O luns 9 de novembro do 36 chegaron ao mediodía. Antes
do xantar, algúns presos estaban atarefados nos labores da oficina, na cociña.
Outros mataban o tempo paseando baixo o sol oblicuo do outono. A plena luz do
día eran os traslados a Vigo e Pontevedra para prestar declaración ou para
asistir aos consellos de guerra. Mais o luns 9 de novembro traían unha lista de 10 homes
que ían ser liberados: Vicente Bautista García, perruqueiro de 44 anos; Manuel
Herbón Fontán; Víctor Fraiz Castellanos, de 19 anos; José Lago Prieto; Manuel
Lustres Rivas, xornalista do Faro de Vigo
de 48 anos; Siro Moralejo Santos, de 34 anos; Manuel Nores Portela, industrial
de 38 anos; Florentino Vázquez Doval, de 25 anos; Abdón Simón Daponte, empregado
de comercio. Todos veciños de Vigo.
Cando escoitaron os nomes, os elixidos fixeron unha
festa de abrazos e de risos, unha despedida chea de emoción e de xúbilo; os que
ficaban na illa, coa alegría de ver os seus amigos saindo cos petates cara á
arelada liberdade. Víronos partir na motora cara ao peirao de Cesantes,
axitando os panos brancos das despedidas. Mais aquela era tamén unha viaxe cara
ao escuro. Porque o 9 de novembro a raposa viñera pola mañá.Debéronos levar primeiro ao cárcere de Redondela. Ou talvez a Vigo. Dixéronlles que tiñan que prestar declaración e que axiña quedarían en liberdade. Entón comezou a incertidume, a desconfianza, o medo. Reviviron as noites de anguria na illa, a lectura da listaxe, a necesidade de escoitar calquera nome menos o seu...
Esa mesma noite, de madrugada, foron buscar a nove. A todos menos a Abdón Simón. Cando escoitaron outra vez os seus nomes pronunciados ás 2 da madrugada souberon cal era o destino daquela viaxe. Sentiron a friaxe daquela noite de novembro, a amargura de non poder facer nada, a incomprensión daquela inxustiza tan grande. No traxecto na camioneta, Víctor Fraiz pensou no seu pai Víctor, o mestre de Coia, fuxido no monte desde xullo, e na súa nai Placeres Castellanos, que loitaba contra o terror con outros seis fillos do matrimonio. O que non sabía o rapaz, o que non podía imaxinar daquela, era que o seu pai acabaría entregándose no consulado de Uruguai en Vigo e sería fusilado no monte do Castro o 14 de setembro de 1937. Siro Moralejo lembrouse do seu irmán José, que era un ano máis novo cal el, e non puido imaxinar que Alcabre sería nunha noite de decembro, mes e medio despois, o nome dun mar inzado de sangue e de masa encefálica, o escenario da masacre de José e de 14 homes máis a véspera da noiteboa de 1936. A Manuel Nores rebulíalle na cabeza a conversa que tivera na illa con Joaquin Nores, veciño de Cangas, con quen non tiña relación de parentesco mais a quen lle deixara unha carta de despedida para a súa familia. Manuel Lustres Rivas acordouse do que lle dixera o dono do Faro, Manuel Otero Bárcena, na última visita que lle fixera no Lazareto non te preocupes, nuns días saes libre...
Imaxe do Diario de Bienvenido Lago, escrito nas prisións de Pontevedra e San Simón |
A alba do 10 de novembro de 1936 descubriu nove corpos acribillados no Alto da Concheira. As mulleres que ían a Vigo vender o leite levaban nos ollos o espanto daquela escena de terror. No Lazareto, Bienvenido Lago e Valentín Briones, anotaron en senllos cadernos o relato preciso daquel masacre infame e inxusto. Pouco tempo despois chegou á illa Otero Bárcena para pedir explicacións. O 14 de novembro o diario rexistra unha anotación breve: “Deteñen e incomunican a Fernando Lago Búa, inspector provincial de prisións”.
Na memoria de Bienvenido Lago e Valentín Briones, vilagarciáns presos en San Simón, que deixaron rexistro escrito dos crimes. Naquel tempo escuro escribiron dúas copias exactas dos días de terror, de soidade e solidariedade. Arriscaron a vida para legarnos as actas da barbarie.
Estimado Luís Bará
ResponderEliminarMuitos parabéns pela excelência deste blog e pela insistência de recuperar a memória de homens e de mulheres que, em tempos sombrios e difíceis, assumiram tomar posição com o risco das suas vidas. Passados tantos anos, continua a ser incómodo lidar com estas memórias e não deixa de ser angustiante o fim que muitos tiveram, assumindo quase sempre uma enorme dignidade nas suas opções. Homens e Mulheres que perderam quase tudo, inclusivamente a vida, mas não a dignidade e que, por isso, merecem ser recuperados dos silêncios da História.
Além da forma como cada nome é apresentado e respectivo contexto local, social, político e familiar,este blog constitui um precioso manual de metodologia na recuperação de um tempo e de uma memória que urge manter viva. Enquanto forem lembrados, é como se continuassem a nosso lado.
João Esteves
Moitas grazas Joao. Hai moitas historias aínda por recuperar, e moitas voces que queren contalas. Un abrazo
Eliminar