Onte pola tarde fun a Paredes (a miña terra natal, no concello de Vilaboa) falar con unha muller de 82 anos á que lle mataron o pai cando tiña 4 anos, o 2 de marzo de 1937, despois de pasar meses preso en San Simón; matáronlle o pai (a nai morrera cando tiña catro meses) por ir a Pontevedra o 20 de xullo, por ser obreiro e comunista e defender a legalidade (a iso os golpistas chamábanlle rebelión); matáronlle a esperanza, a liberdade, a infancia e condenárona nun mundo de miseria, de fame, de terror. Esta muller tamén me falou dos veciños e veciñas perseguidos, agochados no monte e nas cortes do gando; das mulleres rapadas; dos asasinos e dos seus cómplices. Faloume da represión invisíbel, da persecución e da dor interminábel. Gardaba coma un tesouro o libro Aillados, que fala do seu pai preso na illa que case se ve desde a súa casa. Quedamos para falar outro día mais vou precisar máis días para que me desvele a súa enciclopedia do esquecemento. Díxenlle que queriamos organizar no mes de marzo un acto en homenaxe do seu pai e os ollos enchéronselle de emoción e de orgullo. Despois de tantos anos, aínda se laian algúns de que queiramos saber o que pasou, de que mundo silenciado vimos, e sinto con máis forza a obriga de saber, de pronunciar os nomes das vítimas, de sacalos da escuridade dos arquivos militares e da letra fría dos rexistros civis, de poñelos en letra escrita nunha historia que aínda non está contada e que reclama xustiza. Na memoria de Eligio Rey Freijanes e de todas as persoas que foron encarceradas, perseguidas, aldraxadas, encerradas no xigantesco cárcere e enterradas no inmenso cemiterio do franquismo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario