mércores, 20 de xullo de 2016

ASASINAR A REPÚBLICA


Hai imaxes que resumen o relato xenocida do fascismo de Galiza. A vontade de destrución, de aniquilación do contrario, de dominación mediante o terror. Son imaxes que contradin versións da historia que falan de Galiza como un territorio conquistado, sometido sen resistencia, no que houbo desde o primeiro momento unha adhesión entusiasta ao novo rexime. A realidade é moi distinta. A Galiza republicana e galeguista foi arrasada polo fascismo. Miles de persoas foron asasinadas nos meses que seguiron ao 20 de xullo, data en que os militares se levantan no noso país contra a República. A maioría eran dirixentes políticos e sindicais, militantes de partidos de esquerda, cuxas vidas e nomes agardan aínda no silencio da Historia. Tamén foron asasinados destacados dirixentes políticos, entre eles os catro gobernadores provinciais e os alcaldes de Coruña, Vigo e Ferrol. Foron vítimas da barbarie fascista altos cargos militares que permaneceron fieis á República ou cando menos non se sumaron ao levantamento. As mulleres de ideais de esquerdas e as que tiñan relación de parentesco con militantes republicanos foron perseguidas con saña: asasinadas, torturadas, encarceradas, e sometidas a agresións sexuais e a castigos e vexacións como a rapa do cabelo.

A fotografía corresponde á celebración nos Cantóns da Coruña do quinto aniversario da proclamación da República, o 14 de abril de 1936, presidida polo gobernador civil, o xoven avogado Francisco Pérez Carballo, de 25 anos, militante de Izquierda Republicana, á dereita na fotografía. Acompáñano no estrado, de esquerda a dereita: Alfredo Suárez Ferrín, alcalde da cidade, militante de Unión Republicana; o Xeneral de División Enrique Salcedo Molinuevo, xefe da VIII División Orgánica (Galiza, Asturias e León); Juana Capdevielle, de 26 anos, bibliotecaria, esposa do gobernador civil desde marzo dese mesmo ano. Situado detrás da parella, con barba, o xeneral Rogelio Caridad Pita, gobernador militar de Coruña e xefe da 15ª Brigada de Infantería.
Os cinco foron asasinados despois do 20 de xullo de 1936, nunha secuencia de 4 meses. Francisco Pérez Carballo, que levaba catro meses no cargo, foi fusilado o 25 de xullo. A súa muller, Juana Capdevielle, foi secuestrada, torturada e asasinada en Rábade (Lugo), o 18 de agosto. O 30 do mesmo mes era acribillado no Campo da Rata o alcalde da cidade, Alfredo Suárez Ferrín. Os militares Enrique Salcedo e Rogelio Caridad Pita serían sometidos a senllos consellos de guerra e fusilados no castillo de San Felipe o 9 de novembro de 1936.
Foi así como se instaurou o terror. Para miles de persoas comezou o tempo da dor, do silencio, da ausencia, do espolio, da carraxe. Para outras foi o momento das celebracións, dos desfiles, dos cánticos. O tempo da victoria tinxida de sangue e de odio.