domingo, 24 de xaneiro de 2016

A RAPOSA NO LAZARETO II


O luns 9 de novembro do 36 chegaron ao mediodía. Antes do xantar, algúns presos estaban atarefados nos labores da oficina, na cociña. Outros mataban o tempo paseando baixo o sol oblicuo do outono. A plena luz do día eran os traslados a Vigo e Pontevedra para prestar declaración ou para asistir aos consellos de guerra. Mais o luns 9 de novembro traían unha lista de 10 homes que ían ser liberados: Vicente Bautista García, perruqueiro de 44 anos; Manuel Herbón Fontán; Víctor Fraiz Castellanos, de 19 anos; José Lago Prieto; Manuel Lustres Rivas, xornalista do Faro de Vigo de 48 anos; Siro Moralejo Santos, de 34 anos; Manuel Nores Portela, industrial de 38 anos; Florentino Vázquez Doval, de 25 anos; Abdón Simón Daponte, empregado de comercio. Todos veciños de Vigo.
Cando escoitaron os nomes, os elixidos fixeron unha festa de abrazos e de risos, unha despedida chea de emoción e de xúbilo; os que ficaban na illa, coa alegría de ver os seus amigos saindo cos petates cara á arelada liberdade. Víronos partir na motora cara ao peirao de Cesantes, axitando os panos brancos das despedidas. Mais aquela era tamén unha viaxe cara ao escuro. Porque o 9 de novembro a raposa viñera pola mañá.

Debéronos levar primeiro ao cárcere de Redondela. Ou talvez a Vigo. Dixéronlles que tiñan que prestar declaración e que axiña quedarían en liberdade. Entón comezou a incertidume, a desconfianza, o medo. Reviviron as noites de anguria na illa, a lectura da listaxe, a necesidade de escoitar calquera nome menos o seu...

Esa mesma noite, de madrugada, foron buscar a nove. A todos menos a Abdón Simón. Cando escoitaron outra vez os seus nomes pronunciados ás 2 da madrugada souberon cal era o destino daquela viaxe. Sentiron a friaxe daquela noite de novembro, a amargura de non poder facer nada, a incomprensión daquela inxustiza tan grande. No traxecto na camioneta, Víctor Fraiz pensou no seu pai Víctor, o mestre de Coia, fuxido no monte desde xullo, e na súa nai Placeres Castellanos, que loitaba contra o terror con outros seis fillos do matrimonio. O que non sabía o rapaz, o que non podía imaxinar daquela, era que o seu pai acabaría entregándose no consulado de Uruguai en Vigo e sería fusilado no monte do Castro o 14 de setembro de 1937. Siro Moralejo lembrouse do seu irmán José, que era un ano máis novo cal el, e non puido imaxinar que Alcabre sería nunha noite de decembro, mes e medio despois, o nome dun mar inzado de sangue e de masa encefálica, o escenario da masacre de José e de 14 homes máis a véspera da noiteboa de 1936.  A Manuel Nores rebulíalle na cabeza a conversa que tivera na illa con Joaquin Nores, veciño de Cangas, con quen non tiña relación de parentesco mais a quen lle deixara unha carta de despedida para a súa familia. Manuel Lustres Rivas acordouse do que lle dixera o dono do Faro, Manuel Otero Bárcena, na última visita que lle fixera no Lazareto non te preocupes, nuns días saes libre...

Imaxe do Diario de Bienvenido Lago,
escrito nas prisións de Pontevedra e San Simón
O traxecto na camioneta foi curto. Apenas 15 minutos que se fixeron eternos, que non acababan nunca. O tempo interminábel dun silencio de coitelos, de bágoas e de saloucos. Cando pararon no alto da Concheira, na parroquia de Trasmañó, viron por última vez o ceo estrelado, as luces no outro lado da ría, o espanto nos ollos dos compañeiros. Sentiron o abrazo húmido e longo da noite e do vento nas súas facianas. Foi un intre de rezos e de maldicións. Un tempo breve para a resignación e o medo. E tamén para a coraxe dos puños apretados e os berros de raiba.
A alba do 10 de novembro de 1936 descubriu nove corpos acribillados no Alto da Concheira. As mulleres que ían a Vigo vender o leite levaban nos ollos o espanto daquela escena de terror. No Lazareto, Bienvenido Lago e Valentín Briones,  anotaron en senllos cadernos o relato preciso daquel masacre infame e inxusto. Pouco tempo despois chegou á illa Otero Bárcena para pedir explicacións. O 14 de novembro o diario rexistra unha anotación breve: “Deteñen e incomunican a Fernando Lago Búa, inspector provincial de prisións”.



Na memoria de Bienvenido Lago e Valentín Briones, vilagarciáns presos en San Simón, que deixaron rexistro escrito dos crimes. Naquel tempo escuro escribiron dúas copias exactas dos días de terror, de soidade e solidariedade. Arriscaron a vida para legarnos as actas da barbarie.

mércores, 20 de xaneiro de 2016

A RAPOSA NO LAZARETO I


Tiñan un camión pequeno ao que se lle puxo o nome da raposa; cando polas noites se escoitaba o seu motor, nel metían ao chou a varios presos para fusilalos... O terror apoderábase de nós cando máis aló da media noite escoitabamos ese motor
Rogelio Diz Fuentes, preso en San Simón

Á unha da madrugada do 15 de outubro de 1936 saíu de Pontevedra o primeiro grupo de presos con destino ao Lazareto. Eran 100 homes amarrados entre si con cordas e custodiados pola garda civil. Ao mando da operación vai un sinistro personaxe, o médico Víctor Lis, xefe da garda cívica pontevedresa. Os presos son trasladados en autobuses ao peirao de Vigo onde embarcan con rumbo á illa. Chegan ás 5 da madrugada.
O día seguinte amenceu con bo tempo. E aqueles homes viviron unha sensación extraña: sentiron a beleza conmovedora da illa, do mar, do sol do outono. O verde, os paxaros, o vento, a esperanza toda daquel espazo luminoso. Alguns, como os irmáns José e Belarmino Casal, como Eligio Rey, mesmo podían albiscar as súas casas a uns poucos centos de metros. E os montes nos que se agocharan os que presentiron a dor e as bágoas e o sangue que haberían de verter.

