O Souto, en Paredes, é un lugar máxico, con deslumbrantes vistas á ría de Vigo. É unha terra fértil, asollada, vizosa, poboada de laranxeiras e de paxaros. Nun recanto deste lugar vive Dorinda, unha muller de 92 anos que rememora para min os tempos da infancia e da mocidade; a escola de Don Luciano, que lles aprendía cancións republicanas que ela recita de cor; os días de terror falanxista e cívico de febreiro do 37, a Lola do Souto coa cabeza rapada, a casa queimada de Carmen de Salada, o rexistro da casa de Román e Edemira na procura dun home fuxido dun fusilamento colectivo en Cangas; a persecución diaria de Pepa do Tombo, que lle levaba a comida ás agachadas ao seu home; a traxedia da familia Cerqueiro, Juan, Venancio e Lola, de Vilaboa; os asasinados no cemiterio de Ponte Sampaio, na subida ao cuartel de Figueirido e na Regaduxa; os traballos forzados dos presos do cuartel e as familias asturianas instaladas en Figueirido e Postemirón para coidar aos seus; os veciños de Paredes e Vilaboa que fuxiron e se agocharon durante tres anos: Manuel García Amoedo, Juan Cal Conde, Antonio Vidal Vilas, José Cerqueiro Regueira, Manuel Pérez Curra, Manuel Mata Del Río...
Tamén me falou da noite en que houbo morrer Antonio Naval, detido no cuartel da garda civil de Moaña, da longa espera da familia na casa do Eirado, sen saber del, imaxinando o peor, até que Antonio chegou ás 2 da mañá, volveu andando desde Moaña no medio da noite, e do medo e da anguria con un salvocoduto que lle dera Freire, un dos xefes falanxistas da localidade, que o coñecía porque tivera unha noiva en Paredes. Esa moza chamábase Enedina Conde e era filla de Pepa e Emilio do Tombo, que sofriron o que non está escrito por non renunciaren ás ideas e á lealdade. Enedina vive hoxe en Venezuela, ten 103 anos, e talvez lembre os días de 1936 en que ía levarlle a comida e a roupa lavada ao seu pai ao Lazareto de San Simón. Alí coñeceu a Fernando Gurrea, compañeiro de prisión do pai, co que acabaría casando e vivindo en Paredes até que coma moitos membros da familia decidiron probar fortuna lonxe da terra natal.
Na arca das historias extraordinarias, custodiadas na memoria prodixiosa de siña Dorinda, aínda hai vidas que se perden na noite do esquecemento. Historias coma as de Juan Lago Collazo, natural de Paredes, detido e maltratado no cuartelillo de Vilaboa, e que máis tarde desertou do exército franquista en Zaragoza e fuxiu a Francia. Percorreu o pais pedindo esmola e chegou a París e cando xa esmorecía consumido pola fame e a desesperación e o abandono da embaixada encontrou un home de Murcia que o levou á súa casa e lle deu cama e alimento e agarimo e o internou nunha clínica de convalecencia para que se recuperase. Aquel home e a súa muller e a filla visitábano todos os sábados para levarlle comida e revistas nas que aprendeu o francés e cando saiu deulle traballo no seu taller mecánico, onde seica cobraba o equivalente a vinte pesos ao día. Juan acabaría casando coa filla, seguiron vivindo en París e moitos anos máis tarde Juan voltou a Paredes en varias ocasións e continuou a súa vida en Francia e pediulle á familia que cando morrese os seus restos voltasen á súa terra. As súas cinzas non repousan no cemiterio de Vilaboa, foron depositadas polo seu irmán Ramón no cemiterio de Cedeira, en Redondela, no panteón familiar.
Hoxe os paxaros, as laranxas e o sol voltaron a iluminar as abas do monte da Maica e as terras que caen contra a ría. Sinto orgullo do lugar e da memoria que o habita, e prometo volver, non deixar nunca de volver, para seguir descifrando o interninábel libro do esquecemento.
Paredes, 29 de marzo de 2014.
Ningún comentario:
Publicar un comentario