domingo, 28 de setembro de 2014

AS ACTAS DA DIGNIDADE: A DOR E O AMOR DE CINTA REY


Para Carme Vidal, compañeira imprescindíbel en todas as batallas da memoria


Esta imaxe é un grandioso monumento da memoria. Ao mesmo tempo é un acto heroico, unha valente declaración de rebeldía, de resistencia, de dignidade. É tamén unha das máis completas reproducións dunha dor interminábel, invisíbel, permanente. Unha dor que non deixou rastro escrito, que non figura nos rexistros do crimes nin nos arquivos da memoria. Pero na decisión de ir alí, ao monte da Caeira, ao km 1 da estrada de Campañó, tinxido co sangue de Alexandre Bóveda, de Victor Casas e de moitos máis, hai unha mensaxe estremecedora, a confesión do sufrimento, do silencio e do orgullo dunha nai e dunha compañeira.
A muller da fotografía é Cinta Rey, nai de Victor Casas Rey, asasinado nese lugar o 12 de novembro de 1936. A muller que tomou a imaxe é Amalia Álvarez Gallego, a compañeira de Alexandre Bóveda, asasinado ao pé dese piñeiro o 17 de agosto de 1936. O día que foron alí, escribiron unha fermosa historia de amor e de rebeldía: un amor e unha rebeldía íntimas, silenciosas, soterradas, mais que hoxe emerxen como testemuños da grandeza de dúas mulleres que nun tempo de terror decidiron lembrar, facer memoria, levantar acta gráfica dos crimes.

Esta imaxe fálanos dunha historia que nos roubaron, que non foi contada. A historia estremecedora de miles de mulleres represaliadas e resistentes, cuxas vidas seguen aínda nos recantos máis escuros da historia, agardando. O relato das múltiples formas do horror e do sufrimento nos longos anos do silencio. Mais tamén é unha historia fermosa, que nos fala de fidelidade, de orgullo, de amor sen condicións e sen límites. O acto de facer esa foto, de gardar esa imaxe coma un tesouro familiar, era tamén un acto privado de resistencia, de combate contra a desmemoria, de denuncia dos crimes. 

Hoxe ese lugar do terror e da memoria non existe. Foi devorado por enormes edificios que gavean polas abas do monte da Caeira e Montecelo. Mais fica esta imaxe, con toda a súa enorme carga de amor e de dor. E queda a exemplaridade de dúas mulleres, Cinta e Amalia, que no medio daquela noite e daquel horror, quixeron lembrar. Esa é a súa victoria, ese é o noso compromiso.
 
PD Esta imaxe de Cinta Rey, realizada por Amalia Álvarez no lugar onde asasinaron aos líderes nacionalistas Victor Casas e Alexandre Bóveda, está recollida no catálogo do Memorial da liberdade. É propiedade de Víctor Casas, fillo.

AS ACTAS DO TERROR: A FAMILIA ZBARSKY KUPER


(Para Montse Fajardo, que anda na procura do ronsel das silenciadas) 


A interminábel noite do terror xenocida ten en Pontevedra nomes escuros, viles, de abominábeis asasinos de boa reputación. Ten tamén nomes claros, luminosos, eternos, nomes e vidas que nos acompañan para sempre. Coma as de Abraham e Jacobo Zbarsky, pai e fillo, xudeos de orixe rusa, que se estableceron en Galiza a comezos do século XX, dedicados á medicina e á odontoloxía. E dedicados tamén ao ben común, á causa do progreso e da liberdade, á loita política nas fileiras do comunismo e do socialismo.

Jacobo Zbarky, de 22 anos, foi dos primeiros que se presentou no goberno civil para defender a legalidade republicana. Ía vestido co uniforme de brigada de complemento e pola súa determinación e coraxe asumiu a dirección da resistencia das milicias populares contra o golpe. Detido o 20 de xullo, foi procesado, condenado a morte e fusilado no cuartel de Campolongo o 10 de agosto de 1936. A súa última carta, escrita tres horas antes de morrer, é un documento verdadeiramente estremecedor:

"Pontevedra, 9 de agosto de 1936.
Queridos míos:
Querida madre, perdóname este último gran disgusto que te doy. Dentro de 3 horas moriré, tú bien sabes cuanto te quiero, sin embargo no he querido ver a ninguno de vosotros por última vez, porque si así lo hiciera no tendría el valor de afrontar mi suerte.
Mis últimos pensamientos serán en todos vosotros, sobre todo en ti, madre mía. Estoy tranquilo, creo que esta tranquilidad me acompañará hasta el último momento. Piensa, madre mía, que si pierdes un hijo, por ningún ideal más justo.
Yo puedo sacrificar mi vida, te queda otro hijo y mucha más familia que harán todo lo posible por consolarte.
Os beso y abrazo a todos queridos, sobre todo a ti, madre.Tu hijo, que siempre te ha querido y te querrá mientras viva".
(Caeiro, Antonio e outros. Aillados. Vigo: Ir Indo.1995) 

A nai de Jacobo Zbarsky non aparece nos libros de historia, non figura nas actas do terror, no dietario do medo. A nai de Jacobo Zbarsky, Sofía Kuper, perdeuse na néboa do tempo, soa, coa súa dor interminábel de nai, de viúva, de desterrada, de morta en vida nunha agonía sen fin. Despois da morte do fillo, viviu a prisión e a asasinato do marido, o odontólogo Abraham Zbarsky, sacado na madrugada do 29 de decembro do Lazareto de San Simón e asasinado vilmente en Marcón cando tiña 54 anos. 

Sofía Kuper, derrotada pola dor e o desprezo, aínda tivo que sofrer o expolio dos bens familiares, as multas, as ameazas, os insultos... Talvez tamén foi moitas veces ao cárcere de Vigo a levarlle roupa e comida e amor ao seu irmán, Simeon Kuper Horstein, á súa irmá Elisa Kuper Horstein, e ao seu fillo, Elías Zbarsky Kuper, detidos e procesados polos fascistas. Non sabemos máis de Sofía Kuper, e este silencio da Historia, este esquecemento, é tamén unha acusación, a denuncia definitiva dos crimes, de todos os crimes e dos seus executores. E máis alá do silencio, é a chamada incesante da memoria de todas as silenciadas, a memoria imparábel de Sofía Kuper Hornstein, un nome luminoso que se ergue entre a néboa do tempo e que xa nos acompaña para sempre.

Celestino Poza e as actas da dignidade


(Para Celestino Poza Domínguez). 

Naquela interminábel noite de pistolas, naquel tempo de asasinos de misa dominical, a dignidade e a ética non sempre foron posíbeis. É por iso que hai que darlle valor a cada aceno, a cadra palabra, a cada ademán. Entre as imaxes do libro maior da dignidade, traio aquí a de Celestino Poza, o seu fillo Tino, Evaristo Mosquera e os evanxélicos de Marín (esquecidos entre os esquecidos) que se negaron a comungar na illa de San Simón o dia da misa propagandística do patrón de 1938, que defenderon as súas conviccións e as súas crenzas ante o mesmísimo Padre Nieto, que exercia o ofício coa pistola ao cinto. O acontecemento foi recollido no conmovedor libro de Evaristo Mosquera "Catro anos a bordo dunha illa" e tamén no proxecto Nomes e voces, contado por Ignacia Martínez Omil, filla dun dos protagonistas daquel acto heroico. (Outro día falareivos da foto que ilustra a portada do libro, que forma parte das actas do horror, que fala como ningunha outra imaxe do inferno que foi a illa para os presos que chamaban os "vellos").

domingo, 30 de marzo de 2014

O Souto


O Souto, en Paredes, é un lugar máxico, con deslumbrantes vistas á ría de Vigo. É unha terra fértil, asollada, vizosa, poboada de laranxeiras e de paxaros. Nun recanto deste lugar vive Dorinda, unha muller de 92 anos que rememora para min os tempos da infancia e da mocidade; a escola de Don Luciano, que lles aprendía cancións republicanas que ela recita de cor; os días de terror falanxista e cívico de febreiro do 37, a Lola do Souto coa cabeza rapada, a casa queimada de Carmen de Salada, o rexistro da casa de Román e Edemira na procura dun home fuxido dun fusilamento colectivo en Cangas; a persecución diaria de Pepa do Tombo, que lle levaba a comida ás agachadas ao seu home; a traxedia da familia Cerqueiro, Juan, Venancio e Lola, de Vilaboa; os asasinados no cemiterio de Ponte Sampaio, na subida ao cuartel de Figueirido e na Regaduxa; os traballos forzados dos presos do cuartel e as familias asturianas instaladas en Figueirido e Postemirón para coidar aos seus; os veciños de Paredes e Vilaboa que fuxiron e se agocharon durante tres anos: Manuel García Amoedo, Juan Cal Conde, Antonio Vidal Vilas, José Cerqueiro Regueira, Manuel Pérez Curra, Manuel Mata Del Río...

Tamén me falou da noite en que houbo morrer Antonio Naval, detido no cuartel da garda civil de Moaña, da longa espera da familia na casa do Eirado, sen saber del, imaxinando o peor, até que Antonio chegou ás 2 da mañá, volveu andando desde Moaña no medio da noite, e do medo e da anguria con un salvocoduto que lle dera Freire, un dos xefes falanxistas da localidade, que o coñecía porque tivera unha noiva en Paredes. Esa moza chamábase Enedina Conde e era filla de Pepa e Emilio do Tombo, que sofriron o que non está escrito por non renunciaren ás ideas e á lealdade. Enedina vive hoxe en Venezuela, ten 103 anos, e talvez lembre os días de 1936 en que ía levarlle a comida e a roupa lavada ao seu pai ao Lazareto de San Simón. Alí coñeceu a Fernando Gurrea, compañeiro de prisión do pai, co que acabaría casando e vivindo en Paredes até que coma moitos membros da familia decidiron probar fortuna lonxe da terra natal.

Na arca das historias extraordinarias, custodiadas na memoria prodixiosa de siña Dorinda, aínda hai vidas que se perden na noite do esquecemento. Historias coma as de Juan Lago Collazo, natural de Paredes, detido e maltratado no cuartelillo de Vilaboa, e que máis tarde desertou do exército franquista en Zaragoza e fuxiu a Francia. Percorreu o pais pedindo esmola e chegou a París e cando xa esmorecía consumido pola fame e a desesperación e o abandono da embaixada encontrou un home de Murcia que o levou á súa casa e lle deu cama e alimento e agarimo e o internou nunha clínica de convalecencia para que se recuperase. Aquel home e a súa muller e a filla visitábano todos os sábados para levarlle comida e revistas nas que aprendeu o francés e cando saiu deulle traballo no seu taller mecánico, onde seica cobraba o equivalente a vinte pesos ao día. Juan acabaría casando coa filla, seguiron vivindo en París e moitos anos máis tarde Juan voltou a Paredes en varias ocasións e continuou a súa vida en Francia e pediulle á familia que cando morrese os seus restos voltasen á súa terra. As súas cinzas non repousan no cemiterio de Vilaboa, foron depositadas polo seu irmán Ramón no cemiterio de Cedeira, en Redondela, no panteón familiar. 

Hoxe os paxaros, as laranxas e o sol voltaron a iluminar as abas do monte da Maica e as terras que caen contra a ría. Sinto orgullo do lugar e da memoria que o habita, e prometo volver, non deixar nunca de volver, para seguir descifrando o interninábel libro do esquecemento.

Paredes, 29 de marzo de 2014.

martes, 25 de marzo de 2014

Eligio Rey, canteiro e músico

Onte pola tarde fun a Paredes (a miña terra natal, no concello de Vilaboa) falar con unha muller de 82 anos á que lle mataron o pai cando tiña 4 anos, o 2 de marzo de 1937, despois de pasar meses preso en San Simón; matáronlle o pai (a nai morrera cando tiña catro meses) por ir a Pontevedra o 20 de xullo, por ser obreiro e comunista e defender a legalidade (a iso os golpistas chamábanlle rebelión); matáronlle a esperanza, a liberdade, a infancia e condenárona nun mundo de miseria, de fame, de terror. Esta muller tamén me falou dos veciños e veciñas perseguidos, agochados no monte e nas cortes do gando; das mulleres rapadas; dos asasinos e dos seus cómplices. Faloume da represión invisíbel, da persecución e da dor interminábel. Gardaba coma un tesouro o libro Aillados, que fala do seu pai preso na illa que case se ve desde a súa casa. Quedamos para falar outro día mais vou precisar máis días para que me desvele a súa enciclopedia do esquecemento. Díxenlle que queriamos organizar no mes de marzo un acto en homenaxe do seu pai e os ollos enchéronselle de emoción e de orgullo. Despois de tantos anos, aínda se laian algúns de que queiramos saber o que pasou, de que mundo silenciado vimos, e sinto con máis forza a obriga de saber, de pronunciar os nomes das vítimas, de sacalos da escuridade dos arquivos militares e da letra fría dos rexistros civis, de poñelos en letra escrita nunha historia que aínda non está contada e que reclama xustiza. Na memoria de Eligio Rey Freijanes e de todas as persoas que foron encarceradas, perseguidas, aldraxadas, encerradas no xigantesco cárcere e enterradas no inmenso cemiterio do franquismo.

O pasado sempre volve


Miro debaixo da pel da aldea e atopo ducias de persoas invisíbeis, que enchen o grande libro do esquecemento: Eligio Rey Freijanes, Agustín da Carballeira, Antonio Vidal, Antonio Naval, Manuel García Amoedo, Juan Cal Conde, Emilio do Tombo, Pepa do Tombo, José Valladares, Lola do Souto, Leandro Acuña Seoane, Juventino Puentes, Afligida Acuña , Román, Edelmira...

Procúroos na memoria fría dos rexistros civís e dos arquivos militares. Onde pon “condenado a morte por rebelión militar”, eu digo “Eligio Rey, canteiro, vilmente asasinado polos militares rebeldes”; onde está escrito, “condenados a prisión por auxilio á rebelión”, eu poño “perseguidos, torturados e encarcerados por defender a legalidade republicana”, onde reza “detidas por axudar aos rebeldes” eu escribo “rapadas, humilladas, aldraxadas e torturadas por seren valentes e solidarias”.

O Ditadura impuxo o terror, aniquilou os avances sociais, decretou a barbarie. A cacería humana. O silencio das cunetas e dos cemiterios, das tumbas anónimas. Despois do asasinato e o cárcere veu unha nova condena: as ameazas, as multas, os insultos, os castigos, o intento de aniquilamento público. As familias dos “rojos” foron sinaladas co dedo e sometidas durante anos a unha persecución implacacábel que deixou fondas cicatrices físicas e psicolóxicas. Mentres os prohomes do rexime amasaban fortunas e recibían honores, as familias dos vencidos rillaban a fame e convivían diariamente co medo e coa amargura. 

Despois veu o esquecemento, unha inxustiza se cadra tan grande como a propia represión. Invocando palabras tan honorábeis como concordia e reconciliación, prohibiron lembrar as vítimas, honralas, pronunciar os seus nomes. Mentres, os mortos seguían nas cunetas, os crimes sen castigo e a memoria franquista campaba nas paredes das igrexas, nos rótulos das rúas, na administración e no goberno. Nalgún casos mesmo inocularon o sentimento da culpa nas familias dos vencidos. 

Mais o pasado sempre volve. É teimoso, rebelde. Abrolla vizoso nas voces de Eugenia, de Marina, de Luísa, de Lolo, de Tucha, de Roberto... Unha corrente de memoria orgullosa que non acepta pactos de silencio, que renega do olvido e da culpa, e que nos convoca á tarefa colectiva de coñecer a historia, de pronunciar solemnemente os nomes das vítimas e de escribilos con letras de ouro no devir da nosa terra.

Inverno do 37

Xaneiro e febreiro do 37 foron meses duros na miña terra de Paredes. Os cívicos comandados polo criminal de guerra Víctor Lis repetían as incursións nocturnas, avisados polos fascistas do lugar (de cuxo nome quero acordarme). Media ducia de homes vivían agochados coma animais en covas, en palleiros, no monte. As mulleres e os fillos compoñían escenas de medo e amor sen límites. Arriscaban a vida contruíndo agochos e levando a comida ao monte da Costa, ao monte do Castro. Un día de febreiro voltaron á aldea os cívicos ao mando de Lis e o cabo Barjas. A crónica xornalística fala da detención de catro persoas como sospeitosas de colaboración cos fuxidos: “El jefe señor Lis y el cabo de la guardia civil sr Barjas con fuerzas a sus ódenes procedieron a la detención de los vecinos de Paredes José Valladares Iglesias, Aurelio Cal Bravo, Joseja Cal Conde y Afligida Acuña Mata por suponerse proporcionaban alimentos y albergue a significados elementos del Frente Popular...”. A memoria popular gardou lembranza daquel día de terror, de cabezas rapadas, de ameazas, de cheiro a casa queimada, de ostia limpa, de mulleres de ferro coma Lola do Souto e Pepa do Tombo, que algún día deixarán de ser invisibles, abandonarán o voluminoso libro do esquememento e serán nomes escritos con letras de orgullo na historia do noso pobo.