Nos días seguintes seguiron chegando grupos desde as prisións de Vigo e Pontevedra. E houbo unha festa de abrazos, de sorrisos, de encontros de amigos que celebraban estaren vivos. Estaban presos, afastados dos seus fogares e das súas familias, mais vivos a fin de contas. Pasaran os últimos días de xullo, pasara agosto co seu ronsel sanguento, e setembro que fora unha travesía interminabel pola anguria. Pasaran xa por todas as estacións do medo, do terror, da humillación e da derrota: as visitas nocturnas ás casas, os insultos e as malleiras, os interrogatorios, os traslados de prisión, as novas da morte que latexaba arredor, con nomes e rostros próximos. Pasaran por todo iso e nin podían imaxinar toda o sufrimento que habían de pasar. Porque naquela illa dos amores, naquel espazo rodeado de beleza e de luz, tamén habitaba a morte, tamén se instalara o terror.
A comezos de novembro a illa prisión estaba ocupada por case un milleiro de detidos á espera de xuízo e de condena. Nas salas habilitadas como cuartos durmían 80 homes, deitados no chan, en fileiras, en 38 centímetros de friaxe, de intemperie, de corpos apiñados, amoreados como animais, compartindo a soidade e o insomnio, a incerteza e a esperanza, o humor e a rabia. E sobre todo compartindo a aldraxe, convivindo con ela cada vez que respiraban. Cada vez que tiñan que espirse. Cada vez que tiñan que mexar e atravesan unha sala escura pisando corpos e cabezas. Cada vez que tiñan que renunciar a lavarse. Cada vez que tiñan que sobrepasar o pesadelo de pulgas e piollos que os asoballaban.
Foi daquela, nos últimos días de outubro e nos primeiros de novembro cando apareceu a raposa. Cando sentiron os seus pasos silandeiros na praia de Cesantes. Aquel ruído de motor nocturno que se convertiu no aviso, no anuncio dunha viaxe cara ao descoñecido. E sempre se repetía o mesmo ritual, de noite, cando xa se deitaran, cando xa pensaran que pasara outro día e querían celebrar que estaban vivos: o ruído da camioneta, a motora que se aproximaba á illa, os gardas civís e falanxistas que se achegaban coa listaxe, a chamada para formar no interior do pabillón, a lectura dos nomes... O terror. O non poder respirar. O son do sangue nas tempas. O corazón acelerado, querendo romper a caixa do peito, querendo estoupar e acabar con todo dunha vez. A lectura dos nomes: oír Manuel e pensar que se acababa o mundo, oír despois o apelido e volver respirar. E outra vez Manuel e José e Víctor e Vicente e Eduardo.
Os falanxistas, os gardas cívicos, os gardas civís ían case todas as noites. Levaban grupos de catro, cinco, oito, dez homes. Dicíanlles que non precisaban coller nada, que para onde ían non lles facía falta levar nada. E entón os elixidos se podían deixaban unha nota manuscrita, unha despedida improvisada, un anel, un abrazo, un fío de esperanza... Deixaban aquela estampa da amargura, da inxustiza, da crueldade que escribira o seu nome nunha fatídica lista pronunciada na noite estrelada e inmensamente fermosa de San Simón. E os que ficaban na illa, os que se salvaran esa noite, os que celebraban seguir vivos non podían librarse da imaxe da morte que viran tan próxima, nin da anguria pola sorte que os agardaba na seguinte visita da raposa.
 
Na memoria de Bienvenido Lago e Valentín Briones, que deixaron rexistro escrito dos crimes
Fontes:

Antonio Caeiro, Juan A. González e Clara de Saá: Aillados, Ir Indo, 2º edición, 2000
Evaristo Mosquera: Catro anos a bordo dunha illa, A Nosa Terra, 2006
Gonzalo Amoedo e Roberto Gil: Episodios de terror durante a guerra civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón, Xerais, 2007.

 

sábado, 9 de xaneiro de 2016

LORENZO CORBACHO RODAL


Cando o foron deter o 24 de xullo do 36, Lorenzo Corbacho Rodal tiña detrás un longo historial de compromiso obreiro e político, no sindicalismo e nas fileiras do partido socialista. Estivera preso en varias ocasións, a última no outono do 34. Fundara as agrupacións socialistas de Moaña e Cangas, fora concelleiro en Cangas en varias etapas, participara na dirección dos sindicatos de canteiros e mariñeiros, colaboradora nas revistas socialistas La Nueva Aurora e Solidaridad... En abril do 31, el e mais Francisco Eiroa Graña levaron desde Vigo, nun barco chamado Alegría, a nova bandeira coa que se proclamou a República en Cangas.
Lorenzo Corbacho Rodal
(Arquivo Nomes e Voces)
O 20 de xullo do 36 encabezou a defensa desa República pola que tanto loitara. No concello, dando instrucións aos grupos que ían acudir a Pontevedra defender o goberno civil. Arengando aos homes –canteiros a maioría- que tiñan a misión de controlar a estrada de Cangas a Bueu á altura da fonte do Anguieiro. Por iso foi dos primeiros que foron buscar. A el e ao alcalde, o médico don Agustín Jorge Echeverri, de Izquierda Republicana. E aos mestres comunistas de Coiro Víctor Sánchez e Vicente Saez. E a moitos máis.
Foron interrogados, aldraxados e sometidos a maltrato. Conta nas súas memorias Ángel Fernández del Río: “unha noite chamaron para declarar a Lorenzo Corbacho e Antonio Fernández* e cando regresaron estaban tan flaxelados que as tres cuartas partes das súas costas eran feridas sanguentas e non se podían tocar os seus corpos”. Máis tarde foron trasladados a Pontevedra, ao cárcere da antiga Escola Normal. O 19 de setembro son procesados en consello de guerra sumarísimo, acusados de rebelión militar e condenados a pena de morte Echeverri, Lorenzo Corbacho e Víctor Sánchez.
Neses días, antes da inxustiza do asasinato, Lorenzo Corbacho Rodal foi sometido a un dos actos máis infamantes que se poidan imaxinar. A humillación, a derrota definitiva. El, o furibundo anticlerical, o home de firmes conviccións ateas, o concelleiro que defendera con coraxe a retirada dos crucifixos das escolas, o socialista que casara polo civil con Concepción Iglesias Portela, que non bautizara aos seus fillos e que lle puxera o nome de Libertad Fraternidad Saborit a unha delas. Antes de ser asasinado polos fascistas, Lorenzo Corbacho cedeu ás presións e aceptou celebrar o matrimonio relixioso e bautiza
A nova no Diario de Pontevedra
do 25 de setembro do 36
r os fillos.
Esa renuncia, motivada pola desesperación e polo terror das últimas horas, tiña para el un único obxectivo: protexer a familia, librala da persecución e da fame e da dor da súa ausencia, afastalos do estigma que os ía perseguir para sempre, procurarlles un salvoconduto para o futuro. Foi unha renuncia tráxica, dramática, cruel, terríbelmente dolorosa. Unha derrota amarga, brutal, que poñía fin a unha vida de compromiso, de sacrificio e de loita.
Esa claudicación dolorosa e amarga foi convertida nunha infamia, nun acto de humillación e vergoña. Nun símbolo do triunfo do fascismo e da relixión homicida. E así foi proclamado, publicitado e difundido, para escarnio e escarmento. E para que todos os homes e mulleres que ergueran as bandeiras da República laica e democrática soubesen de que lado estaba o crucifixo, lexitimando o terror, os crimes e todas as infamias.

Fontes
Proxecto Nomes e Voces
Memorias de Ángel Fernández del Río.
Xerardo Dasairas: Memorias da II República en Cangas, Ediciós do Castro, 2002
Antonio Nores e Iago Castroviejo:”Mortos, presos, fuxidos e desertores en Cangas na retagarda”, A represión franquista en Galicia, Actas do Congreso da Memoria, 2005.
Antonio Nores e Iago Castroviejo: A Alianza Mariñeira de Cangas 1914-1936. No centenario da súa Fundación, Asociación Memoria Histórica 28 de agosto, Cangas, 2014.
_______

*Antonio Fernández, albanel de Darbo, era irmán de Guillermo Fernández, asasinado no Anguieiro e fondeado na ría; Antonio foi fusilado en Pontevedra o 27 do 7 de 1937.

 

domingo, 3 de xaneiro de 2016

O XORNALISTA GRAFÓLOGO


O 10 de marzo de 1936 a comisión xestora municipal de Bueu elixe un novo alcalde, José Gómez de la Cueva (Johan Carballeira). Tiña 34 anos e unha fulgurante carreira como xornalista -no Faro de Vigo e El Pueblo Gallego- e como político, nas fileiras do Partido Galeguista desde 1934. Aquela primavera do 36 chegou a Bueu inzada de proxectos para mellorar as condicións de vida da clase traballadora, o porvir dos mariñeiros, a escolarización de nenos e nenas cun novo grupo escolar. O concello de Bueu súmase á campaña pro Estatuto, e o alcalde participa persoalmente na asemblea de concellos que ten lugar en Santiago no mes de maio coa fin organizar o plebiscito previsto para finais de xuño.

Unha das primeiras preocupacións de Carballeira foi procurar unha solución ao conflito provocado polo baixo prezo da sardiña, que enfrontaba a mariñeiros e armadores por unha banda e a conserveiros por outra. Para moitas familias mariñeiras a situación era insostíbel despois de moitas semanas de folga, e o alcalde de Bueu liderou a convocatoria dunha asemblea que tivo lugar en Vigo o 25 de abril na que se estableceu un principio de acordo para resolver o conflito. Como mostra de gratitude, o 17 de xullo Carballeira recibe en Bueu a homenaxe do Sindicato de Mariñeiros e da Sociedade de Armadores de Bueu.
O 20 de xullo de 1936 os militares puxeron fin a aquel mandato intenso e frutífero, a primavera republicana e galeguista de Bueu, que só durou tres meses. Os uniformes, as correaxes, as sotanas fixéronse donas da vila. E sabían a quen servían. Fixéronse donas da vida e dos destinos e tronzáronlle o provir de miles de persoas que cometeran o delicto de loitar polo ben común, polos dereitos da clase traballadora, pola xustiza social e a República. E por Galiza.  
En Bueu, o 24 de xullo os militares controlan a situación, destitúen a corporación democrática e nomean un novo alcalde. O estado de guerra e a lei marcial impuxeron o terror. Os asasinatos, o expolio, as malleiras, as vexacións, os abusos de toda caste marcaban o ritmo dos días na vila e en Galiza toda. E comezou a persecución dos dirixentes obreiros, das mulleres comprometidas, dos líderes políticos.
Para Carballeira foron días de incerteza. Mais permaneceu en Bueu, desoindo os consellos que o animaban a agocharse no Grove, a fuxir como fixeran outros, como farían Federico Ribas e Maruxa Mallo, que pasaban o verán en Beluso. O 15 de setembro é detido en Cangas e encarcerado na Escola Normal de Pontevedra. Os días na prisión pontevedresa foron un tempo de anguria, de desesperación, que se acrecentaba coas novas dos asasinatos nocturnos, dos fusilamentos. Mais tamén foi un tempo de camaradería, de solidariedade, de amizade entre homes que compartían ideais. Foi daquela cando Carballeira exerce como grafólogo dos seus amigos e compañeiros presos. Segundo o relato de Evaristo Mosquera, pedíalles que escribisen nun papel e interpetaba o temperamento de cada un: o optimismo, o pesimismo, a resignación ou o espírito festeiro que permitía sobrelevar a traxedia que estaban a vivir. Espaventar o terror, axotar os fantasmas que invadían os corpos, os pesadelos, a morte na noite dos disparos, das cunetas e dos pelotóns de fusilamento.
A finais de ano tivo lugar o consello de guerra no que foi condenado a morte, acusado de “rebelión militar” polos militares sublevados. Xunto con el foron tamén condenados á máxima pena Avelino Chapela Soliño, Manuel Graña Pouseu e Manuel Chapela Couso. Os demais procesados foron condenados a cadea perpétua. Na sua acusación, o fiscal considerou como agravante no caso de Carballeira, que “tiene cultura y, por ello, su actuación es más destacada que la de otros procesados, por ser dirigente del elemento obrero y tener ascendencia sobre ellos”.
Aínda lle quedaban tres meses de vida, tres meses de espera e de anguria que pasou no Lazareto de San Simón, mentres a súa nai Rolendis de La Cueva xestionaba inútilmente ante os Massó e en Burgos a conmutación da pena. Tres meses da abatemento e desesperación, que só minguaba polo agarimo dos compañeiros, pola camaradería, os xogos, as conversas con que entretían as horas e enganaban o medo. En todos aqueles días, Carballeira sentiu o terror da raposa que se achegaba pola noite, a anguria de ser el un dos que chamarían de madrugada para levalos, sen máis equipaxe que o propio medo, rumbo a unha cuneta ou ao muro dun cemiterio. Naqueles días de terror e de espera, sentiu o que era a amizade na presenza próxima e sempre reconfortante dos seus veciños de Bueu, Manuel López Cortizo Ferrolán e Manuel Ríos Pitorro. E na humanidade inabarcábel do médico de Pontevedra don Celestino Poza, "que era quen máis o consolaba". Até que chegou a data funesta en que anunciaron a confirmación da sentenza e o traslado a Pontevedra e dispúxose a recoller o petate e o colchón de follato e era tal o seu abatemento que o seu amigo Manuel López Cortizo Ferrolán tivo que axudarlle a levar as pertenzas. Un aceno solidario que os carcereiros premiaron con unha malleira. E cando Ángel Fernández del Río, militante socialista de Cangas, intentou animaloTes que levar a esperanza de que che conmutarán a pena de morte, el respondeu con aquela frase definitiva e brutal: O que teño que levar é valor para morrer.
José Gómez de la Cueva, Johan Carballeira, e os seus compañeiros de Bueu Avelino Chapela Soliño, Manuel Graña Pouseu e Manuel Chapela Couso foron fusilados na avenida de Buenos Aires ás sete da mañá do 17 de abril de 1937. Os seus corpos foron soterrados no cemiterio de San Amaro. Tempo despois, os restos de Carballeira foron trasladados ao panteón de Josefina Arruti, a casa común, o fogar protector, o símbolo da solidariedade para tantas familias de republicanos asasinados polo fascismo. Segundo algunhas fontes, citadas por Xosé Manuel Millán, os restos foron máis tarde recollidos por unha antiga noiva de Cesures, Moncha Ochoa, e soterrados nun emprazamento descoñecido.
E o final dramático de Johan Carballeira aínda ten unha última reviravolta amarga. Contan varias testemuñas que durante a súa estadía no cárcere de Pontevedra e no Lazareto de San Simón escribiu un diario, un documento de excepcional valía que unhas mans cómplices conseguiron sacar da prisión e entregalo a unha amiga súa. Mais esta persoa, polo medo ás represalias, decidiu destruílo, o que fixo que se perdese para sempre a última obra dun xornalista xenial.

Addenda
Conta Raimundo García Domínguez Borobó que a finais dos anos 20 Johan Carballeira visitaba con frecuencia en Pontecesures ao artista Rafael Ochoa Carrasco. E á súa irmá Ramona, coa que parece ser mantivo un noivado que continuou cando a familia Ochoa se trasladou a Ourense. "Moncha tiña un encanto especial, na súa fermosura concisa e morena". Foi ela quen tempo despois, segundo a memoria popular, recolleu os restos de Carballeira do panteón de Bibiano Fernández Osorio Tafall e Josefina Arruti para soterralos nun lugar descoñecido.
Relata tamén Borobó que unha irmá de Moncha, Carmela Ochoa, casaría en Ourense con un dos irmáns Gómez del Valle, un apelido vencellado á máis cruenta represión en terras ourensáns, da que falaremos noutro capítulo.
E en 2012, o grandioso labor da Asociación Amigos de Johan Carballeira brindounos outro documento extraordinario, a última carta que escribiu o alcalde galeguista de Bueu, dirixida á súa moza naquela altura, Lola Álvarez, tamén destinataria do diario desparecido. Un texto conmovedor, escrito no reverso da fotografía da moza cando eran as seis menos cuarto da madrugada do 17 de abril de 1937, unha hora antes do seu fusilamento:
"Lolita, Lolucha:
Conserva esta foto donde escribo cuando falta hora y cuarto para morir, a las seis menos cuarto. Morimos a las siete, cuando te despiertes y pienses en mi, seguramente.
Cueva".
A última carta do alcalde de Bueu, publicada pola Asociación de Amigos de Johan Carballeira 


Fontes
Antonio Caeiro, Juan A. González e Clara de Saá: Aillados, Ir Indo, 2º edición, 2000

Xesús Portela: Johan Carballeira. Poeta, xornalista, político, Ir ndo, 1997
Evaristo Mosquera: Catro anos a bordo dunha illa, A Nosa Terra, 2006

Johan Carballeira: Páxinas galegas, Estudio introdutorio e edición de Xosé Manuel Millán Otero, A Nosa Terra, 2000

Crónica da represión en Bueu. Rachando 70 anos de silencio, Asociación Xohan Carballeira, Bueu, 2007

II Crónica da represión en Bueu. Os homes e as mulleres 75 anos despois, Asociación Xohan Carballeira, Bueu, 2012.

Borobó: "Lembranza de Johan Carballeira", ANT, 28-8-1997.

Borobó: Libro dos exemplos, A Nosa Terra, 2003

mércores, 30 de decembro de 2015

VOLVER DO MAR III Cangas

Na memoria de Francisco Ferreiro Budiño e de todas as familias de Cangas que mantiveron viva a memoria do terror e a herdanza da dignidade. Contra o esquecemento.


En xullo de 1936 Eugenio Bastos tiña 20 anos e moitos soños por cumprir. Vivía en Cangas e todos os días cruzaba a ría para ir traballar como mecánico no asteleiro de Barreras en Vigo. Os seus soños tiñan moito que ver coa República, coa Fronte Popular, coas Xuventudes Socialistas Unificadas, coas loitas dos traballadores por unha vida mellor. Como a súa irmá Esperanza e moitas outras mulleres organizadas en sindicatos e na militancia política de esquerdas.
José Nores
José Nores tiña 16 anos. Tocaba na banda de música e xogaba ao fútbol no equipo do Pósito. Traballaba como albanel e militaba tamén nas Xuventudes Socialistas Unificadas, como Eugenio. O seu irmán maior Emilio Nores, de 32 anos, era militante do PCE, como Luís Soliño e Estanislao Graña e José Mejuto e Emilio O Azaña e moitos outros. 
Antonio Blanco Rodal
Daniel González Graña
Antonio Blanco Rodal tiña 26 anos. Era mariñeiro, da Alianza, e militaba no PCE. Tamén era mariñeiro, e da Alianza, Daniel González Graña, “Gadé”, de 24 anos. E Normandino Núñez Martínez, de 46 anos, que militaba na UGT. Os mariñeiros de Cangas pertencían maioritariamente á Alianza Marinera desde que se fundara o sindicato no ano 1914. O primeiro presidente fora Lorenzo Corbacho Rodal, canteiro socialista. No ano 24 a Alianza, a Sociedad de Canteiros e a de Oficios Varios constrúen o novo local, que pasou a chamarse a “Casa do Pobo”, a casa común dos obreiros e mariñeiros, e tamén a partir de 1935 das redeiras e atadeiras organizadas na sociedade La Reivindicadora, liderada por Manuel Piñeiro Pastoriza.
A maior parte dos canteiros eran da parroquia de Darbo. Pertencían á Sociedad de Canteiros de Cangas, integrada na Sociedad de Oficios Varios (UGT), presidida por Lorenzo Corbacho. Traballaban nas estradas e na construcción de edificios. E loitaran sen descanso pola xornada laboral de 8 horas, por melloras salariais, por conseguir avances sociais para o colectivo e para o pobo.
Irmáns Martínez Pazó
Guillermo Fernández Fernández O Pavito, de 27 anos era un mozo forte. Militaba no Partido Socialista. Vivía en Darbo e traballaba na construción. E tamén era boxeador. Tamén eran de Darbo, e canteiros, os irmáns Martínez Pazó: José, de 25 anos (PSOE), Alejandro Isolino, de 20 (JSU), e Silviano. E Antonio Ferreiro Núñez, (PSOE) de 32 anos, e Estanislao Ferreiro Núñez, de 24 (JSU), da familia dos Boreiros, de Cimadevila. Secundino Ruibal Villar, de 38 anos, (PCE) tamén era canteiro e de San Pedro de Darbo. Militaba no PSOE.
Guillermo Fernández
A primavera de 1936, aquel tempo de loitas e de soños, rematou pronto. Aos mariñeiros e aos canteiros de Cangas, ás atadeiras, aos militantes da Alianza e da Sociedad de Canteiros, ás súas familias, o fascismo tronzoulles a vida, arrebatoulles os soños, arrincoulles os dereitos e as ilusións polas que tanto loitaran. E deixáronos tirados como cans nas cunetas, á intempérie. Ou no fondo do mar. Ou en Pontevedra, diante dun pelotón de fusilamento. E ás mulleres rapáronas, humilláronas, obrigáronas a desfilar coa cabeza rapada, a varrer o local da Falanxe. Marcáronlles a fronte coas letras UHP (Uníos Hermanos Proletarios) ou coa fouce e o martelo. Insultáronas e vexáronas. E condenáronas a décadas de aldraxe e de silencio.
A Casa do Pobo, o local que simbolizaba as loitas sindicais e o compromiso, foi asaltado e incautado. Destrozaron os mobles e queimaron os libros, nun ritual macabro como o de Vilaboa, como o de Moaña, como o tantos outros edificios construídos co sacrificio da clase traballadora que ficaron convertidos en cárceres e lugares de tortura.
En xullo comezaron as detencións e en agosto a cacería humana. Baixo a dirección das forzas vivas de armadores, conserveiros, empresarios e comerciantes (os Moldes, o farmacéutico Valentín Graña, e o seu irmán crego José, párroco de Aldán) actuaban pistoleiros a soldo e gardas civis sen conciencia nin escrúpulos. E foron a por eles, a polos dirixentes dos sindicatos e dos partidos de esquerdas. Detivéronos e torturáronos. E asasináronos, ás máis das veces sen sequera pasar pola humillación daqueles consellos de guerra onde todo estaba xa decidido nun exercicio infame de xustiza ao revés: os militares sublevados, os golpistas, acusaban de rebelión aos defensores da República, da democracia e da liberdade.
O 27 de agosto foron buscar aos mariñeiros e aos canteiros. Ao mariñeiro Antonio Blanco Rodal detivérono nada máis chegar o barco a terra. E aos mariñeiros Daniel González Graña e Normandino Núñez Martínez. E ao albanel José Nores, que era músico e futbolista e estaba namorado da vida. E ao mecánico Eugenio Bastos, Jatón, que aos seus 18 anos atravesaba a ría asubiando naquel verán caloroso, e arelaba que chegase o domingo para mocear ou ir á praia.
Tamén foron buscar de madrugada aos canteiros de Darbo. A Guillermo Fernández, o canteiro boxeador fórono buscar á súa casa á 1 da madrugada os irmáns Alfredo e Marcelino Moldes, un garda civil chamado Jaime e o xefe de correos. Aos irmáns Estanislao e Antonio Ferreiro Núñez secuestráronos –segundo o estarrecedor testemuño escrito polo seu pai, Francisco Ferreiro Budiño- ás dúas da madrugada un garda civil e catro falanxistas (un deles era un dos Moldes e o outro Gumersindo Iglesias “Pan e Porco”). E aos irmáns José e Alejandro Martínez Pazó.  E a Secundino Ruibal Villar, directivo da Sociedad de Canteiros de Cangas.
Na madrugada do venres 28 de agosto un comando terrorista formado por falanxistas e gardas civis levaron os once mariñeiros e canteiros nunha camioneta ao alto da Portela, xunto á fonte do Anguieiro. Fixéronos baixar coas mans atadas. Aqueles once homes e rapaces escoitaron por última vez o silencio da noite, e o son dos grilos, e o vento quente que viña do mar. E sentiron medo e anguria e sede. E entón soaron os disparos, rotundos, criminais, e o sangue correu a rolos polo Anguieiro.
Xa tiñan decidido como ocultar o crime. Non era a primeira vez que o facían, que guindaban os corpos ao mar. Cando chegaron ao peirao da fábrica de Cervera faltaba un corpo. O de Ladislao Ferreiro. Así que subiron os dez cadáveres nunha motora e fondeáronos no mar, atados ás parrillas que se usaban na conserveira. Ao día seguinte foron na procura de Ladislao. O rapaz resultara ferido e saltara da camioneta cando volvían a Cangas cos asasinados. Primeiro foi cara a Aldán, á casa dun tío que non quixo comprometerse e non o axudou. Desde alí foi cara ao monte de Subrido do Hío onde o rodearon 14 falanxistas. Levárono á casa de sinais, torturárono salvaxemente a “alli lo mataron a bayoneta, teniendo a menos de gastar pólvora, pues el pobre muchacho les pedía por todos los seres que ellos más querían que lo dejasen o que le dieran un tiro y ellos riéndose de la barbarie le dicen que para los de las ideas rojas no había perdón, luego que lo espedazaron lo tiraron entre las peñas de la costa, donde bañaba el cadáver el agua del mar” (segundo o estremecedor testemuño que deixou escrito para a historia o seu pai, Francisco Ferreiro Budiño).
Para as familias dos desaparecidos comezou daquela o tempo da anguria, da desesperación. A procura dos corpos nos cemiterios, nos lugares onde se oficiaba o terror. Se a morte, o asasinato dun ser querido é motivo de dor, canto máis saber do crime e non ter sequera un corpo para enterrar, un lugar onde levar as flores e as bágoas.
O venres 9 de outubro, 40 días despois de seren fondeados, a manobra dun barco fixo que saisen a flote os corpos de cinco dos asasinados de Anguieiro. As familias achegáronse á ribeira para identificar os cadáveres. Eran Antonio Ferreiro Núñez, Normandino Núñez Martínez, Daniel González Graña, Antonio Blanco Rodal e José Martínez Pazó. A morte foi inscrita no rexistro municipal con unha lenda ignominiosa: “morte registrada en Cangas a causa de hemorragia interna por herida de guerra”.


Fontes

Xerardo Dasairas: Memorias da II República en Cangas, Ediciós do Castro, 2002

Antonio Nores e Iago Castroviejo:”Mortos, presos, fuxidos e desertores en Cangas na retagarda”, A represión franquista en Galicia, Actas do Congreso da Memoria, 2005.

Antonio Nores e Iago Castroviejo: A Alianza Mariñeira de Cangas 1914-1936. No centenario da súa Fundación, Asociación Memoria Histórica 28 de agosto, Cangas, 2014.

Francisco Ferreiro Budiño: escrito sobre a morte dos seus fillos Antonio e Ladislao
Web e entrevistas do proxecto Nomes e voces
 

sábado, 26 de decembro de 2015

VOLVER DO MAR II Fraternidad Marinera de Moaña


O 24 de xullo de 1936 os militares apropiáronse do local do sindicato Fraternidad Marinera de Moaña e entregáronllo á Falanxe. O que fora espazo de loita e compromiso pola causa dos traballadores do mar, convertiuse en prisión e lugar de humilación e tortura. Os falanxistas destrozaron o emblema do sindicato –a representación dun traballador loitando contra o dragón da fame-, saquearon o edificio, levaron mobles, bandeiras e libros e queimáronos nunha fogueira.
O edificio da Seara convertiuse en cuartel da Falanxe. Alí instalouse un tribunal das forzas vivas moañesas que sinalaban as vítimas do terror. Os homes encarcerados, sometidos a malleiras e vexacións. Obrigados a traballar nas reformas da casa do sindicato e na ampliación do cemiterio municipal. As mulleres rapadas, obrigadas a desfilar arredor do local despois de facerlles beber aceite de ricino. Obrigadas a cantar cancións fascistas, a berrar Arriba España, entre bágoas e vómitos e as burlas dos torturadores. Mulleres comprometidas coa República e a liberdade, e tamén nais, esposas, irmás... aldraxadas e violadas. A José Saavedra Sartié, que andara fuxido, detivérono e levárono a Marín. Antes conducírono ao antigo local da Fraternidad e obrigárono a borrar coas unllas a lenda gravada na parede: “Vale más morir para ser libre que vivir para ser esclavo”. Despois asasinárono vilmente e o seu corpo non apareceu nunca.


Local da Fraternidad Marinera incautado polos fascistas
Imaxe de 1939, do libro Moaña nos anos vermellos
Co tempo, habíase consumar a profanación daquela casa-símbolo do sindicalismo máis combativo. Nunha imaxe de 1939 a escenografía fascista preside o lugar: o crucifixo, o xugo e as flechas, os retratos de Franco e José Antonio, e as lendas Saludo a Franco e ¡Arriba España!

Mais a finais de xullo de 1936 o peor estaba por chegar. O terror instalouse nas casas, nas rúas, nas covas e nos montes de Moaña, de Meira, de Domaio e Tirán. Chegaron os comandos asasinos dirixidos por Bruno Schweiger, criminal de guerra nazi, secundado por falanxistas de Marín e por militares do Polígono Jaime Janer. Chegaron as visitas nocturnas ao local do sindicato e ás casas dos militantes de esquerdas. O roubo de bens, como o coche que lle confiscaron ao médico Luís Caamaño, cuñado do dirixente republicano Amancio Caamaño Cimadevila, asasinado na Caeira o 12 de novembro de 1936. Chegaron as ameazas, as malleiras e as extorsións. As propostas para vestir a camisa azul dos delatores e dos covardes. E os corpos que desaparecían nas augas frías e profundas da ría de Vigo, fronte á punta da Guía.

O primeiro que viñeron buscar foi Manuel Ríos Cancelas, directivo da Fraternidad Marinera. Seica estaba na listaxe que fixeran as forzas vivas de Moaña, acusado de participar na requisa de armas para defender a República. Xuntaron a uns vinte mozos e leváronos á praia de Domaio. A intervención da garda civil impediu o masacre mais non salvou a Manuel Ríos, cuxo corpo acribillado a balazos desapareceu para sempre nas augas do mar de Vigo o 15 de agosto do 36.
José Paz Pena
(Imaxe do libro Moaña nos anos vermellos)
A caza dos dirixentes cenetistas continuou nas semanas seguintes. Presionaron e torturaron as familias, vixiaron día e noite as casas, artellaron engados para que se confiasen e saísen dos agochos. Foi así como capturaron a José Paz Pena, presidente da Fraternidad Marinera e secretario do Sindicato de Industrias Pesqueras de Vigo-Bouzas (CNT). O veterano líder mariñeiro participara na resistencia armada en Lavadores e logo fora para Moaña, onde permaneceu agochado. Detido no mes de novembro xunto con Cándido Giráldez Coloret, foi trasladado á prisión viguesa do Frontón e sometido a malleiras e vexacións. Chegou a pedirlle á muller que lle levase comida envelenada, porque non podía aturar máis as torturas. Até que os asasinos de Bruno Schweiger os sacaron da cadea para levalos a Moaña, sometelos novamente a torturas antes de asasinalos no pesqueiro Ave sin Puerto e fondealos na ría con senllos pandullos atados ao pescozo. Disque o irmán de José, Manuel Paz Pena, tamén foi asasinado e o seu corpo tampouco apareceu.

