martes, 25 de marzo de 2014

O pasado sempre volve


Miro debaixo da pel da aldea e atopo ducias de persoas invisíbeis, que enchen o grande libro do esquecemento: Eligio Rey Freijanes, Agustín da Carballeira, Antonio Vidal, Antonio Naval, Manuel García Amoedo, Juan Cal Conde, Emilio do Tombo, Pepa do Tombo, José Valladares, Lola do Souto, Leandro Acuña Seoane, Juventino Puentes, Afligida Acuña , Román, Edelmira...

Procúroos na memoria fría dos rexistros civís e dos arquivos militares. Onde pon “condenado a morte por rebelión militar”, eu digo “Eligio Rey, canteiro, vilmente asasinado polos militares rebeldes”; onde está escrito, “condenados a prisión por auxilio á rebelión”, eu poño “perseguidos, torturados e encarcerados por defender a legalidade republicana”, onde reza “detidas por axudar aos rebeldes” eu escribo “rapadas, humilladas, aldraxadas e torturadas por seren valentes e solidarias”.

O Ditadura impuxo o terror, aniquilou os avances sociais, decretou a barbarie. A cacería humana. O silencio das cunetas e dos cemiterios, das tumbas anónimas. Despois do asasinato e o cárcere veu unha nova condena: as ameazas, as multas, os insultos, os castigos, o intento de aniquilamento público. As familias dos “rojos” foron sinaladas co dedo e sometidas durante anos a unha persecución implacacábel que deixou fondas cicatrices físicas e psicolóxicas. Mentres os prohomes do rexime amasaban fortunas e recibían honores, as familias dos vencidos rillaban a fame e convivían diariamente co medo e coa amargura. 

Despois veu o esquecemento, unha inxustiza se cadra tan grande como a propia represión. Invocando palabras tan honorábeis como concordia e reconciliación, prohibiron lembrar as vítimas, honralas, pronunciar os seus nomes. Mentres, os mortos seguían nas cunetas, os crimes sen castigo e a memoria franquista campaba nas paredes das igrexas, nos rótulos das rúas, na administración e no goberno. Nalgún casos mesmo inocularon o sentimento da culpa nas familias dos vencidos. 

Mais o pasado sempre volve. É teimoso, rebelde. Abrolla vizoso nas voces de Eugenia, de Marina, de Luísa, de Lolo, de Tucha, de Roberto... Unha corrente de memoria orgullosa que non acepta pactos de silencio, que renega do olvido e da culpa, e que nos convoca á tarefa colectiva de coñecer a historia, de pronunciar solemnemente os nomes das vítimas e de escribilos con letras de ouro no devir da nosa terra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario