martes, 23 de xuño de 2015

BUEU 1936 (I)


RICARDO GÓMEZ BUCETA NO TEMPO DA INFAMIA


A Ricardo fórono buscar os falanxistas de Bueu ás 7 da tarde do 21 de decembro de 1936. Dixéronlle que tiña que facer unha declaración. A súa muller, Josefa Lobeira, preñada do oitavo fillo, foille levar a cea ao cárcere do concello. Ao día seguinte foille levar o almorzo e xa non estaba. Ela e mais Rosalía, a irmá de Ricardo, fórono buscar a Castiñeiras e a Marín. Mais o seu corpo acribillado nunca apareceu.

Ricardo traballaba como depositario e administrador do concello de Bueu. Militaba no Partido Galeguista, e era compañeiro e colaborador do alcalde, Pepe Cueva (Johan Carballeira). Antes de matalo perseguírono con saña. Cóntao a súa muller nun estremecedor escrito, no que deixou testemuño da crueldade con que foi acosada a familia. Unha nota manuscrita que sinala tamén ao principal responsábel da morte de Ricardo: José María Massó.
Antes de matalo, sometérono ao descrédito e á vergoña. Á humillación denigrante. Acusárono dun desfalco de 3.170 pptas nas arcas do concello. Suspénderono de emprego e soldo e a familia tivo que vender dúas propiedades para pagar a cantidade reclamada. O 31 de decembro de 1936, días despois do asesinato, un informe externo propón a anulación da suspensión de emprego e soldo e da destitución. En xaneiro de 1937 o concello fai público un anuncio solicitando a súa reincorporación ao posto, e en febreiro acorda destituilo por non presentarse.

Ricardo Gómez Buceta
Era o tempo da infamia. Das águias e das pistolas nocturnas. De asasinos vestidos de azul e de sangue. Os que levaron aquela noite de decembro a Ricardo Gómez Buceta e deixaron na miseria, na dor e nunha ausencia interminábel a Josefa Lobeira, preñada do oitavo fillo. Para ela e para a súa cuñada Rosalía instaurouse o silencio, o medo, o sabor agre da derrota. E tamén a carraxe, a ira.
Rosalía Gómez Buceta percorreu todas as estacións da aldraxe e da mágoa. Despois da desesperación de buscar e non atopar ao seu irmán, volveuse tola. Estivo presa 18 días no cárcere do concello, rapárona, paseárona polas rúas da vila, sometérona ao escarnio público. Mais ela, presa tamén do desvarío, falaba sen medo, contra os falanxistas que mataran a Ricardo. E cando pasaba diante deles sacaba desafiante o pano que cubría a súa cabeza pelada.

Para Josefa Lobeira e os seus oito fillos sen pai tamén comezou daquela unha morte lenta, abafante, que se reproducía cada mañá, cada hora, cada noite de insomnio e de loito. Cada vez que se cruzaba na rúa cos asasinos, cos cómplices, cos emisarios daquel tempo de terror e de infamia que lles tronzou a vida. Nos dejaron en la miseria. Fuimos perseguidos como perros y mi hijo Ricardo de 11 años estuvo preso... Y además nos venían a golpear en la puerta todas las noches.
Josefa escribiu aquelas 18 liñas (“La triste historia de Ricardo Gómez Buceta”), que no seu trazo irregular e firme son un documento excepcional: crónica do espanto e do agravio, acta de acusación e reclamo de xustiza, relato da amargura e do rancor.

Anos despois Josefa Lobeira e os seus fillos embarcaron en Vigo, no Monte Udala, rumbo a Montevideo. Era imposíbel sobrevivir naquel Bueu escuro, afogados pola ausencia, sinalados, excluídos, confinados no silencio e na miseria. Marcharon mais levaron con eles a memoria, o orgullo, o retrato fiel do compromiso e da loita. A estampa de Ricardo e de Rosalía agardando xustiza, retornando daquel tempo de infamia e camiñando de novo polas rúas do Bueu do mar e da luz.


Agradecementos

A Pepe Novas e á asociación Johan Carballeira, por devolvernos a memoria daquel Bueu de homes e mulleres que miraron lonxe e que perderon tanto...

Fontes:
- II crónica da represión en Bueu: os homes e as mulleres 75 anos despois (Asociación Amigos de Johan Carballeira)
- Entrevista colectiva Bueu (Proxecto Nomes e voces)

 



sábado, 25 de abril de 2015

JOSEFA BARREIRO E O PAN DA XUSTIZA


Para Dionisio Pereira, construtor da memoria luminosa, resistente

Mataron a Josefa!!! Mataron a Josefa!!!
A  nova percorreu toda Vilagarcía, chegou a Trabanca, á Torre, ao Ramal, a Carril nas primeiras horas da mañá do 19 de marzo de 1937. Era o día da súa onomástica e a súa irmá Amelia preparara un almorzo especial para levarllo ao cárcere habilitado no Ramal. Mais ese día, ás 7 da mañá un pelotón de fusilamento arrebatoulle a vida a Josefa Barreiro. Contan que  a tiveron que sentar nunha cadeira para fusilala, porque non se tiña en pé das malleiras e das aldraxes que sufrira desde que a detiveron tres días antes, o 16 de marzo.

Josefa Barreiro cos seus fillos Julio, no colo,
e Valentín (Arquivo de Margarita Teijeiro)
Ese día a garda civil e os falanxistas foron á casa de Josefa, na Torre, porque recibiran por unha confidencia a información de que se agochaba alí Urbano Tarrío, veciño de Rubiáns, de 26 anos, xornaleiro e militante da CNT. As tropas rodearon a casa e tras un tiroteo sacaron o corpo sen vida do home, acribillado a balazos. E pouco despois saíu ela, desafiante na súa beleza, elegante e fermosa, vestindo un abrigo cor tella e con unha gardenia na lapela. Era no tempo do millo...

Josefa Barreiro traballaba de xornaleira e servindo nunha casa do Ramal. Militaba na CNT coma a tía do seu home, Otilia Tobío, que fora quen lle pedira que agochara a Urbano. Tiña 26 anos e dous fillos, Valentín de 6 anos e Julio, de 4. Dous nenos fermosos e felices que medraban naquela Vilagarcia chea de luz e de horizontes abertos até que a noite o ocupou todo no verán de 1936.
Josefa Barreiro non tivo dereito a un proceso, a un xuízo, a unha defensa ainda que fora en simulacro macabro e fraudulento. Os funcionarios do fascismo escribiron en prosa fría que fora “executada por orde da autoridade militar por estar incursa nos bandos de guerra”. Hoxe sabemos que foi torturada e aldraxada no cuartel do Ramal, e que foi executada por un pelotón militar nas Carolinas ás 7 da mañá do 19 de marzo de 1937. E sabemos tamén quen deu a orde daquel crime infame: o comandante militar de Pontevedra Joaquín Velarde Velarde, responsábel máximo do xenocidio na provincia.
Josefa Barreiro non tivo dereito a unha tumba, a unha lápida, a unha despedida. Foi enterrada nunha foxa anónima no cemiterio municipal de Vilagarcía. Os seus fillos non tiveron dereito a chorar, non tiveron dereito a saber da nai, de todo o que pensou e sufriu por eles nas últimas horas de insomnio e amargura. Só tiveron apenas dereito a vivir aquela vida escura, aquela infancia de xoguetes rotos, na cidade en penumbra, rodeados de mágoa e de compaixón, na dor interminábel por unha nai ausente e por un pai encarcerado. Mais estaba alí Otilia, muller valente, combatente e coraxosa, que os levou a Bilbo nos anos 40, nunha estadía previa ao exilio definitivo co pai en Francia.

Josefa Barreiro ficou aquí, recluída no esquecemento dunha tumba anónima. Ficou aquí, no buraco negro da historia, no silencio abafante dos anos e os días. Asasinárona por ser muller e colaborar cos fuxidos. Por facer do seu fogar a casa refuxio dos perseguidos. Polo seu compromiso republicano e anarquista. Os axentes do terror falanxista non podían consentir tal cousa. Por iso hoxe reivindicamos a memoria de Josefa Barreiro, a memoria de Otilia Tobío e de todas as mulleres que foron coma elas, insubmisas e rebeldes; e que por iso foron perseguidas, encarceradas, aldraxadas e asasinadas. Para que a súa lembranza permaneza viva para sempre e nos alimente co seu pan da xustiza, coa luz da vida solidaria.

Agradecementos:
A Margarita Teijeiro, polo compromiso incesante coa memoria das vítimas do terror franquista en Vilagarcía. Grazas á súa xenerosa axuda foi posíbel escribir este artigo.

A Montse Fajardo, por sacar á luz a historia da cidade resistente, da cidade combatente, en páxinas cheas de sensibilidade e amor pola xustiza.

mércores, 8 de abril de 2015

PARA UN MAPA DE AUSENCIAS


Chora, chora, que aínda che queda moito que chorar

(Palabras da muller do falanxista Manuel Palmeiro a Carmen, a muller de Manuel Pérez Curra, cando foi rapada por non desvelar o agocho do seu home)

 
Non sei como puiden vivir sen saber nada do que pasou aquí, nun lugar tan pequeno. Na parroquia de Vilaboa. No territorio que vai desde o alto do Souto, en Paredes, até Cavadachán e Postemirón. E despois polas Bancas de Casó, a Regaduxa e a Punta do Cabalo até o Lazareto, no medio da ría.

Son as marcas dun mapa de ausencias. Nomes que retornan, despois dun silencio de décadas. Sinto a necesidade de pronuncialos, para que volvan da súa derrota, da súa morte, da súa dor, de todas as inxustizas que viviron. É tarde quizais para eles, mais é urxente para nós, para o noso orgullo e para a nosa dignidade. É urxente abrir a fenda, cavar na memoria proscrita, impugnar as mentiras gardadas nos arquivos, escoitar as voces que levan tanto tempo agardando para encher de nomes o mapa baleiro. O cartafol dos ausentes.
De don Luciano del Río, o mestre de Paredes nos tempos da República, perseguido no verán do 36, depurado e sancionado, e que se negou a aceptar o desterro e a miseria da escola franquista e acabou poñendo aulas nunha academia na praza da Ferraría.

De dona Victoria Martínez, a mestra castellana da escola do Toural, que seica sabía escribir a máquina e participaba en actividades políticas con don Ramón Arines, o xefe da estación de Figueirido, e por iso foi tamén expulsada temporalmente do seu traballo.

E Faustino García Puga, que se escondeu en Paredes con Edelmiro Dios, o do ferreiro do Pino. Foron buscalos os cívicos –os matarifes do criminal de guerra Victor Lis- e deron con eles en San Adrián. Torturáronos salvaxemente na cuartel do Campo da Feira, en Pontevedra. Faustino conseguiu salvarse, pola mediación dun familiar. A Edelmiro Dios seica o obrigaron a cavar a propia tumba, asasinárono e mutilárono salvaxemente. http://anosdomedo.blogspot.com.es/2008/09/edelmiro-dios-vzquez.html

Para salvarlle a vida, a Faustino alistárono no exército franquista. Mais non puido soportar moito tempo aquela ignominia e pasou para as fileiras da República. No ano 39 fuxiu a Francia e desde alí no Winnipeg a Chile, e foi así como se foi agrandando o mapa dos ausentes.
No ano 48 tamén chegou a Chile Antonio Vidal Vilas, veciño de Paredes. Daquela xa era sogro de Faustino García, que casara coa súa filla Maruja Vidal Araújo. Foi despois de quedar viúvo da irmá de Antonio, Alba Vidal Vilas, con quen tivera un fillo que se chamou coma el, Tinucho.

A historia de Antonio Vidal Vilas, Antonio de Rogelio, resume a coraxe a a traxedia que se viviu en Paredes. É a crónica da loita, do compromiso, da supervivencia. E tamén da sorte e das casas refuxio, das mans protectoras. Antonio era segundo tenente de alcalde do Concello de Vigo en xullo do 36. Din que se salvou do paredón de fusilamento porque o levaron até Paredes nun bocoi. Estivo agochado case tres anos nun recanto escuro e humido, debaixo da cociña, separado por un muro da taberna familiar. Separado por un muro da luz do mundo, se se pode chamar a aquilo luz.
Na primavera do 39 Antonio Vidal entregouse ao gobernador Gómez Cantos. Foi todo unha trampa, díxome T., coa lucidez e a teimosía dos seus 90 anos. Mais Antonio tiña amizades –mans protectoras- e librouse do cárcere a cambio dun expediente de responsabilidades políticas que non se chegou a resolver e un desterro a Coruña. En 1940 reside na cidade herculina, onde traballa como xerente da fábrica de dominós e dados ALGALIT, situada na Avda de Viscaia, 2 e 4.

Mais Antonio Vidal non esqueceu os seus ideais socialistas e participou na reorganización do partido, aproveitando as redes comerciais da fábrica como tapadeira. En agosto de 1945 foi detido por policías da Brigada Político Social de Madrid, acusado de “actividades clandestinas de tipo socialista”. Foi condenado a seis meses de cárcere.
Unha vez que saiu da prisión, seguiu participando en actividades de loita clandestina contra o franquismo. En 1946 entra en contacto con Alejandro Gama, e colabora na reorganización do PCE. A comezos de 1947 foi detido de novo, xunto con Alejandro Gama e outros 13 compañeiros. Estivo preso do cárcere da coruña entre febreiro e agosto de 1947.

Despois de unha década de persecución, de loita e de cárcere, despois de sucesivas derrotas, Antonio escolle o camiño do exilio. No ano 1948 parte desde Lisboa rumbo a Chile, onde xa vivían Faustino García Puga, a súa filla Maruja e outros membros da familia. Morreu no ano 1952, con 56 anos de idade.
Na cartografía de ausencias figuran tamén os homes que requisaron as escopetas en Paredes e que foron a Pontevedra nunha camioneta o 20 de xullo. E as mulleres que sufriron o que non está escrito naquel tempo de infamia.

Deles sabemos que nos primeiros meses estiveron agochados nos campos de millo, nos montes da contorna, en palleiros, en alboios, en canastros... Pensaban inxenuamente, coa mesma inxenuidade coa que foron a Pontevedra o 20 de xullo, que nuns días o goberno controlaría a situación e as augas voltarían ao rego. Mais viron encherse de sangue as cunetas e entón construiron agochos que duraron meses, anos.
Eligio Rey Freijanes, canteiro de Ponte Sampaio casado en Paredes, que tocaba o bombardino e bailaba que daba gusto velo, foi o único que non se escondeu. Seguiu traballando na canteira para levar o pan á casa. Estaba viúvo e tiña unha filla de catro anos, Eugenia, que aínda lembra o día que o viñeron buscar os cívicos. Estivo preso no Lazareto, foi sometido a un consello de guerra sumarísimo, condenado a pena de morte e fusilado na Avda de Buenos Aires o 3 de marzo de 1937. Non voltou nunca dunha tumba anónima no cemiterio de San Amaro.

Os demais estiveron agochados meses, anos. Manuel Rodriguez Ríos (a) Chico Listo e Emilio Conde Conde foron detidos en 1937. Os últimos sairon á luz, se se pode chamar a aquilo luz, na primavera de 1939. Canda Antonio Vidal Vilas. José Cerqueiro Regueira, carpinteiro, veciño de Cavadachán;  Manuel Pérez Curra, labrego, veciño de Cavadachán; Manuel Mata del Río, labrego, veciño de Cavadachán; Manuel García Amoedo, canteiro, veciño de Paredes; Juan Cal Conde, canteiro, veciño de Paredes estiveron agochados desde xullo do 36 até maio do 39.
Nas actas do terror están escritos os seus nomes, os seus procesos, as súas condenas. Os anos de cárcere, de silencio e de medo. O sabor agre da derrota. Nada se di das súas mulleres, das que arriscaron a vida para salvalos. Das que sufriron o que non está escrito en ningún documento oficial.

Mais elas están no cartafol das ausencias. E volven agora da profundidade do tempo para encher de dignidade o mapa baleiro. Aí están os berros adoecidos de Lola Cerqueiro, que facían abalar as casas do Toural a Cavadachán 60 anos despois de ser rapada e aldraxada por non dicir onde estaba agochado o seu pai. E as bágoas e a dor interminábel de Carmen Martínez, a muller de Manuel Pérez Curra, rapada polos falanxistas por non denunciar ao seu marido. Chora, chora, que aínda che queda moito que chorar, díxolle a muller do falanxista Palmeiro. Carmen levaba a cabeza descuberta, non lle deixaron poñer o pano, querían que todo o mundo vise a cruz de pelo que lle deixaran gravada na caluga. E a emoción de Eugenia, aquela nena de 4 anos que aínda procura hoxe o seu pai no mapa de ausencias, aquel pai que lle colleu por última vez as mans no Lazareto. E outras moitas memorias silentes, que están agardando...
Iremos enchendo cos seus nomes o mapa baleiro. Precisámolos neste tempo de sombra, de desmemoria. Para alimentarnos coa luz do seu exemplo, para que saian do tobo da historia e nos arrolen coas súas cancións e coas súas bágoas de felicidade.


sábado, 21 de marzo de 2015

EU SON LAMOSO DE POSTEMIRÓN

Para Teri Carro, bisneta de Abelardo Sobral. Compañeira do colectivo A Regaduxa, na loita permanente pola xustiza e contra o esquecemento

Abelardo Sobral, se dice que lo mataron...”.
Informe do alcalde de Vilaboa, 19 de decembro de 1936.

Volvo abrir o libro do esquecemento da Vilaboa Mártir. Ten páxinas escurecidas,  tinxidas de sangue, de silencio e de medo. Páxinas amargas, atravesadas de crimes e de infamia. Mais tamén ten capítulos luminosos, que falan de heroes anónimos, de labregos e obreiros organizados en sociedades, de mulleres solidarias cos fuxidos e cos agochados, cos presos do Lazareto e de Figueirido. É unha historia esvaecida, diluida nas tebras do tempo, mais prometín un día falar dela, procurala nos rexistros oficiais e na memoria do pobo. Teño a necesidade de saber e de contar, porque quero que as vítimas teñan nome, que fiquen para sempre entre nós, co orgullo que merecen e coa dignidade que nunca perderon. E tamén quero que os asasinos e os cómplices figuren na historia co seu verdadeiro rostro, desprovistos da máscara, do retrato falso, da impostura. Recoñecíbeis na fasquía vil e covarde dos seus crimes.

Na Sociedade de Agricultores e Obreiros de Vilaboa organizáronse os canteiros e os labregos que soñaban con un mundo máis xusto. Construiron un modesto local para acoller xuntanzas e actividades, dotárono con mobiliario e libros, con arelas de xustiza, con anceios de progreso social, de novos dereitos, de liberdade. Nos días que seguiron ao 20 de xullo, moitos daqueles labregos e canteiros fuxiron ao monte. Algúns permaneceron case tres anos agochados en tobos excavados nas cortes do gando ou baixo as cociñas. Os líderes máis significados foron perseguidos con saña, encarcerados, asasinados...

Antigo local da Sociedade de Agricultores e Obreiros de
Vilaboa, expoliado polos fascistas e convertido
en centro de detención e de tortura

Os falanxistas de Vilaboa e de Moaña clausuraron aquel tempo de esperanza, impuxeron o terror, aldraxaron as mulleres, arrasaron as casas. Decretaron o silencio das cunetas e dos cemiterios. A casa humilde que construíron os obreiros como sede social foi asaltada, arrasada, roubada. Aquel espazo de loita pola liberdade convertiuse en cárcere, en lugar de tortura, de aldraxe, de morte. Conta a memoria do pobo que nesa casa comunal que axudou a construír foi detido, torturado e asasinado no verán de 1936 Abelardo Sobral, canteiro de Postemirón. Contárono os veciños de Vilaboa que estiveron alí presos, que o viron cando o levaron co corpo tan desfigurado que ninguén puido recoñecelo. E que cando lle preguntaron quen era escoitaron unha voz apagada que só puido dicir : -Eu son Lamoso de Postemirón.

A Abelardo Sobral, Lamoso de Postemirón, matárono os falanxistas de Vilaboa e de Moaña. O seu corpo non apareceu nunca. Segundo a memoria oral, foi fondeado na ría de Vigo. A súa familia ficou aquí, coa dor permanente, coa interminábel presenza da morte, do asasinato, da desaparición, da impunidade. Non tivo sequera o consolo dunha tumba, dunha lápida á que levarlle flores. É dificil imaxinar unha mágoa tan intensa, unha crueldade tan grande.

Homenaxe ás vitimas da represión no mar, a bordo do vapor Hidria
Ría de Vigo, agosto de 2006 (Ano da Memoria)
Mais estamos na hora da volta, no tempo do retorno. Dos nomes que renacen, das voces que agroman despois dun silencio de décadas. E florecen as tumbas e as augas do mar. Os campos cheos de cinza, as cunetas. Brilla estremecida San Simón, a illa do amor e da morte. Somos nós, os da Regaduxa, os netos de Eligio Rey, de Emilio e de Pepa do Tombo, de Pepe e Belarmino Casal, de Casilda Rosendo, de Avelino Carracelas... A estirpe de Pepe e Lola Cerqueiro, de Manuel Couto, de Manuel Farto, de Manuel García Amoedo...
Somos os netos de Abelardo Sobral, Lamoso de Postemirón. Levamos gravadas as cicatrices e non temos medo. Temos fame de xustiza, de verdade, de memoria...


domingo, 8 de marzo de 2015

CICATRICES

Para Pepe Álvarez Cáccamo, presidente da Asociación A Regaduxa. Memoria Histórica de Vilaboa. Por trazar o rumbo da memoria desde a ética e desde a ira


Na miña terra de Vilaboa, o territorio é tamén un mapa de cicatrices. Son marcas invisíbeis na pel da paisaxe, no pano da historia. Como as curvas da Regaduxa, entre Acuña e Santa Cristina de Cobres, co seu ronsel de sangue e de infamia. Un territorio escuro, deshabitado, rodeado de sombras, que as partidas falanxistas sementaron de cadáveres. Daqueles crimes hoxe apenas permanece o silencio e a rabia, por tanta inxustiza, por tanta impunidade.

Tamén a memoria do pobo está chea de silencios e de cicatrices. E do sal das bágoas. Como na casa dos Cerqueiro, no lugar de Cavadachán, parroquia de Vilaboa. Alí estivo agochado case 3 anos, até maio de 1939, José Cerqueiro Regueira, carpinteiro de 44 anos. Os documentos oficiais din que se entregou ao gobernador Gómez Cantos, que estivo preso no cárcere de Pontevedra. Que foi xulgado en consello de guerra en Pontevedra o 26 de setembro de 1940 e condenado a 6 anos de cárcere por “indución á rebelión”. Que sufriu prisión na “Colonia de Redención” de San Leonardo de Yagüe, onde traballou na construción de vivendas. E no cárcere de Burgo de Osma (Soria), lonxe da casa, isolado, afogado na distancia e no desamparo daquel tempo de terror.

Castelao, do Álbum Galicia Mártir
Os documentos non din nada da súa filla Lola. Mais si a memoria do pobo, as mulleres que gardan o mapa das cicatrices. O ronsel das feridas abafadas baixo o sal das bágoas. Elas fálanme de Lola Cerqueiro, das visitas dos falanxistas de Vilaboa e de Moaña: “Levárona moitas veces de noite, espida, a pasalo ben con ela...”.
Mentres o pai permaneceu agochado -tres anos encerrado nun tobo na propia casa- Lola Cerqueiro foi rapada, secuestrada, aldraxada, violada. E cando o pai foi condenado a 6 anos de prisión, Lola pechouse no seu propio cárcere de silencio, de vergoña e de rabia. Estivo moito tempo encerrada na casa, marcada, sinalada, atravesada de feridas que non desapareceron nunca.

Lola Cerqueiro non figura nas actas do terror, nas listaxes das vítimas. Mais si permanece na memoria do pobo, nas voces que voltan coma unha promesa de xustiza adiada durante décadas. Nas voces que retornan para acabar co silencio e coa impunidade, para rematar co sal das bágoas, coas cicatrices.

domingo, 22 de febreiro de 2015

TODAS AS MORTES DE MANUELA ABUÍN


As que pasaron os que quedaron, aínda nadie o sabe
Carmen Meaños Abuín


Manuela Abuín Pardo morreu o 19 de xuño de 1950 no manicomio de Conxo. Tres anos antes a súa filla Carmen foi visitala para dicirlle que casara, ela e mais Emilio foron de lúa de mel a Conxo para visitar a nai. Carmen aínda non tiña 19 anos e estaba chea de sufrir, chea de sufrir...

E a súa nai sufrira moito máis. Porque a súa nai, Manuela Abuín Pardo, xa morrera moito antes, o 15 de agosto de 1936, cando os falanxistas de Vilagarcía foron buscar ao seu home, Antonio Meaños, á casa de Carril na que vivían cos dous fillos, Carmen, que tiña oito anos, e Antonio, de seis.
Manuela Abuín Pardo
(Fondo Meaños Abuín, Proxecto Nomes e Voces)

Aquela noite de agosto levaron a Tucho cara ao escuro. Levaron a Tucho e a Luís Singul cara a aquela escuridade mesta e homicida dos camiños sen luz. E levaron tamén o pouco que había naquela casa humilde de mariñeiros, as novelas, a lámpada, o reloxo, uns patacóns... toda a pobreza e o orgullo daquela casa de xente honrada que arelaba unha vida mellor. Aquela noite de agosto, aqueles criminais levaron a paz e o sosego dunha muller coa vida arrebatada.

Manuela foi detrás deles, non paraba de berrar: -Leváronme a Tucho, leváronme a Tucho. Levou os nenos á casa da nai e pediulle á súa irmá Montserrat que fora con ela, que lle axudara a salvar ao home. Cando ían pola rúa da Roda sentiron os tiros e pouco despois atoparon os corpos de Antonio e de Luís. E Manuela sentiu que lle quitaban a vida tamén a ela, e ficou alí paralizada polo horror, afogada nunha mágoa infinita.

O medo era moi grande, tan grande como a dor, tan forte como a raiba. E os corpos ficaron tirados na escuridade até que ao día seguinte o pai de Manuela foi alí e recolleu con unha tristeza inmensa os miolos esparexidos e meteunos dentro da gorra. E cando chegou a camioneta e lle pediu aos gardas se podía taparlle a cara a Antonio con un pano branco, dixéronlle que non, que para onde o levaban ía ben así.
Despois daquel día Manuela Abuín comezou a travesía da dor, da coraxe e da loucura. A viaxe amarga da persecución, das irmáns rapadas, dos irmáns presos no Lazareto. E a decisión de nunca claudicar, de mirar cara a cara aos asasinos e chamarlles polo seu nome. E cada vez que vía aquel home, o veciño que foi á súa casa o 15 de agosto, cantáballe asasino, asasino, asasino...
Mais Manuela xa non seguiu vivindo, xa non foi a mesma. Ela que era unha nai agarimosa, namorada dos nenos, comezou a baterlles. E a tirar as cousas que había na casa; levaba a roupa ou os mobles e deixábaos abandonados nos camiños. Até que un día foi ao antigo Obelisco, que había alí un monumento a Calvo Sotelo, e esnaquizou as bombillas que o alumeaban. E entón metérona no cárcere e pouco despois levárona para Conxo.
Carmen Meaños
A Carrilla
(Fotografia de José Luiz Oubiña
do libro Matriarcas)
A súa filla Carmen traballou duro desde nena para gañar o necesario para ir visitar a nai. E cando casou foi con Emilio de lúa de mel a Conxo, foron os dous a estar con ela e a dicirlle que casaran. E alí estaba a súa nai, Manuela Abuín Pardo, tan fermosa e triste, cos anacos de xornal que recortaba porque dicía que os homes das fotografías eran o seu Antonio.
Manuela morreu por última vez o 19 de xuño de 1950, no manicomio de Conxo. Mais ficou aquí a súa filla Carmen Meaños Abuín, A Carrilla, para salvala da morte última, do esquecemento. Ficou Ela, con toda a coraxe e a lucidez, para contar o que pasara.
Carmen Meaños cos seus pais,
Antonio Meaños e Manuela Abuín
Carmen Meaños Abuín viviu todos os días da súa vida para honrar a memoria dos seus pais. Para que seguiran vivindo nela. Faloulles de Antonio e de Manuela aos fillos con enorme estima e dignidade. Estivo en todas as homenaxes ás vítimas da represión fascista, concedeu numerosas entrevistas, protagonizou reportaxes nos medios de comunicación, foi partícipe do Barco da memoria, reviviu unha e outra vez o sufrimento até esgotar as bágoas, e contou a historia dramática e heroica do seus pais e a súa propia no libro “Matriarcas”, de Montse Fajardo.

E entón dixo que xa podía morrer tranquila, como se cumprira unha promesa, unha arela gardada moi adentro, un soño sulagado no tempo interminábel de carraxe e de dor. Que os nomes do seu pai e de súa nai, que os nomes de Antonio Meaños Abelenda e Manuela Abuín Pardo, brillasen con luz propia na historia de Galiza, na historia do pobo traballador e valente. Como resplandecían nos seus ollos brillantes de bágoas e de orgullo.
Fontes:
Montse Fajardo: Matriarcas (capítulo dedicado a Carmen Meaños Abuín, A Carrilla), 2012.
Entrevista a Carmen Meaños Abuín (Arquivo de Margarita Teijeiro)
Entrevista a Dolores Abuín (Arquivo de Margarita Teijeiro).

 

domingo, 15 de febreiro de 2015

EMILIA CABALEIRO AMOEDO


Emilia vivía en Cabeiro-Redondela, tiña 54 anos, era nai solteira e traballaba no campo co seu fillo, Antonio Cabaleiro Amoedo. Traballaban as terras e ían vender os froitos a Vigo e Redondela. Emilia e Antonio tiñan unha casa humilde no lugar da Igrexa, mais a súa era unha casa xenerosa, das que compartían a escaseza e a bondade.
Por iso Emilia Cabaleiro Amoedo procurou agocho nunha cova de Porto Cabeiro para catro homes de Vigo e Lavadores.  Eran os últimos meses de 1936, días de frío, de humidade, de voces baixas, de espreita e escuridade. Días de medo e de coraxe... Onde hai xentes solidarias hainas tamén delatoras. En Porto Cabeiro habíaas tamén. Coma aquel veciño ao axexo, enriba da cerdeira, seguindo os pasos de nai e fillo polo Camiño do Costal cara á casoupa onde estaba a cova.

O 13 de febreiro de 1937 decretouse a cacería humana. Unha numerosa comitiva terrorista –gardas civís, gardas cívicos, falanxistas- cercou o lugar. Chegaron de Vigo, de Lavadores, de Redondela... ao mando do sarxento da garda civil Miguel Marcos. Foron á casa de Emilia e Antonio, preguntáronlles quen estaba na cova, a quen lle levaban a comida, o tabaco e os xornais. Comezaron tres días de martirio.
Fernando Castro, de 25 anos, barbeiro, natural de Cangas e veciño de Casablanca (Vigo) conseguiu fuxir, gravemente ferido; o seu corpo apareceu nese mesmo día no monte de Negros. Os outros tres habitantes do refuxio foron detidos: Manuel Vázquez Lamas, de 30 anos, empregado de arbitrios, casado con Estrella Diez Piñeiro; Higinio Fernández, de 20 anos, zapateiro, de San Paio de Lavadores; e Antonio Alonso Comesaña, 29 anos, de Matamá, ebanista, casado con Irene Fernández.

Aqueles criminais –axentes da nova orde, do exército, da relixión e da familia- asañáronse con Antonia e co fillo. Non había límites para a aldraxe, para a humillación. Mais sobre todo non había límites para o terror, para os signos do medo. A mensaxe do horror, o aviso para quen protexía os perseguidos, ou pensaba facelo.

Os corpos de Manuel Vázquez Lamas, Higinio Fernández e Antonio Alonso Comesaña apareceron asasinados o día 16 de febreiro no Alto da Concheira, na parroquia de Chapela. Alí estaban tamén os corpos torturados, mutilados e acribillados de Emilia e Antonio. Conta a memoria do pobo que Emilia Cabaleiro Amoedo tiña os peitos seccionados, e que lle meteran na boca o pene e os testículos do seu fillo.


Fontes:

- Gonzalo Amoedo e Roberto Gil: Redondela, crónica dun tempo pasado, Ediciós do Castro, 2002.
- Juan Carlos Abad Gallego: Héroes o forajidos: fuxidos y guerrilleros antifranquistas en la comarca de Vigo, Instituto de Estudios Vigueses, 2005

- Entrevista a Clementina Villar Martínez (Proxecto Nomes e Voces)