sábado, 26 de decembro de 2015

VOLVER DO MAR II Fraternidad Marinera de Moaña


O 24 de xullo de 1936 os militares apropiáronse do local do sindicato Fraternidad Marinera de Moaña e entregáronllo á Falanxe. O que fora espazo de loita e compromiso pola causa dos traballadores do mar, convertiuse en prisión e lugar de humilación e tortura. Os falanxistas destrozaron o emblema do sindicato –a representación dun traballador loitando contra o dragón da fame-, saquearon o edificio, levaron mobles, bandeiras e libros e queimáronos nunha fogueira.
O edificio da Seara convertiuse en cuartel da Falanxe. Alí instalouse un tribunal das forzas vivas moañesas que sinalaban as vítimas do terror. Os homes encarcerados, sometidos a malleiras e vexacións. Obrigados a traballar nas reformas da casa do sindicato e na ampliación do cemiterio municipal. As mulleres rapadas, obrigadas a desfilar arredor do local despois de facerlles beber aceite de ricino. Obrigadas a cantar cancións fascistas, a berrar Arriba España, entre bágoas e vómitos e as burlas dos torturadores. Mulleres comprometidas coa República e a liberdade, e tamén nais, esposas, irmás... aldraxadas e violadas. A José Saavedra Sartié, que andara fuxido, detivérono e levárono a Marín. Antes conducírono ao antigo local da Fraternidad e obrigárono a borrar coas unllas a lenda gravada na parede: “Vale más morir para ser libre que vivir para ser esclavo”. Despois asasinárono vilmente e o seu corpo non apareceu nunca.


Local da Fraternidad Marinera incautado polos fascistas
Imaxe de 1939, do libro Moaña nos anos vermellos
Co tempo, habíase consumar a profanación daquela casa-símbolo do sindicalismo máis combativo. Nunha imaxe de 1939 a escenografía fascista preside o lugar: o crucifixo, o xugo e as flechas, os retratos de Franco e José Antonio, e as lendas Saludo a Franco e ¡Arriba España!

Mais a finais de xullo de 1936 o peor estaba por chegar. O terror instalouse nas casas, nas rúas, nas covas e nos montes de Moaña, de Meira, de Domaio e Tirán. Chegaron os comandos asasinos dirixidos por Bruno Schweiger, criminal de guerra nazi, secundado por falanxistas de Marín e por militares do Polígono Jaime Janer. Chegaron as visitas nocturnas ao local do sindicato e ás casas dos militantes de esquerdas. O roubo de bens, como o coche que lle confiscaron ao médico Luís Caamaño, cuñado do dirixente republicano Amancio Caamaño Cimadevila, asasinado na Caeira o 12 de novembro de 1936. Chegaron as ameazas, as malleiras e as extorsións. As propostas para vestir a camisa azul dos delatores e dos covardes. E os corpos que desaparecían nas augas frías e profundas da ría de Vigo, fronte á punta da Guía.

O primeiro que viñeron buscar foi Manuel Ríos Cancelas, directivo da Fraternidad Marinera. Seica estaba na listaxe que fixeran as forzas vivas de Moaña, acusado de participar na requisa de armas para defender a República. Xuntaron a uns vinte mozos e leváronos á praia de Domaio. A intervención da garda civil impediu o masacre mais non salvou a Manuel Ríos, cuxo corpo acribillado a balazos desapareceu para sempre nas augas do mar de Vigo o 15 de agosto do 36.
José Paz Pena
(Imaxe do libro Moaña nos anos vermellos)
A caza dos dirixentes cenetistas continuou nas semanas seguintes. Presionaron e torturaron as familias, vixiaron día e noite as casas, artellaron engados para que se confiasen e saísen dos agochos. Foi así como capturaron a José Paz Pena, presidente da Fraternidad Marinera e secretario do Sindicato de Industrias Pesqueras de Vigo-Bouzas (CNT). O veterano líder mariñeiro participara na resistencia armada en Lavadores e logo fora para Moaña, onde permaneceu agochado. Detido no mes de novembro xunto con Cándido Giráldez Coloret, foi trasladado á prisión viguesa do Frontón e sometido a malleiras e vexacións. Chegou a pedirlle á muller que lle levase comida envelenada, porque non podía aturar máis as torturas. Até que os asasinos de Bruno Schweiger os sacaron da cadea para levalos a Moaña, sometelos novamente a torturas antes de asasinalos no pesqueiro Ave sin Puerto e fondealos na ría con senllos pandullos atados ao pescozo. Disque o irmán de José, Manuel Paz Pena, tamén foi asasinado e o seu corpo tampouco apareceu.

Eugenio e Manuel Cancelas Corrales tamén procuraron agocho para fuxir do terror asasino. Mais a delación dun parente fixo que fosen detidos, torturados, asasinados e fondeados na ría en decembro do 36. Outros dirixentes esquerdistas de Moaña, Francisco González Ríos, José Ríos González, Francisco Fernández, José e Manuel Blanco Costa, José Paredes Piñeiro, José Riobó... tamén desapareceron para sempre. Os seus corpos tampouco voltaron dunha noite de terror e sangue. Dos asasinatos covardes nos cemiterios de Marín ou Bueu, ou na Cruz da Maceira, ou na travesía nocturna desde o porto de Domaio en dirección á Punta da Guía.
Tralos disparos fíxose o silencio, a noite. A dor dunha ausencia infinita para a muller de Saavedra, que estaba preñada. Para a muller de José Paz, sometida a aldraxes sen nome. Para Veneranda, a esposa de Manuel Cancelas. Para as nais, para os fillos, para as compañeiras. A anguria de non saber onde estaban os corpos, desaparecidos para sempre. E a humillación de non ter dereito a nada. Nin ao loito, nin ás bágoas, nin ao dó. Porque nin sequera eran viúvas, nin nais de fillos asasinados. Mais elas saben da dor das feridas, das cicatrices marcadas a ferro, da memoria proscrita, do silencio e do esquecemento. E da necesidade de lembrar, para que se volvan abrir as portas da casa do sindicato e entren con traxe novo outra vez os mariñeiros asolagados nas augas frías do mar de Vigo. Porque é de novo tempo de loita e fai falta a coraxe e a rabia, o compromiso e a entrega, a firmeza e a honestidade. Os ideais e os valores que ficaron aquí, que non conseguiron fondear...

 
Fontes

Xoán Miguel González/Xosé Carlos Villaverde: Moaña nos anos vermellos, Ediciós do Castro, 1999
Dionisio Pereira: Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), Xerais, 2010

Luís Pérez Álvarez: Memorias, Edicións Corsarias/Nomes e Voces, 2015

Agradecemento
Os estudos e investigacións sobre a represión en Moaña son posíbeis, en grande parte, grazas a testemuños como o de Luís Pérez Álvarez Nacidas e ao tesouro de entrevistas realizadas pola A.C. Nós e o Arquivo de Memoria Oral do Concello de Moaña (Departamento de Cultura).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario