luns, 8 de decembro de 2014

HEMORRAXIA INTERNA

"Descansaré cuando en la partida de defunción de mi padre ponga fusilado"

Os asasinos e os seus amanuenses construiron unha sinistra retórica do terror. As partidas de defunción depositadas nos rexistros civis enumeran o código macabro das causas da morte: hemorraxia interna, hemorraxia cerebral, colapso interno, hemorraxia intratorácica, parálise dos centros cardíaco e respiratorio...
Manuel Aballe era mariñeiro, tiña 41 anos e vivía en Nigrán. Segundo os documentos oficiais morreu en Baiona, na estrada Pontevedra-Camposancos, a causa de “hemorraxia cerebral”. Nós sabemos a verdade: Aballe, con outros oito mariñeiros do Val Miñor, foi sacado do cárcere de Vigo e asasinado por unha partida falanxista que deixou o seu corpo á intemperie dunha noite de outubro de 1936, no lugar que hoxe coñecemos como “A Volta dos Nove”.
Feliciano Abella era empregado, tiña 24 anos e era veciño do Areal, en Vigo. Nas actas do terror consta a súa morte nun lugar descoñecido, a causa de “hemorraxia e destrución cefálica intracraneal”. Nós sabemos que foi vilmente asasinado nunha noite de agosto de 1936 e o seu corpo ficou tirado nunha gavia, coma se fose un animal.
Albino Agraso, zapateiro, de 27 anos e veciño de Seixo-Marín, faleceu segundo os documentos oficiais a causa de “colapso cardíaco” o 31 de decembro de 1936. Foi asasinado por un peloton de fusilamento en Pontevedra, canda outros dirixentes republicanos de Marín.
O 21 de agosto de 1936 un comando falanxista de Verín secuestrou, torturou e exhibiu nun carro de vacas -para escarnio e terror- á labrega comunista Anunciación Casado Atanes, 38 anos, de Viana do Bolo. Foi asasinada nas Reverdeitas, no camiño da Gudiña a Viana. A partida de defunción sinala como causa da súa morte “destrución e fractura de masa cerebral”.
María del Valle Lozano (María de Beiro), 49 anos, e Salud Torres Díaz, de 25, ourensás, foron secuestradas na prisión de Celanova e asasinadas o 29 de outubro de 1937 en Lomba de Lamas (Xinzo de Limia). O fillo de María, Manuel Gómez del Valle, mestre e escritor, foi fusilado en Ourense o 11 de agosto de 1936. As partidas de defunción de María de Beiro e Salud Torres certifican o crime como morte por “destrozo cerebral”.
O rexistro civil de Pontevedra recolle a morte de Ramiro Paz Carvajal, impresor pontevedrés de 45 anos, a causa de “hemorraxia interna”. Foi procesado por traizón, condenado a pena de morte e fusilado na Caeira o 12 de novembro de 1936.

As actas dos crimes permaneceron durante décadas ocultas, custodiadas polos vencedores e os seus herdeiros. A transición –co seu ronsel de transaccións e de traicións- mantívoos pechados con sete chaves. Até que a forza imparábel das familias, das asociacións e dos investigadores obrigou a abrilos. Reclamaban o dereito á verdade, fronte á falsificación oficial. Reclamaban xustiza e reparación, fronte a tanto silencio cómplice.

Sempre me conmoveu o exemplo de Isidro Paz, fillo do dirixente socialista pontevedrés Ramiro Paz, fusilado na Caeira o 12 de novembro de 1936. Tiña os ademáns dun home recto, íntegro, cabal. Un día lin a entrevista que lle fixeron na edición pontevedresa da Voz de Galicia. Dicía alí moitas verdades e pedía algo que parecía pouco, mais que era todo: “Descansarei cando na partida de defunción do meu pai poña fusilado”. Hoxe, despois da Lei da memoria histórica de 2007, aínda non é posíbel cumprir o soño de Isidro Paz. E nós tampouco descansaremos...

 


venres, 5 de decembro de 2014

DESAFÍOS DA MEMORIA

Artigo publicado no semanario Sermos o 4-XII-2014


Reunión do Consello da Memoria (2006-2009)
Aínda quedan moitas batallas pendentes da memoria, nas institucións e na sociedade. Os últimos movementos a nivel internacional (Informe do Relator Especial da ONU Pablo Greiff e Querela Arxentina) poden traer ventos favorábeis, mais os procesos da memoria histórica teñen que ter necesariamente unha dinámica propia, centrada nos intereses e nas necesidades  do pais. A continuidade no tempo das políticas públicas e o afortalamento das organizacións e entidades sociais que traballan neste eido son dúas pezas clave para superar o actual ciclo declinante e proseguir con éxito a loita pola verdade, a xustiza e o recoñecemento de todas as vítimas da Ditadura franquista.
Os avances na primeira década deste século foron importantes, tanto no plano institucional coma no social. O fortalecemento do tecido asociativo, os programas desenvolvidos polo goberno galego no período 2005-2009, as actuacións promovidas desde algúns concellos e desde as Deputacións da Coruña e Lugo, a multiplicación de estudos e publicacións de carácter xeral e local, as actividades conmemorativas e as homenaxes crearon un marco que foi asentando un novo discurso histórico, un ambiente social máis receptivo, a emerxencia de moitas memorias silenciadas e unha sensación de amparo para as vítimas e as familias.

Mais o cambio político operado na Xunta e nos concellos en 2009-2011 demostrou a fraxilidade de moitos destes avances. A actitude hostil da Xunta de Galicia, gobernada polo PP, foi abafando e anulando progresivamente moitas iniciativas impulsadas desde a base social e desde as institucións. O caso máis notorio foi o desmantelamento do proxecto Nomes e Voces, unha iniciativa promovida desde a Consellaría de Cultura en 2006, e que –con todas as súas eivas- permitiu poñer as bases dun Arquivo Público da Memoria Histórica de Galiza.
A eliminación das axudas a entidades e persoas, a supresión do Consello da Memoria ou a extinción do Convenio para a Exhumación de Foxas foron outros pasos determinantes para desmantelar as políticas públicas que se desenvolveron no período 2005-2009 desde o goberno galego. Ou para sermos máis precisos, desde a Consellaría de Cultura baixo a dirección do BNG.

Talvez o punto culminante do intento de aniquilamento de todo o que se fora erguendo con grande esforzo foi a ocultación de San Simón como lugar de represión e espazo de memoria, eliminando da programación da Illa calquera mención ao seu pasado como espazo represivo. Unha auténtica profanación do principal espazo simbólico da memoria, asumida, todo hai que dicilo, con certa pasividade e resignación.
O informe do relator especial da ONU Pablo Greiff, feito público no pasado mes de setembro, constata a ausencia de auténticas políticas públicas de memoria histórica no Estado, e a pervivencia de lecturas do pasado asentadas durante a transición que parten de postulados defendidos polo franquismo. Principalmente a idea de que as violacións dos dereitos humanos que se produciron foron “unha amalgama de feitos violentos acontecidos no marco dunha contenda entre dous bandos opostos”. Greiff reclama un compromiso claro do Estado para darlle vixencia plena, con carácter prioritario, aos dereitos á verdade, á xustiza, á reparación e ás garantía de non repetición.

A deslexitimación do sistema político institucional que xurdiu da transición, a proxección internacional do tema e a proximidade do 80 aniversario do levantamento fascista en 2016 poden crear un contexto favorábel para a necesaria reactivación do compromiso individual, asociativo, político e institucional a prol da memoria da represión e da resistencia en Galiza.
Mais todo pasa por un punto de partida ineludíbel. Asumir que se trata dunha loita democrática fundamental, dun combate político e ético prioritario, que non se debe adiar pola urxencia doutras causas máis cómodas ou máis rendíbeis. Que non se pode construir un país sobre o esquecemento, sobre o silencio, sobre a mentira, sobre a destrución da memoria das vítimas e dos ideais polos que loitaron.

Que á par do discurso histórico cómpre seguir construindo o relato humano das múltiples caras do terror e da súa onda expansiva, que atinxiu a amplos sectores da sociedade e que golpeou con especial crudeza ás mulleres.
Que precisamos de símbolos para construir a memoria común, símbolos humanos e lugares da memoria que nos vencellen no pasado e no porvir. Mais o cultivo dos símbolos é necesariamente compatíbel co recoñecemento e a homenaxe, unha por unha, de todas as vítimas da represión fascista.

E que o exercicio da memoria é un desafío permanente, que non acaba nunca.

domingo, 30 de novembro de 2014

A MEMORIA DAS MULLERES

Quixeron facelas desaparecer do mundo e da Historia. Mais hoxe están aquí con nós, e con nós fican para sempre.


A memoria oral garda moitas vidas que non aparecen no formulismo frío dos documentos oficiais, nin nos libros de Historia. Porque a onda expansiva do terror atinxiu a pais e nais, a irmáns, a compañeiros e compañeiras que atravesaron tamén ese inferno de silencio, de opresión e de culpa. 
Son vítimas que permaneceron moito tempo invisíbeis, recluidas no interior das casas, pronunciadas en voz baixa, pero que hoxe están tamén con nós. Porque se houbo un alcalde perseguido, tamén houbo unha esposa excluida, encarcerada, insultada. Traemos hoxe aquí, para a mellor historia de Pontevedra, o nome de Josefina Arruti Viaño, a muller de Bibiano Fdez Osorio Tafall, presa durante 18 meses no cárcere de Pontevedra e outro ano e medio sometida a arresto domiciliario. A muller valente que defendeu a súa casa e a súa familia contra o vento e maré da intransixencia. A muller xenerosa e solidaria que acolleu no panteón familiar os restos de moitos fusilados.

Canda o concelleiro Manuel Gama e os seus irmáns Faustino e Alejandro, perseguidos con saña, estaban tamén, no sufrimento e na solidariedade, as súas irmás Custodia e Adelina. Custodia Gama Casalderrey, detida no Cuartel da Garda Civil, rapada e obrigada a varrer a rúa Michelena para escarnio público. Adelina Gama Casalderrey, forzada a partir para Arxentina, encerrada dous anos nun psiquiátrico polas secuelas do terror sufrido.
Ou todas as que tiveron que lavar a roupa das familias ben de Pontevedra porque os seus homes estaban presos ou expulsados dos seus postos de traballo. Como Amalia Bahamonde e Amalia e Peregrina Félix, compañeira e fillas do axente de arbitrios Pablo Félix Expósito, suspendido de emprego e soldo.
Coma elas moitas máis, que quixeron borrar do mundo e da historia, e que hoxe teñen un lugar aquí, entre nós, un lugar para a honra e o orgullo.


(Extracto do discurso do Alcalde de Pontevedra na homenaxe a concelleiros e persoal do concello represaliados pola Ditadura franquista)




Josefina Arruti cos tres fillos

Custodia Gama




sábado, 22 de novembro de 2014

AS ACTAS DA DIGNIDADE: ELSA OMIL


Hai moi poucas imaxes da ignominia, moi poucos rexistros do terror falanxista. En Marín moitas mulleres souberon as maneiras dos matóns e torturadores, dos violadores, dos asasinos. Ignacia Martínez Omil contou para Nomes e Voces a historia da súa familia, martirizada polas súas ideas políticas e pola pertenza á relixión evanxélica. Ignacia Martínez Omil fala con orgullo do seu pai, José Martínez Rodríguez, “Collona”, militante da CNT, presidente da Sociedade de Maquinistas, preso no Lazareto, onde se negou a confesar xunto con Celestino Poza e outros dezaseis homes valentes. Dos vellos de San Simón, comendo verzas fervidas en auga, desamparados naquel inverno húmido e frío. Dos evanxélicos de Vilar (Silleda) presos na illa pola denuncia dunha mestra. Da súa nai, traballando de costureira polas casas para alimentar a familia nos anos longos en que o pai estivo preso. E da solidariedade das peixeiras de Marín, que lle daban un peso para axudar a sobrelevar a penuria. Tamén se lembra Ignacia Martínez Omil das mulleres vestidas de falanxistas, mulleres novas “de ideas retorsidas” que a insultaban cando ía lavar ao río e na praza diante da xente: - Teñen que paghalas. -Cortar o pelo non é nada, hai que cortarlle o pescozo...

Da súa tía Elsa Omil Torres, que nacera en Boston, onde emigrara o seu pai. Elsa Omil era unha moza nova, non chegaba aos 20 anos, e traballaba na casa dun garda civil. Levárona ao cuartel de Falanxe por dicir que non, por negarse a marchar de Marín coa familia do garda civil cando lle deron un novo destino. Elsa Omil foi castigada, rapada e humillada por dicir que non e por ser dunha familia republicana. Elsa chorou até que lle secaron as bágoas (-Ai meu peliño) no medio das chanzas e dos risos dos falanxistas.

A dobre nacionalidade da moza provocou a intervención do consulado dos EEUU e o caso chegou a sair na prensa norteamericana. E Elsa Omil acabou marchando para os EEUU, mais antes quixo facer un retrato que hoxe é un icono do mal, da sombra sinistra dos criminais que a martirizaron. Mais tamén é a imaxe do compromiso e da loita. A imaxe da beleza e da dignidade. O rexistro da memoria resistente, insubmisa, rebelde. O rostro das mulleres que renacen do silencio de décadas, que volven da noite dos tempos para sentir o noso orgullo, a nosa gratitude.

Para Celso Milleiro, divulgador incansábel da memoria represaliada e resistente de Marín

sábado, 15 de novembro de 2014

AS ACTAS DA DIGNIDADE: DEMETRIO GARCÍA "O PEDRO"


Para Paula Godinho, por deitar luz sobre as memorias confiscadas. Por abrir a arca da memoria do Cambedo e descubrirnos a historia de Demetrio García

“O Demetrio era uma pessoa assim muito distinta, via-se que era uma pessoa fina. Era um atleta, uma torre” (testemuño do sr Arlindo Espírito Santo, veciño do Cambedo).
O terror prolongouse moito tempo despois de 1939. Deixou feridas profundas na pel das vítimas, na alma do miles de homes e mulleres condenados na inmensa prisión do franquismo. Daquela decretouse o silencio, a escuridade, a culpa, a morte en vida. Están por escribir cada unha das horas e dos días de humillación e vergoña. Na miseria moral dos anos 40, tamén houbo homes e mulleres que se rebelaron contra ese silencio imposto e desde os montes soñaron que podían cambiar o rumbo da historia, derrotar aquel estado de terror, vencer aquel ar irrespirábel.
Pagaron un alto prezo. Eles e as súas familias. O asasinato, a cadea, a persecución, a derrota; nalgúns casos, o trauma e a loucura marcounos para sempre. Hoxe contarei a historia de Demetrio García Álvarez, un labrego que naceu en 1912 na aldea raiana de Chás (Oimbra). Segundo algunhas fontes fugouse do Forte de San Cristóbal (Pamplona), onde estivo preso case dous anos. En 1945 intégrase nun grupo guerrilleiro que actúa na zona de Verín e Chaves. É un dos protagonistas do enfrontamento do Cambedo (20 de decembro de 1946) que había de marcalo para sempre. A el e á maior parte da súa familia. E á veciñanza daquela aldea raiana, onde naquela altura as redes de solidariedade prevalecían sobre a fronteira administrativa e os intereses dos Estados.
As fotografías da súa entrada na prisión do Porto o 23 de decembro de 1946 e da súa saída do cárcere de Lisboa o 19 de febreiro de 1965 son o relato exacto dunha existencia tronzada: máis de 18 anos dunha vida, dos 34 aos 52 anos, nas máis crueis masmorras da Ditadura salazarista, de Porto a Lisboa e ao campo de concentración de Tarrafal. E, malia o silencio, o afastamento, a tortura, entre un instante e outro, permanece un rasto da mirada desafiante, valente, decidida. Fica intacta toda a beleza e toda a dignidade daquel home que berrou ante o tribunal que o xulgaba: “Son un guerrilleiro, non son criminal. Todo o que fixen foi pola liberdade do meu pobo”.
(PD: está por escribir a súa vida de desterrado en París e Burdeos, a súa decisión de non voltar nunca; e está por escribir o sufrimento interminábel dos seus: da súa irmá Manuela, presa no cárcere do Porto, onde lle morreu o fillo de un ano, e que ficou marcada polo trauma daqueles días de terror; do seu pai Primitivo García Justo, detido e torturado; a súa irmá Celsa, tamén detida; do seu cuñado Manuel Barcia, tamén encarcerado e que dixo moito tempo despois que “sofreu maos tratos, morreu-lhe o filho, destruiram-lhe a casa e sofreu muito por sua esposa que ficou psicologicamente afectada para sempre mas ainda hoje lutaria contra o fascismo”).

sábado, 8 de novembro de 2014

AS ACTAS DO TERROR: OS VELLOS DE SAN SIMÓN


Para Antón Caeiro, que comezou a escribir o relato interminábel das vidas que quedaron para sempre na illa do amor e da morte


Presos de San Simón retratados por Pintos
Hai imaxes que fican gravadas na retina, hai miradas que te miran para sempre, hai rostos que permanecen suspendidos no tempo coma un SOS, coma a forma definitiva do silencio e do desamparo. Na crónica gráfica do Lazareto predominan as imaxes amábeis, retratos de presos en pose relaxada, rodeados de beleza e bondade. O arquivo que deixou para a historia o preso vilagarcían Dámaso Carrasco é un documento de excepcional importancia para tecer unha parte do relato da vida na illa.

Mais hai miles de imaxes que se perderon e que falan das motoras que chegaban pola noite, dos nomes pronunciados as dúas da madrugada, dos traballos forzados, dos camarotes do Upo Mendi, dos aforcados pola desesperación, da fame, da enfermidade, da miseria e o medo que eran a única verdade para miles de presos, sobre todo para os que chamaban “os vellos”.

Hai unha imaxe de San Simón que é talvez a única real; unha imaxe de corpos abatidos por todas as guerras e todas as derrotas; rostos que nos miran desde o silencio da historia e que fan preguntas; ollos que levan gravados o terror de cada un dos días de enfermidade, de frío e desamparo que viviron naquel inferno circundado de beleza e de fulgor. Son seres anónimos, esquecidos en tumbas sen nome nos cemiterios de Redondela e de Vigo, homes cuxos corpos voltaron algún día á casa para apenas sobrevivir, para lembrar o horror, para atravesar a última agonía do insomnio, da alucinación e da loucura. E para seguir facendo preguntas sobre a condición humana e sobre o porqué daquela derrota da humanidade, a razón daquel tempo de tortura, de humillación e de morte. E do interminábel silencio que veu despois, cubríndoo todo. Até que foron aparecendo as imaxes...

sábado, 1 de novembro de 2014

AS ACTAS DA DIGNIDADE: FLORES NAS GAVIAS

“Se é duro levar flores a unha tumba, éo moito máis levalas a unha gavia”

En Galiza, a partir do 18 de xullo de 1936, non era tempo para o heroísmo. E aínda así houbo heroísmo e coraxe e firmeza en moitos homes e mulleres que se enfrontaron ao fascismo, uns coas armas e os ideais, e outros coa razón das súas conviccións irrenunciábeis. A maioría destes homes e mulleres enchen aínda tumbas anónimas nos cemiterios, nas gavias, nas rías de Galiza. A maioría son mortos sen nome e sen tumba, sepultados no inmenso cemiterio do esquecemento.

Conta Evaristo Mosquera en “Catro anos a bordo dunha illa”, dous episodios da biografía de Alexandre Bóveda que dan a idea cabal da grandeza dun home que se enfrontou aos últimos momentos da vida con unha altura ética que é tamén a demostración da miseria dos seus verdugos .O primeiro corresponde á tardiña do 21 de xullo de 1936. Mosquera vai ao goberno civil (que daquela estaba no edificio da Deputación) e ao entrar encontra a Bóveda que baixa só as escaleiras en penumbra. Alexandre recoméndalle que vaia para a casa e el queda alí para dar instruccións e asumir toda a responsabilidade. O segundo corresponde ás horas finais, os días previos aos 17 de agosto. Está preso nos baixos da antiga Escola Normal agardando que se execute a sentenza mentres a familia fai xestións para salvalo. Acompáñano algúns amigos, entre eles Evaristo Mosquera, para facer máis levadeira a espera. Son horas dramáticas, que pasan xogando cun improvisado xadrez de papel. No intre decisivo, Alexandre asume o final con unha dignidade e unha nobreza que asombra aos que o acompañan. Cando chega o piquete de soldados que o traslada á Caeira, abraza os amigos e di unha última frase conmovedora: “Sede valentes”.

Alexandre Bóveda é un símbolo da resistencia ao fascismo, da dignidade, da intelixencia e o traballo postos ao servizo dun ideal, dunha causa nobre, dun pais. Matárono no mellor da vida, cando tiña 33 anos e un cartafol no que estaban deseñadas todas as arelas de xustiza e progreso para a súa Terra, para a súa xente. É o gran símbolo da Galiza Mártir, da Galiza valente, solidaria, soberana.

Hoxe levaremos simbolicamente flores á tumba de Alexandre, ás tumbas dos heroes, aos mortos daquel verán de cunetas rebosantes de sangue boa, xenerosa. Aos que ficaron encerrados nas casas, enterrados nos sotos; os recluidos nos recintos da loucura e do pesadelo; os atrapados no carrusel interminábel do silencio e a culpa; os que tiveron que calar, gardar para si a amargura da derrota; os corpos dos homes e mulleres desaparecidos no silencio da historia, enterrados debaixo de 78 anos de esquecemento.

Hoxe poremos simbólicamente flores en San Amaro para Otilia Meis e para Josefina Arruti. En Lérez para Custodia Gama. En Marín para Carmen Pesqueira “A Capirota”. En Vilaboa para Pepa do Tombo e Lola Cerqueiro. En Cidade de México para Isabel Gómez Costas e en Buenos Aires para María Miramontes. Para Abelardo Sobral na ría de Vigo, entre Domaio e A Guía. Nas augas frías das Cíes, para Rosario Hernández "A Calesa". Para os asasinados do Anguiero no mar de Cangas... 

Hoxe poremos simbolicamente flores nas gavias para os mortos sen nome e sen tumba. Para os corpos que non volveron.