luns, 24 de marzo de 2014

Cartografías do terror


Os mapas non representan só realidades físicas, tamén marcan o rumbo dos sentimentos, das ideas e das emocións. En Vilaboa temos tamén mapas tinxidos de sangue, balizas dos escenarios do terror, da devastación, da brutalidade. Témolos presentes, para conducirnos na vida con decencia e dignidade.

O epicentro desa xeografía macabra está na illa de San Simón, o Lazareto, resumo preciso da beleza e o espanto, do heroísmo e a barbarie. A illa aínda está habitada pola alma de milleiros de presos, pola violencia de carcereiros e capeláns, polo terror dos traslados nocturnos, pola xenerosidade das mulleres de Vilaboa, Arcade, Cesantes e Redondela que lle levaban a comida e lle levaban a roupa aos alí recluídos. San Simón, a Illa da Memoria novamente transformada en Illa do Esquecemento.

No noso mapa de ausencias está tamén o cuartel de Figueirido, campo de concentración e de traballos forzados de miles de prisioneiros, sobre todo asturianos, moitos deles mortos polas duras condicións do presidio e enterrados nos cemiterios de Salcedo e de Vilaboa. As voces da memoria falan de mozos construindo con picachóns a estrada que sobre a Castiñeiras, de familias instaladas en Postemirón e noutras aldeas próximas para atender aos seus, de solidariedade outra vez con nome de muller.

Nos mapas da memoria de Vilaboa, abundan tamén as cunetas tinxidas de sangue. As beiras das curvas da Regaduxa, entre Acuña e Santa Cristina, escenario de crimes dos que só se garda un breve relato no arquivo municipal: “morte a causa de hemorraxia interna”.

A cacería humana tamén deixou o seu ronsel vermello no cemiterio de Ponte Sampaio, última estación dos corpos de Avelino Ares, de Cuntis, 41 anos, e Ángel Emilio Nores Rodríguez, de Cangas, 32 anos, Estanislao Mallo Martínez, de Cangas, 33 anos, e Francisco Piñeiro Barreiro, de Bueu, 34 anos, asasinados vilmente á beira do cemiterio o 26 de setembro de 1936. E do turco, José Judas Amato, “que vendía gravatas en Vigo”, e do ruso Mickael Kanarensky, tamén inmolados o 18 de agosto de 1936 e que foron soterrados no anonimato do camposanto municipal.

O noso mapa do terror tamén marca o lugar, na estrada de Paredes a Ponte Sampaio, onde o 24 de agosto de 1936 lle rebentaron a cabeza ao veciño de Salcedo José Gallego Acuña, de 49 anos, ebanista. Contan que os nenos de Paredes que foron ver o cadáver encontraron un home co sexo metido na boca.

Os mapas fálannos de vidas segadas pola barbarie, de corpos mutilados, de familias rotas, á intemperie; tamén nos contan de asasinos de boa reputación, criminais de comunión dominical, prometedora carreira, matrimonio de comenencia; emisarios do terror nocturno, habituais do casino, das procesións e das colectas. 

Os lugares dos mapas son agora espazos da lembranza, do compromiso, da liberdade. Están presentes, sinalando o ronsel da memoria, o rumbo da vida decente e a ansia de xustiza para as vítimas do terror fascista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario