martes, 25 de marzo de 2014

Homenaxe


Abro outra vez a arca da memoria (ábrena para min as mulleres octoxenarias de Paredes, que xa perderon o medo que se lles meteu no corpo cando eran unhas nenas). Levanto acta das páxinas máis escuras do libro do esquecemento: as que falan do sr Ríos, Manuel Rodríguez Ríos, alias Chico Listo, que tivo unha tenda na rúa Real e era no 36 o xefe comunista de Vilaboa; perseguido, fuxido, condenado a morte, despois a cadena perpetua, preso no Lazareto, nas minas do Fontao... a súa memoria pérdese na néboa do tempo e reaparece na famosa tenda da rúa Real, veciña do Cisne, lugares míticos. As páxinas que falan de Lola, a filla de Cerqueiro, de Vilaboa, secuestrada de noite e paseada espida, violada, rapada por ser filla dun dirixente obreiro que estaba agachado. Lola nunca superou o trauma, pechouse na casa, incomunicada, derrotada, sometida polo medo e a vergoña. As que contan a historia da nai de Manuel do Bispo, de Vilaboa, tamén violada e rapada polo fascistas, e humillada pola muller do falanxista Palmeiro: chora, chora, que aínda che queda moito que chorar. As páxinas que falan de Faustino García e Edelmiro Dios (eran ghuapísimos os dous!), militantes socialistas, fuxidos e agachados en Paredes e en San Adrián onde son detidos: despois dunha brutal malleira, a Edelmiro Dios, da familia do Ferreiro do Pino, lévano a Bora, obrígano a cavar a propia tumba, asasínano e mutílano salvaxemente.

Pouco a pouco vou descubrindo (elas vanme descubrindo) un territorio para min descoñecido. Un pequeno lugar no que en pouco tempo abrollou a dignidade, o compromiso, a solidariedade, a coraxe dun grupo de obreiros que soñaban con cambiar o mundo. Un fato de homes atrevidos que pensaron que podían defender a súa clase e salvar o goberno lexítimo con unha camioneta e con 12 escopetas requisadas. Despois veu a noite, a cacería humana, a ignominia, o terror, o lume; todo o peor da especie humana caeu sobre aqueles homes e mulleres para os que hoxe só podemos pedir xustiza e recoñecemento. Que mellor homenaxe que saber das súas vidas, compartilas con aquelas que gardan a súa memoria indelébel?

PD O domingo 16 de marzo o colectivo A Regaduxa organizou na canteira de Paredes unha homenaxe aos homes e mulleres de Vilaboa represaliados polo fascismo

PD A imaxe corresponde a Juana Otero, tía de Mariví Villaverde, rapada por non delatar á súa familia. Colección de Mariví Villaverde

Ningún comentario:

Publicar un comentario