domingo, 3 de xaneiro de 2016

O XORNALISTA GRAFÓLOGO


O 10 de marzo de 1936 a comisión xestora municipal de Bueu elixe un novo alcalde, José Gómez de la Cueva (Johan Carballeira). Tiña 34 anos e unha fulgurante carreira como xornalista -no Faro de Vigo e El Pueblo Gallego- e como político, nas fileiras do Partido Galeguista desde 1934. Aquela primavera do 36 chegou a Bueu inzada de proxectos para mellorar as condicións de vida da clase traballadora, o porvir dos mariñeiros, a escolarización de nenos e nenas cun novo grupo escolar. O concello de Bueu súmase á campaña pro Estatuto, e o alcalde participa persoalmente na asemblea de concellos que ten lugar en Santiago no mes de maio coa fin organizar o plebiscito previsto para finais de xuño.

Unha das primeiras preocupacións de Carballeira foi procurar unha solución ao conflito provocado polo baixo prezo da sardiña, que enfrontaba a mariñeiros e armadores por unha banda e a conserveiros por outra. Para moitas familias mariñeiras a situación era insostíbel despois de moitas semanas de folga, e o alcalde de Bueu liderou a convocatoria dunha asemblea que tivo lugar en Vigo o 25 de abril na que se estableceu un principio de acordo para resolver o conflito. Como mostra de gratitude, o 17 de xullo Carballeira recibe en Bueu a homenaxe do Sindicato de Mariñeiros e da Sociedade de Armadores de Bueu.
O 20 de xullo de 1936 os militares puxeron fin a aquel mandato intenso e frutífero, a primavera republicana e galeguista de Bueu, que só durou tres meses. Os uniformes, as correaxes, as sotanas fixéronse donas da vila. E sabían a quen servían. Fixéronse donas da vida e dos destinos e tronzáronlle o provir de miles de persoas que cometeran o delicto de loitar polo ben común, polos dereitos da clase traballadora, pola xustiza social e a República. E por Galiza.  
En Bueu, o 24 de xullo os militares controlan a situación, destitúen a corporación democrática e nomean un novo alcalde. O estado de guerra e a lei marcial impuxeron o terror. Os asasinatos, o expolio, as malleiras, as vexacións, os abusos de toda caste marcaban o ritmo dos días na vila e en Galiza toda. E comezou a persecución dos dirixentes obreiros, das mulleres comprometidas, dos líderes políticos.
Para Carballeira foron días de incerteza. Mais permaneceu en Bueu, desoindo os consellos que o animaban a agocharse no Grove, a fuxir como fixeran outros, como farían Federico Ribas e Maruxa Mallo, que pasaban o verán en Beluso. O 15 de setembro é detido en Cangas e encarcerado na Escola Normal de Pontevedra. Os días na prisión pontevedresa foron un tempo de anguria, de desesperación, que se acrecentaba coas novas dos asasinatos nocturnos, dos fusilamentos. Mais tamén foi un tempo de camaradería, de solidariedade, de amizade entre homes que compartían ideais. Foi daquela cando Carballeira exerce como grafólogo dos seus amigos e compañeiros presos. Segundo o relato de Evaristo Mosquera, pedíalles que escribisen nun papel e interpetaba o temperamento de cada un: o optimismo, o pesimismo, a resignación ou o espírito festeiro que permitía sobrelevar a traxedia que estaban a vivir. Espaventar o terror, axotar os fantasmas que invadían os corpos, os pesadelos, a morte na noite dos disparos, das cunetas e dos pelotóns de fusilamento.
A finais de ano tivo lugar o consello de guerra no que foi condenado a morte, acusado de “rebelión militar” polos militares sublevados. Xunto con el foron tamén condenados á máxima pena Avelino Chapela Soliño, Manuel Graña Pouseu e Manuel Chapela Couso. Os demais procesados foron condenados a cadea perpétua. Na sua acusación, o fiscal considerou como agravante no caso de Carballeira, que “tiene cultura y, por ello, su actuación es más destacada que la de otros procesados, por ser dirigente del elemento obrero y tener ascendencia sobre ellos”.
Aínda lle quedaban tres meses de vida, tres meses de espera e de anguria que pasou no Lazareto de San Simón, mentres a súa nai Rolendis de La Cueva xestionaba inútilmente ante os Massó e en Burgos a conmutación da pena. Tres meses da abatemento e desesperación, que só minguaba polo agarimo dos compañeiros, pola camaradería, os xogos, as conversas con que entretían as horas e enganaban o medo. En todos aqueles días, Carballeira sentiu o terror da raposa que se achegaba pola noite, a anguria de ser el un dos que chamarían de madrugada para levalos, sen máis equipaxe que o propio medo, rumbo a unha cuneta ou ao muro dun cemiterio. Naqueles días de terror e de espera, sentiu o que era a amizade na presenza próxima e sempre reconfortante dos seus veciños de Bueu, Manuel López Cortizo Ferrolán e Manuel Ríos Pitorro. E na humanidade inabarcábel do médico de Pontevedra don Celestino Poza, "que era quen máis o consolaba". Até que chegou a data funesta en que anunciaron a confirmación da sentenza e o traslado a Pontevedra e dispúxose a recoller o petate e o colchón de follato e era tal o seu abatemento que o seu amigo Manuel López Cortizo Ferrolán tivo que axudarlle a levar as pertenzas. Un aceno solidario que os carcereiros premiaron con unha malleira. E cando Ángel Fernández del Río, militante socialista de Cangas, intentou animaloTes que levar a esperanza de que che conmutarán a pena de morte, el respondeu con aquela frase definitiva e brutal: O que teño que levar é valor para morrer.
José Gómez de la Cueva, Johan Carballeira, e os seus compañeiros de Bueu Avelino Chapela Soliño, Manuel Graña Pouseu e Manuel Chapela Couso foron fusilados na avenida de Buenos Aires ás sete da mañá do 17 de abril de 1937. Os seus corpos foron soterrados no cemiterio de San Amaro. Tempo despois, os restos de Carballeira foron trasladados ao panteón de Josefina Arruti, a casa común, o fogar protector, o símbolo da solidariedade para tantas familias de republicanos asasinados polo fascismo. Segundo algunhas fontes, citadas por Xosé Manuel Millán, os restos foron máis tarde recollidos por unha antiga noiva de Cesures, Moncha Ochoa, e soterrados nun emprazamento descoñecido.
E o final dramático de Johan Carballeira aínda ten unha última reviravolta amarga. Contan varias testemuñas que durante a súa estadía no cárcere de Pontevedra e no Lazareto de San Simón escribiu un diario, un documento de excepcional valía que unhas mans cómplices conseguiron sacar da prisión e entregalo a unha amiga súa. Mais esta persoa, polo medo ás represalias, decidiu destruílo, o que fixo que se perdese para sempre a última obra dun xornalista xenial.

Addenda
Conta Raimundo García Domínguez Borobó que a finais dos anos 20 Johan Carballeira visitaba con frecuencia en Pontecesures ao artista Rafael Ochoa Carrasco. E á súa irmá Ramona, coa que parece ser mantivo un noivado que continuou cando a familia Ochoa se trasladou a Ourense. "Moncha tiña un encanto especial, na súa fermosura concisa e morena". Foi ela quen tempo despois, segundo a memoria popular, recolleu os restos de Carballeira do panteón de Bibiano Fernández Osorio Tafall e Josefina Arruti para soterralos nun lugar descoñecido.
Relata tamén Borobó que unha irmá de Moncha, Carmela Ochoa, casaría en Ourense con un dos irmáns Gómez del Valle, un apelido vencellado á máis cruenta represión en terras ourensáns, da que falaremos noutro capítulo.
E en 2012, o grandioso labor da Asociación Amigos de Johan Carballeira brindounos outro documento extraordinario, a última carta que escribiu o alcalde galeguista de Bueu, dirixida á súa moza naquela altura, Lola Álvarez, tamén destinataria do diario desparecido. Un texto conmovedor, escrito no reverso da fotografía da moza cando eran as seis menos cuarto da madrugada do 17 de abril de 1937, unha hora antes do seu fusilamento:
"Lolita, Lolucha:
Conserva esta foto donde escribo cuando falta hora y cuarto para morir, a las seis menos cuarto. Morimos a las siete, cuando te despiertes y pienses en mi, seguramente.
Cueva".
A última carta do alcalde de Bueu, publicada pola Asociación de Amigos de Johan Carballeira 


Fontes
Antonio Caeiro, Juan A. González e Clara de Saá: Aillados, Ir Indo, 2º edición, 2000

Xesús Portela: Johan Carballeira. Poeta, xornalista, político, Ir ndo, 1997
Evaristo Mosquera: Catro anos a bordo dunha illa, A Nosa Terra, 2006

Johan Carballeira: Páxinas galegas, Estudio introdutorio e edición de Xosé Manuel Millán Otero, A Nosa Terra, 2000

Crónica da represión en Bueu. Rachando 70 anos de silencio, Asociación Xohan Carballeira, Bueu, 2007

II Crónica da represión en Bueu. Os homes e as mulleres 75 anos despois, Asociación Xohan Carballeira, Bueu, 2012.

Borobó: "Lembranza de Johan Carballeira", ANT, 28-8-1997.

Borobó: Libro dos exemplos, A Nosa Terra, 2003

1 comentario:

  1. http://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com.es/2015/04/olimpia-valencia-y-xohan-carballeira.html

    ResponderEliminar