaron convertidos en cárceres e lugares de tortura.
En xullo comezaron as detencións e en agosto a cacería humana. Baixo a dirección das forzas vivas de armadores, conserveiros, empresarios e comerciantes (os Moldes, o farmacéutico Valentín Graña, e o seu irmán crego José, párroco de Aldán) actuaban pistoleiros a soldo e gardas civis sen conciencia nin escrúpulos. E foron a por eles, a polos dirixentes dos sindicatos e dos partidos de esquerdas. Detivéronos e torturáronos. E asasináronos, ás máis das veces sen sequera pasar pola humillación daqueles consellos de guerra onde todo estaba xa decidido nun exercicio infame de xustiza ao revés: os militares sublevados, os golpistas, acusaban de rebelión aos defensores da República, da democracia e da liberdade.
O 27 de agosto foron buscar aos mariñeiros e aos canteiros. Ao mariñeiro Antonio Blanco Rodal detivérono nada máis chegar o barco a terra. E aos mariñeiros Daniel González Graña e Normandino Núñez Martínez. E ao albanel José Nores, que era músico e futbolista e estaba namorado da vida. E ao mecánico Eugenio Bastos, Jatón, que aos seus 18 anos atravesaba a ría asubiando naquel verán caloroso, e arelaba que chegase o domingo para mocear ou ir á praia.
Tamén foron buscar de madrugada aos canteiros de Darbo. A Guillermo Fernández, o canteiro boxeador fórono buscar á súa casa á 1 da madrugada os irmáns Alfredo e Marcelino Moldes, un garda civil chamado Jaime e o xefe de correos. Aos irmáns Estanislao e Antonio Ferreiro Núñez secuestráronos –segundo o estarrecedor testemuño escrito polo seu pai, Francisco Ferreiro Budiño- ás dúas da madrugada un garda civil e catro falanxistas (un deles era un dos Moldes e o outro Gumersindo Iglesias “Pan e Porco”). E aos irmáns José e Alejandro Martínez Pazó E a Secundino Ruibal Villar, directivo da Sociedad de Canteiros de Cangas.
Na madrugada do venres 28 de agosto un comando terrorista formado por falanxistas e gardas civis levaron os once mariñeiros e canteiros nunha camioneta ao alto da Portela, xunto á fonte do Anguieiro. Fixéronos baixar coas mans atadas. Aqueles once homes e rapaces escoitaron por última vez o silencio da noite, e o son dos grilos, e o vento quente que viña do mar. E sentiron medo e anguria e sede. E entón soaron os disparos, rotundos, criminais, e o sangue correu a rolos polo Anguieiro.
Xa tiñan decidido como ocultar o crime. Non era a primeira vez que o facían, que guindaban os corpos ao mar. Cando chegaron ao peirao da fábrica de Cervera faltaba un corpo. O de Ladislao Ferreiro. Así que subiron os dez cadáveres nunha motora e fondeáronos no mar, atados ás parrillas que se usaban na conserveira. Ao día seguinte foron na procura de Ladislao. O rapaz resultara ferido e saltara da camioneta cando volvían a Cangas cos asasinados. Primeiro foi cara a Aldán, á casa dun tío que non quixo comprometerse e non o axudou. Desde alí foi cara ao monte de Subrido do Hío onde o rodearon 14 falanxistas. Levárono á casa de sinais, torturárono salvaxemente a “alli lo mataron a bayoneta, teniendo a menos de gastar pólvora, pues el pobre muchacho les pedía por todos los seres que ellos más querían que lo dejasen o que le dieran un tiro y ellos riéndose de la barbarie le dicen que para los de las ideas rojas no había perdón, luego que lo espedazaron lo tiraron entre las peñas de la costa, donde bañaba el cadáver el agua del mar” (segundo o estremecedor testemuño que deixou escrito para a historia o seu pai, Francisco Ferreiro Budiño).
Para as familias dos desaparecidos comezou daquela o tempo da anguria, da desesperación. A procura dos corpos nos cemiterios, nos lugares onde se oficiaba o terror. Se a morte, o asasinato dun ser querido é motivo de dor, canto máis saber do crime e non ter sequera un corpo para enterrar, un lugar onde levar as flores e as bágoas.
O venres 9 de outubro, 40 días despois de seren fondeados, a manobra dun barco fixo que saisen a flote os corpos de cinco dos asasinados de Anguieiro. As familias achegáronse á ribeira para identificar os cadáveres. Eran Antonio Ferreiro Núñez, Normandino Núñez Martínez, Daniel González Graña, Antonio Blanco Rodal e José Martínez Pazó. A morte foi inscrita no rexistro municipal con unha lenda ignominiosa: “morte registrada en Cangas a causa de hemorragia interna por herida de guerra”.


Fontes

Xerardo Dasairas: Memorias da II República en Cangas, Ediciós do Castro, 2002

Antonio Nores e Iago Castroviejo:”Mortos, presos, fuxidos e desertores en Cangas na retagarda”, A represión franquista en Galicia, Actas do Congreso da Memoria, 2005.

Antonio Nores e Iago Castroviejo: A Alianza Mariñeira de Cangas 1914-1936. No centenario da súa Fundación, Asociación Memoria Histórica 28 de agosto, Cangas, 2014.

Francisco Ferreiro Budiño: escrito sobre a morte dos seus fillos Antonio e Ladislao
Web e entrevistas do proxecto Nomes e voces
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario