luns, 2 de novembro de 2015

MILLO DO 36


O millo salvou moitas vidas

Si. O millo salvou moitas vidas. Foi sustento, pan, gran, celeiro que alimentou a xeracións durante séculos. Mais aquel verán, nos meses de xullo, agosto e setembro do 36, salvou outras vidas. Foi o cereal protector. Abeiro, agocho, refuxio. O campo dos encontros furtivos, do sustento e da solidariedade.
Antes do 20 de xullo en moitas casas reinaba a felicidade. Están aí as imaxes, que non menten. Eran casas humildes, de xentes humildes, traballadoras, mais eran casas felices. Había necesidade si, mais tamén festas e sorrisos. E soaba alegre a música da banda de Ponte Sampaio, co fiscorno de Manuel de Socorra e o bombardino de Eligio Rey. E había arelas dun mundo diferente. En Vilaboa homes e mulleres traballaban no mar, na terra e nas canteiras, de sol a sol, sen dereitos e sen horarios. Polos dereitos e polos horarios crearon a Sociedade de Agricultores e Obreiros de Vilaboa. Para defenderen o seu, para loitaren por unha vida mellor. Eran das esquerdas e por iso o 20 de xullo foron a Pontevedra, nunha camioneta requisada, armados con escopetas tamén requisadas nas casas máis abastadas, de homes de dereitas, contrarios aos dereitos e aos horarios.

Despois daquel día deixou de soar a música. Cando na noite do día 20 viñeron de volta daquela primeira derrota sentiron o que era o medo. O terror. A vida á intemperie. As noites de insomnio no monte ou enriba dunha figueira. Refuxios improvisados en alboios e canastros. Pola noite agochábanse nos montes da Cerca, do Castro, da Costa, lugares que tan ben coñecían das xornadas interminábeis das canteiras.
E tamén souberon o que era o amor e a solidariedade. E a coraxe e a raiba. Sentimentos que tiñan rostro e nome de muller: Pepa do Tombo, Jesusa Valladares, Lola Cerqueiro, Tucha García, Matilde Vidal...  E tamén eran de muller as mans que amasaban o pan, que o cocían no forno, que cosían a roupa e procuraban calzado, que mercaban ás agochadas tabaco e medicina e os levaban ao lugar dos encontros clandestinos. Que aturaban insultos, humillacións e malleiras para protexer os seus.
Paisaxe de Manuel Colmeiro

Daquela tamén souberon dos campos de millo. Da súa función protectora, encubridora, solidaria. Era o lugar dos agochos e dos encontros. O cereal refuxio. Era doado fuxir polos campos de millo cando o sinal anunciaba a chegada dos asasinos, cívicos e falanxistas. Así foi como salvou moitas vidas.
Pola noite durmían no monte, á intemperie, a un paso da morte. A un paso do cemiterio de Ponte Sampaio, onde o 25 de setembro abandonaron de madrugada os corpos acribillados de Ángel Nores Rodríguez e Estanislao Mallo Martínez, de Cangas. Para eles non houbo monte nin millo refuxio. Porque foron secuestrados polos gardas civís Jesús Barja, Pablo Lores e Miguel San Juan Raposo, que deixaron rexisto escrito do crime.

Cando desapareceu o millo, a vida foi máis dificil nas terras de Vilaboa e Ponte Sampaio. O tempo foi a peor, veu a chuva e o frío e o monte xa non era un abeiro seguro. Daquela fixeron os agochos nas casas. Os tobos nos que pasaron tres anos, máis de mil días coas súas noites de silencio e escuridade. Un tempo sen o millo do 36, sen música, sen festas e sen sorrisos.

xoves, 22 de outubro de 2015

SANGUE E MEMORIA EN SOULECÍN


Familia Rodríguez López, de
Soleucín

Esta fotografía é un xigantesco memorial da resistencia contra o fascismo e da dignidade do pobo galego. É a familia Rodríguez López, de Soulecín (Valdeorras), retratada nos anos 30, en tempos de felicidade, de necesidade, de colleitas e de paz republicana; antes da persecución e da barbarie. O día 18 de outubro de 1939, un comando da Lexión asasinaba en Soulecín, diante dun grupo de veciños, aos pais, Domingo Rodríguez, de 54 anos, e Amalia López, tamén de 54 anos. Catro dos seus fillos varóns –Rogelio, Sebastián, Domingo, Alfonso-participaron na resistencia armada contra o fascismo e deron a vida nesa loita. Dúas fillas, Chelo e Antonia, tamén colleron as armas contra a Ditadura e acabaron no exilio en Francia. Chelo ainda vive, con 96 anos, para lembrar os crimes e dar exemplo dun compromiso inquebrantábel coa memoria dos seus. 

O 19 de outubro de 1939, outro comando da Lexion asasinaba no Val (Valdeorras) a Concepción Fernández Cadórniga e á súa filla Remedios, pendurándoas dunha cerdeira. Prendéronlle lume á súa casa. A Carmen de Fervenza, Carmen Jerez, colaboradora da resistencia armada, secuestrárona os fascistas o 25 de xullo de 1946. Tivérona presa na Rúa en en Ponferrada. Violárona e mutilárona salvaxemente. O seu corpo apareceu o 3 de maio de 1947 en Montearenas, perto de Ponferrada. Din que estaba preñada de cinco meses.

O libro "As mulleres do monte", de José Antonio Gurriarán, debulla estas e outras historias de resistencia e represión nun extraordinario traballo xornalístico no que se combina a memoria oral e a investigación nos arquivos oficiais. Unha lectura necesaria para coñecer a verdade, para honrar a memoria da Galiza resistente, das vítimas de tanta inxustiza...

Tamén é de xustiza facer memoria da memoria, por iso quero lembrar aqui o descomunal traballo de Aurora Marco “Mulleres na guerrilla antifranquista galega”, e o documental “As silenciadas”, de Aurora Marco e Pablo Ces, que tiraron das tebras do esquecemento os crimes de Soulecín, a dor e o heroísmo da Toña e da Chelo, o asasinato de Carmen de Fervenza, a coraxe das mulleres resistentes...

luns, 12 de outubro de 2015

ADOLFO E CLAUDINA, NO CARTAFOL BALEIRO


El é Adolfo Torres Ruzo. Ela Claudina Pérez. Os meus avós maternos, de Paredes (Vilaboa). A historia das súas vidas é un cartafol baleiro. Procúroos no mapa de ausencias, no ronsel de silencios, de parénteses e de lembranzas diluidas no tempo en que se convertiu a memoria familiar. Unha memoria fráxil, fragmentaria, feble como unha luz que se apaga. Como unha estrela que desapareceu e segue emitindo un sos.
Na procura doutras memorias ocultas vou atopando aquí e alá notas soltas de vidas non contadas, esquecidas. A memoria familiar, a memoria comunal é como ler nas páxinas dun libro baleiro. Un libro ao que lle arrincaron as follas, os retratos, as imaxes. E tamén as voces e os silencios. E o sal das bágoas.

De Claudina creo sabelo todo. Desde o día do meu primeiro recordo: tiña catro anos e leváronme ao cuarto, ao seu leito de morte, na casa da tía Celsa. Colleume a man para despedirse de min e crin ver toda a dor do mundo, todo o amor do mundo. As xornadas interminábeis nas canteiras, sen dereitos e sen horario, facendo morrullo, coa súa irmá Manuela. As camiñadas a pé até Marín, Pontevedra ou Redondela, para vender cebolas e traer de comer á casa. O traballo no fogar, nas leiras, no mar, no monte, no río, para criar os fillos e fillas que foron nacendo naquela casa humilde. Unha casa sen libros, sen imaxes, sen memoria. Ateigada coa dor das bágoas da avoa Claudina, e co amor inmenso que vin por primeira e única vez, cando tiña catro anos.

De Adolfo abundan as anécdotas, os sucedidos, os feitos case marabillosos. Era zapateiro e músico. E prestidixitador das palabras. Sei que declarou na causa contra Eligio, no 36, e que tentou axudalo. E seica escapou do cuartel dos falanxistas, con Agustín da Carballeira, polos campos de millo. E foi sobrevivindo a aquel tempo de miseria e de dor, de privacións, de silencio, que el enchía co don da palabra ocurrente, da cantiga burlesca, da copla irreverente. Ese cartafol das cantigas do meu avó aínda pervive na memoria popular, e prometo escribilo.
Non o coñecín. Mais sei que hai páxinas escuras, amargas, na vida de Adolfo. A travesía polo alcohol e a loucura. A violencia e a ira. O ingreso no Rebullón. A volta á casa. A lucidez, o humor, a irreverencia. Como aquel día que foi á consulta do doutor Mato Calderón, en Pontevedra, e pronunciou a sentenza:

- Calderón, Calderón: ti mírasme a cabeza e eu estou do corazón.
A imaxe dos dous é a porta do cartafol baleiro. Un fío do que tirar para conxurar o silencio, a ausencia, o esquecemento que o cobre todo. E sei que teño que voltar á aldea na procura de voces, de imaxes, de sombras. Porque non somos nada sen memoria familiar, sen memoria comunal. E preciso que a miña avoa Claudina me volva coller a man, preciso ese intre dos dous, esa calor, esa luz que se apaga, ese amor.

 

luns, 5 de outubro de 2015

UN VESTIDO NOVO PARA OTILIA


O pai de Otilia, Avelino Carracelas, 41 anos, era carpinteiro de ribeira e traballaba nos asteleiros de Guixar. Ía a Vilaboa o sábado pola noite e marchaba o luns pola mañá. Collía o vapor en San Adrián e durante a semana paraba nunha pensión en Vigo. Avelino e a muller, Adelina Carracelas, tiñan 5 fillos: Félix, Palmira, José Cesáreo, Otilia e Amancio. Despois de saír do cárcere nacería Mari Carmen, a sexta filla.
Otilia Carracelas
(foto Xosé Luís Alonso)
Aquela era unha familia feliz. Na casa familiar de Santa Cristina dos Cobres non abundaba nada, mais estaba abastada de agarimo, de humildade, da grandeza das vidas xenerosas. Avelino era dirixente da Sociedade de Agricultores e militaba no sindicato de carpinteiros de ribeira. Mais en xullo do 36, esnaquizouse o mundo e na casa nada volveu a ser igual. Os falanxistas foron a Vigo na súa procura. Detivérono o 8 de setembro e levárono primeiro á prisión habilitada na Normal de Pontevedra e  despois ao Lazareto de San Simón. Desde alí vía a casa dos seus e aquela imaxe rompíalle o corazón. E o medo pairaba arredor todas as noites, cando sentían a chegada da “raposa”, a camioneta que se aproximaba á praia de Cesantes para os traslados a unha curva, a unha praia ou a unha cuneta da que non se volvía. “A ver cando nos toca anós” pensaban aqueles homes despois de oír pronunciar os nomes dos escollidos, despois de escoitar a frase macabra dos asasinos: “Para esta viaxe non fai falta que leven ningunha pertenza”.
Otilia, que tiña seis anos, sentía pánico cando vía unha camisa azul. Sentíralle dicir á nai que foran eles, os da camisa azul, os falanxistas, os que foran buscar o pai, os que o levaran preso, e non os podía ver. Un día a nai mandouna á tenda e estaba alí un home que polo medo se fixera falanxista, porque a un fillo déranlle unha malleira terríbel. Aquel home díxolle que era amigo do seu pai e ofreceulle galletas á nena mais ela non as colleu. Non arelaba nada máis no mundo que comer aquelas galletas mais non as colleu porque lle arrepiaba ver aquela camisa azul.
Nos dous anos que estivo preso (1936-1938), Otilia non puido visitar o seu pai. A nai non a levaba con ela porque non tiña roupa que poñerlle, nin calzado. A nena só tiña un vestido que lle fixera desfacendo unhas sabas. Un vestido suxo e roto que era a marca da derrota daquela familia privada do agarimo e do salario do pai, o único soldo que entraba naquela casa. Por iso tampouco a deixaba ir á escola, para non facela pasar a vergoña de levar sempre o mesmo vestido suxo e raído, os mesmos pés descalzos da filla dun roxo.
-Eu quero ir visitar a papá!
-Non tes roupa, filliña!
Cara a finais de 1936 comezaron a levar os presos para traballar no camiño que subía á estrada de Cangas desde o peirao de Santa Cristina. Ían por quendas, traballaban con picachóns durante horas e voltaban á illa. As familias de arredor podían levarlles a comida, e Adelina, que vivía perto, fíxoo todas as veces que o home foi alí. A nena pedía ir pero a nai nunca a levaba con ela. Mais un día Otilia, que tiña seis aniños, decidiu ir ver o seu pai. Suxa, descalza e co vestido roto decidiu ir detrás da nai, sen que ela a vise, para ver o pai.

Cando chegou alí e o viu foi correndo cara el e pegou a subir polo pai arriba. Púxose a abrazalo e a darlle bicos e Avelino púxose a chorar coa emoción de coller nos brazos a filla que non vía desde facía meses. E ao pé deles, un dos gardas que custodiaba os presos púxose tamén a chorar, impresionado por todo o amor e toda a mágoa que se concentraba naquela escena conmovedora.

O pasado sábado 3 de outubro, Otilia voltou facer o camiño até o peirao para participar nun acto organizado por A Regaduxa. Memoria Histórica de Vilaboa, unha actividade para denunciar a negativa de Portos de Galicia a instalar unha inscrición de homenaxe aos presos de San Simón e a todas as vítimas do terror franquista. Aquela nena de 6 anos voltou ao lugar en que abrazara o pai e falounos coa dignidade dos seus 85 anos e cos ollos cheos de bágoas da bondade daquel home que era o mellor pai do mundo. E todos vimos, máis alá do loito, que agora levaba un fermoso vestido, e uns preciosos zapatos e un gran sorriso de orgullo por Avelino e por todas as vítimas que voltaban á casa, que retornaban do silencio da historia e ficaban xa para sempre con Nós.

mércores, 30 de setembro de 2015

O PEIRAO DA MEMORIA


Fotografía de Xosé Luís Alonso
Eugenia Rey Acuña, a muller da fotografía, naceu o 27 de setembro de 1932. Ten 83 anos. A súa nai, Áurea Acuña Seoane, morreu con 22 anos, cando ela tiña 4 meses. O 2 de marzo de 1937, os fascistas fusilaron ao seu pai en Pontevedra e enterráno nunha tumba sen nome, da que nunca máis volveu. Eugenia ficou no mundo coa súa avoa, Peregrina Acuña Seoane, nai solteira, muller forte e valente. Ficou aquí na terra para chorar amargamente polo pai preso, polo pai asasinado.

A comezos de 2014 fun á súa casa do Chincho na procura das páxinas do libro do esquecemento e tiven a sensación de que levaba décadas agardando ese momento. Levaba décadas esperando falar do que lle pasara ao seu pai, que tocaba o clarinete na banda de Ponte Sampaio e bailaba que daba gusto velo. Levaba décadas chorando en silencio unha ausencia que non parara de medrar, desde o día que foi ao Lazareto de San Simón visitalo e nunca máis o volveu ver. Desde o día de xullo do 36 que os falanxistas o foron buscar á casa do Outeiro e el lle dixo a Peregina que lle deixaba tres pesos para mercar herba para a semente e un vestido vermello para a nena.

En marzo de 2014 a asociación A Regaduxa organizou unha homenaxe ás vitimas do franquismo no concello de Vilaboa. Ali estaba ela, Eugenia Rey Acuña, chorando bágoas de emoción e orgullo polo pai asasinado, polo pai soterrado nunha tumba anónima, polo pai enterrado no silencio da Historia.

O pasado 26 de abril, Eugenia acompañounos na presentación da inscrición de homenaxe ás vítimas do terror franquista en Vilaboa que a Regaduxa quere instalar no peirao de Deilán, en Santa Cristina de Cobres. No peirao no que foi obrigado a realizar traballos forzados o seu pai, Eligio Rey, con centos de presos da illa. Quen lle vai explicar a Eugenia a negativa de Portos de Galicia a permitir esta homenaxe sinxela e sentida das xentes de Vilaboa?

O sábado 3 de outubro voltaremos a ese peirao para acabar co silencio ao que foi condenado Eligio, para limpar as bágoas de soidade e de dor de Eugenia, para compartir o seu orgullo de filla dun republicano, dun home de ben, humilde e honrado. Para que a luz da memoria dos homes e mulleres de Vilaboa que loitaron pola democracia e a liberdade venza definitivamente o esquecemento. E para acabar para sempre coa insensibilidade dos que ainda hoxe pretenden administrar o pasado e gobernar sobre os sentimentos das persoas.

PD O vindeiro sábado 3 de outubro, ás 7 da tarde, a Regaduxa Memoria Histórica de Vilaboa organiza un acto público no peirao de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) para denunciar a negativa de Portos de Galicia a instalar una inscrición de homenaxe ás vítimas do terror franquista en Vilaboa.

 

Eligio Rey, canteiro e músico

(texto publicado no blog en marzo de 2014)

Onte pola tarde fun a Paredes (a miña terra natal, no concello de Vilaboa) falar con unha muller de 82 anos á que lle mataron o pai cando tiña 4 anos, o 2 de marzo de 1937, despois de pasar meses preso en San Simón; matáronlle o pai (a nai morrera cando tiña catro meses) por ir a Pontevedra o 20 de xullo, por ser obreiro e comunista e defender a legalidade (a iso os golpistas chamábanlle rebelión); matáronlle a esperanza, a liberdade, a infancia e condenárona nun mundo de miseria, de fame, de terror.
Esta muller tamén me falou dos veciños e veciñas perseguidos, agochados no monte e nas cortes do gando; das mulleres rapadas; dos asasinos e dos seus cómplices. Faloume da represión invisíbel, da persecución e da dor interminábel. Gardaba coma un tesouro o libro Aillados, que fala do seu pai preso na illa que case se ve desde a súa casa. Quedamos para falar outro día mais vou precisar máis días para que me desvele a súa enciclopedia do esquecemento. Díxenlle que queriamos organizar no mes de marzo un acto en homenaxe do seu pai e os ollos enchéronselle de emoción e de orgullo.

Despois de tantos anos, aínda se laian algúns de que queiramos saber o que pasou, de que mundo silenciado vimos, e sinto con máis forza a obriga de saber, de pronunciar os nomes das vítimas, de sacalos da escuridade dos arquivos militares e da letra fría dos rexistros civis, de poñelos en letra escrita nunha historia que aínda non está contada e que reclama xustiza.
Na memoria de Eligio Rey Freijanes e de todas as persoas que foron encarceradas, perseguidas, aldraxadas, encerradas no xigantesco cárcere e enterradas no inmenso cemiterio do franquismo.

 

domingo, 20 de setembro de 2015

UN CESTO DE MAZÁS: A MEMORIA CORAL


As que pasaron os que quedaron, iso ninguén o sabe
Carmen Meaños Abuín A Carrilla

 
Ilustración de Mario Granell incluida no
libro Un cesto de mazás
O segundo libro de Montse Fajardo, Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu, recolle dezaseis capítulos da violenta represión desatada polo fascismo en Galiza a partir de xullo do 36. Son historias dramáticas, impactantes, conmovedoras, protagonizadas por homes e mulleres humildes –obreiros, sindicalistas, mestres e mestras- que na maior parte dos casos saen do anonimato aos que os condenou o esquecemento imposto durante décadas.
O libro debulla a memoria da violencia, do terror e da dor sufrida polas vítimas directas e tamén -unha das grandes teimas da autora- da onda expansiva que alcanzou ás súas familias e que durou décadas, e segue aínda presente, como unha marca gravada a ferro na pel, no corazón, na alma. De feito, na maior parte dos capítulos, o protagonismo céntrase nos que quedaron: nas nais, nas irmás, nos fillos, nos compañeiros e compañeiras que tiveron que atravesar as estacións do horror, do medo, da necesidade, da humillación, do desamparo  e do silencio obrigado. E con extraordinaria sensibilidade para captar os detalles, Montse Fajardo salfere as historias con escenas nas que abrolla a luz no medio da noite, nas que xorde a solidariedade, a tenrura, o amor, a compaixón para redimir as vítimas de tanta maldade. Aparecen así no relato mulleres que estiban cadáveres abandonados no monte; mulleres que ceden un lugar no camposanto para soterrar corpos anónimos, sen dereito a lápida, sen dereito a dó; nenos que balizan esas tumbas espidas orientándose co pau da luz; nenas que recollen flores para ofrendar aos asasinados; cestas de alimento que chegan de casas amigas, solidarias...

Contra o que poida parecer, Un cesto de mazás non é un libro pesimista, derrotista, triste. Todo o contrario. É unha obra esperanzada, combativa, rebordante de orgullo e dignidade. Do orgullo e dignidade que as familias gardaron durante décadas no interior das casas, nunha memoria íntima e resistente, e que agora ve a luz nun libro extraordinario, que fala de grandes sentimentos e emocións, de ideas e valores universais, de vidas que precisan ser contadas, coñecidas, lembradas.
Son vidas que a autora transmite con paixón, con lealdade, con extremo respecto. Porque indubidabelmente toma partido por elas, ponse do seu lado, na súa pel, na súa dor. Mais a fidelidade á memoria oral compleméntase coa consulta de fontes escritas –xornais, libros de historia, expedientes oficiais- para conformar un relato sólido, rigoroso e cheo de emoción sobre o que pasou, sobre as que pasaron os que quedaron.

Malia traballar coa materia delicada da fonte oral, Montse Fajardo conxuga con mestría o oficio xornalístico, a investigación histórica e a narración literaria para construir un libro orixinal, fresco, moi coidado no fondo e na forma, que explora novos camiños para contar episodios da estremecedora represión que asolou Galiza no 36 e no interminábel tempo que veu despois.
E aínda que na construción do relato se percibe o dominio da arte narrativa, a capacidade para contar historias, para coidar os pequenos detalles, para a sorpresa e a emoción, ao longo do libro escóitanse unha e outra vez as voces das vítimas, ás que a autora cede o protagonismo absoluto. É así como a memoria oral se transforma en memoria coral, as voces solitarias en crónica solidaria, e a dor individual en berro colectivo.

Como as mulleres que no final do libro fan soar as tarteiras e os sachos en manifestación de alegría e rebeldía ao paso da comitiva fúnebre dun asasino, esa memoria coral transmútase nun conmovedor alegato contra a barbarie, en facho de luz vixía contra a desmemoria e nunha chamada para non adiar máis as arelas de xustiza.

martes, 8 de setembro de 2015

MEMORIA DO BUEU FRATERNO

Para Josefa Lobeira, que en setembro cumpriría 116 anos. Co maior dos arrolos.

Antes de que o mataran xuntounos a todos. A Josefa e os sete fillos. Contoulles o que lle dixo o Massó do tempo da infamia, José María, o dono da vila. Ofreceulle traballo na fábrica. Díxolle que se renunciaba, se poñía o uniforme da Garda Cívica, non lle ía pasar nada a el e á súa familia. Moitos deron a volta, el non. Vaste arrepentir, aquí tiñas o porvir teu e dos teus fillos...
Xuntounos a todos e díxollo así, para que soubesen quen o había matar:

-Se me pasa algo a min o culpábel é el.
El non o matou. Pero como se o matase, porque el era o señor da vila e decidía sobre a vida e a morte. Despois estaban os asasinos, os matarifes, os que levaron a Ricardo Gómez Buceta, os que o foron matar a Marín unha noite de decembro de 1936
http://nondesaesquecemento.blogspot.com.es/2015/06/bueu-1936-i.html

Un daqueles pistoleiros nocturnos chamábase Collazo. Era de Rianxo. A súa muller celebraba as xestas do home cun retrouso abominábel: Cada vez que mi marido mata un rojo, me como un pollo. Seica tempo despois acabaron desprezados, illados. Seica voltaron para Rianxo. Seica alí mataron a Collazo...
A familia Gómez Lobeira ficou á intemperie. Sentiron o arrepío do medo. A dor da aldraxe. As noites de insomnio. Os golpes na porta de madrugada. Mais Josefa e os oito fillos que quedaron con ela (o oitavo levábao no ventre cando lle mataron o home) sentiron tamén a calor dun Bueu fraterno, xeneroso, solidario. Os rapaces baixaban á praia e sempre había barcos que chegaban con peixe fresco para matar a fame, para vender polas casas, para sobrevivir a aquel tempo de silencio.

E aquela familia humilde e honesta, aquela familia que tivera que vender propiedades para pagar unha faLsa débeda do home asasinado, aquela familia levou consigo ao exilio a memoria do que pasara, a gratitude a case todo Bueu (Que me perdoe a xente se non a lembro).
Aos patróns dos barcos que traían aquelas patelas de peixe fresco e xeneroso:

Paco González Paco Pito
Edelmiro González

Os irmáns Quinteiros, Ramón e Celestino
Manolo O Relo

Chuco Loira
O señor Corrales

Manuel Ríos
Pancho Curra

José Juncal Pepe de Mighelito
Medraño O Vello

O Canteiro, o que casara coa Conasa, que a raparon
Chuco Santos

Manuel de Socorra, patrón de Aldán
O señor Francisco da Canteira

...
No exilio de Montevideo Josefa foi a mellor nai do mundo, a mellor avoa. Nunca deu a esquecemento. Mantivo sempre accesa a chama da memoria, da vida honesta, da dignidade familiar. E transmitiulla aos seus. E deixou un escrito que é dun descomunal monumento da memoria. A denuncia do crime. O rexistro da dor. A procura insacíabel dunha xustiza que había voltar, ao cabo do tempo, -como o peixe fresco do 36- como un abrazo de todo o pobo do Bueu.

 
PD O sábado 5 de setembro de 2015 Ricardo Gómez Buceta, xunto con outros traballadores do concello de Bueu, xunto co alcalde asasinado, Xohan Carballeira, e cos concelleiros fusilados, encarcerados e perseguidos... recibiron a homenaxe da corporación e do pobo de Bueu.

Fontes e agradecementos

A miña gratitude a Julio Gómez Lobeira, fillo de Ricardo e Josefa, que me abriu de par en par as portas da memoria familiae e do Bueu fraterno o 27 de xullo de 2015.

O meu agradecemento a Xosé Novas, da Asociación Xohan Carballeira, que me levou ata el e me cedeu o manuscrito de Josefa.