Eugenio e Manuel Cancelas Corrales tamén procuraron agocho para fuxir do terror asasino. Mais a delación dun parente fixo que fosen detidos, torturados, asasinados e fondeados na ría en decembro do 36. Outros dirixentes esquerdistas de Moaña, Francisco González Ríos, José Ríos González, Francisco Fernández, José e Manuel Blanco Costa, José Paredes Piñeiro, José Riobó... tamén desapareceron para sempre. Os seus corpos tampouco voltaron dunha noite de terror e sangue. Dos asasinatos covardes nos cemiterios de Marín ou Bueu, ou na Cruz da Maceira, ou na travesía nocturna desde o porto de Domaio en dirección á Punta da Guía.
Tralos disparos fíxose o silencio, a noite. A dor dunha ausencia infinita para a muller de Saavedra, que estaba preñada. Para a muller de José Paz, sometida a aldraxes sen nome. Para Veneranda, a esposa de Manuel Cancelas. Para as nais, para os fillos, para as compañeiras. A anguria de non saber onde estaban os corpos, desaparecidos para sempre. E a humillación de non ter dereito a nada. Nin ao loito, nin ás bágoas, nin ao dó. Porque nin sequera eran viúvas, nin nais de fillos asasinados. Mais elas saben da dor das feridas, das cicatrices marcadas a ferro, da memoria proscrita, do silencio e do esquecemento. E da necesidade de lembrar, para que se volvan abrir as portas da casa do sindicato e entren con traxe novo outra vez os mariñeiros asolagados nas augas frías do mar de Vigo. Porque é de novo tempo de loita e fai falta a coraxe e a rabia, o compromiso e a entrega, a firmeza e a honestidade. Os ideais e os valores que ficaron aquí, que non conseguiron fondear...

 
Fontes

Xoán Miguel González/Xosé Carlos Villaverde: Moaña nos anos vermellos, Ediciós do Castro, 1999
Dionisio Pereira: Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), Xerais, 2010

Luís Pérez Álvarez: Memorias, Edicións Corsarias/Nomes e Voces, 2015

Agradecemento
Os estudos e investigacións sobre a represión en Moaña son posíbeis, en grande parte, grazas a testemuños como o de Luís Pérez Álvarez Nacidas e ao tesouro de entrevistas realizadas pola A.C. Nós e o Arquivo de Memoria Oral do Concello de Moaña (Departamento de Cultura).

 

sábado, 19 de decembro de 2015

VOLVER DO MAR I


Era unha rapaza miúda e regordeta, duns 18 anos. Vestía decote unha blusa vermella e un abrigo verde. Vivía cos pais nunha casa humilde da rúa do Pino e traballaba vendendo xornais na rúa do Príncipe, no portal da sociedade recreativa Gimnasio. Simpatizaba co partido socialista e gustaba de ir ás manifestacións e aos mítins, levar bandeiras nos desfiles do primeiro de maio, corear as consignas co puño erguido UHP UHP UHP... Vivía o feliz soño da primavera do 36, entre berros e sorrisos, cando aínda era posíbel a esperanza nas casas proletarias.
Cando o 20 de xullo chegaron os falanxistas e os militares rebeldes á Casa do Pobo de Vigo, seica saíu por unha fiestra e procurou agochos durante semanas. Nos últimos días de xullo e durante o mes de agosto sentiu todo o peso do terror que abalou a cidade, as novas que chegaban dos compañeiros asasinados en Alcabre e Lavadores, as torturas no Frontón, as violacións, as rapas. Sentiu o medo atravesarlle o corpo nas noites de insomnio, nas horas interminábeis de espera, de agonía.
Pasaron corenta días e tamén deron con ela. Fórona buscar á casa na que estaba agochada. Levaron preso o pai, que era ferroviario. A ela levárona ao cuartel da Falanxe, nun coche escuro, entre insultos e ameazas. Aqueles rapaces de boa familia burguesa, valentes de alcool e de odio, ensañáronse coa rapaza que vían portando bandeiras vermellas nas manifestacións. Coa moza que berraba consignas revolucionarias e paseaba orgullosa os emblemas vermellos no corazón da cidade.
Conta a memoria do pobo que a raparon e que a violaron. Que a someteron a horas de humillación, de burlas, de violencia covarde. Que a asasinaron e a mutilaron salvaxemente, que lle cortaron os peitos. E que para ocultar aquel crime horrendo, trasladaron o corpo nun barco e fondeárono amarrado a unha prancha de ferro nas proximidades das illas Cíes.
Castelao: "No fondo do mar"
Estampa da serie Atila en Galicia, 1937
O corpo de Rosario Hernández Diéguez A Calesa nunca voltou do mar. Nunca voltou daquela noite de infamia, daquelas augas frías, fermosas e profundas. A súa familia non tivo dereito ás bágoas, a unha tumba no cemiterio, a unha lápida onde depositar flores. Porque na inmensa foxa común que foi a ría de Vigo non houbo lápidas, nin flores, nin bágoas. Só ducias de cadáveres mutilados, acribillados, sepultados no fondo do mar amarrados a pandullos, a parrillas das conserva, a pranchas de ferro. Só o silencio interminábel da morte, a escuridade, a friaxe.
O corpo de Rosario Hernández Diéguez A Calesa nunca voltou. Mais agora é tempo de retorno para o seu nome. É tempo de memoria e de xustiza. É tempo de celebrar a alegría daquela rapaza de familia humilde, de facer ondear de novo as bandeiras vermellas, os símbolos da liberdade. É tempo de derrubar os emblemas da opresión, os nomes que lembran a inxustiza, as cruces que celebran a barbarie. É tempo de levar flores ao mar de Vigo, ao mar das Cíes. Pola Calesa e por todos os corpos que nunca voltaron.

Fontes
Xoán Carlos Abad Gallego: Cen personaxes en torno a unha guerra. A República e a Guerra Civil na comarca de Vigo através dos seus protagonistas, Instituto de Estudios Vigueses, 2008.

Antonio Giráldez Lomba: Tres nombres en el recuerdo de Vigo hace sesenta años: “El Comandante”, “El Rabioso” y “La Calesa”, Glaucopis, 5, 1999.