xoves, 23 de outubro de 2014

Figueirido


Carmen tiña 11 anos cando foi por primeira vez ao Lazareto. Leváballe comida e roupa ao seu curmán, o mestre Manuel Ruzo Boullosa, preso político na illa. Manuel era mestre en Rodís (Lalín) e no verán do 36 refuxiouse en Figueirido. Antes de ser detido, procesado e depurado, tivo tempo de identificar, na Volta da Tioira, os corpos mutilados de dous mestres amigos seus. Na illa tamén estaba naquel tempo recluído o veciño de Salcedo Manuel Farto Montes, co que Carmen acabaría casando dez anos despois.

A familia de Carmen tiña unha taberna, “El Sol”, na encrucillada da estrada que sobe de Figuerido ao Cuartel e ao Lago Castiñeiras. “El Sol” era lugar de parada e comida dos militares. Era tamén lugar de paso obrigado para as reas de presos que chegaban en vagóns de gando á estaciónde Figueirido e eran trasladados a pé, en fileira de un e atados entre si, ao longo de 2 km até ao cuartel habilitado como cárcere.

A partir de 1937, cando o cuartel de Figueirido se transformou en centro de reclusión de presos políticos, chegaron dúcias de mulleres asturianas que se trasladaron ás proximidades da prisión e que vivían alugadas en casas particulares de Figueirido, Postemirón ou Salcedo. Periodicamente, achegábanse á prisión para levarlle roupa e comida aos seus parentes e a outros reclusos coñecidos. As familias que non puideron trasladarse buscaban axuda nas mulleres da contorna, que se convertiron en madriñas dos presos.

Carmen comezou a ir á prisión en 1940, con 16 anos. Tamén ían Zulema, Isabel e Elba Boullosa, da Casa Riestra, a outra taberna da localidade. Xunto con outras moitas mulleres, ao lado do cura da parroquia, don Jesús, compuxeron páxinas de xenerosidade e amor sen límites naquel espazo de terror e morte que se pretendeu borrar nas néboas do tempo. 

Mais hoxe voltan as voces que nos falan para que non triunfe o esquecemento imposto. Voces que falan da fame, da enfermidade, da loucura, da morte. Historias de miseria, de horror e de heroísmo nas paredes frías dun cuartel militar que hoxe oculta a súa faciana de lugar do terror fascista. Hai aínda moitas historias por escribir, moitas vidas por contar. Tamén as historias de amor que floreceron entre os muros da prisión, coma a do preso asturiano Fernando Gurrea, que casou coa veciña de Paredes Enedina Conde, filla de Emilio e Pepa do Tombo. Ou a de Elba Boullosa, que coñeceu no cuartel ao preso Manuel Cortizo, de Bueu, co que tamén acabaría casando.

Son só unha pequena parte do interminábel libro do esquecemento, que paseniñamente imos compoñendo con retallos da memoria rescatada. Mais o relato non será completo mentres non se honren unha a unha as vítimas do terror fascista en Figueirido, mentres non se recoñezan os crimes, e mentres unha lousa de silencio oficial siga a ocultar a verdadeira historia do cuartel militar.

PD. Na memoria dos presos do cuartel de Figueirido, das familias que se trasladaron a vivir nos arredores, e dos homes e mulleres da contorna que lles axudaron. Para a familia de Enedina Conde, que os seus 100 anos vive en Venezuela privada do recordo. E para Mercedes Farto Acuña, filla daquela moza, Carmen Acuña Boullosa, que entrou por primeira vez con 16 anos no cuartel de Figueirido e que non quixo esquecer. Mercedes Farto participou o domingo 22 de xuño no acto que o colectivo A Regaduxa organizou en Postemirón sobre a prisión franquista de Figueirido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario