sábado, 13 de decembro de 2014

LOLA RODAL: A PAIXÓN DA MEMORIA RESISTENTE

Para Lola Rodal, que estará sempre con nós na palabra, nos ademáns, no exemplo de compromiso e de loita. Na memoria sempre (1-11-2016)



O 11 de agosto de 1936 un coche escuro chegou  a Cangas de madrugada. Dentro, un grupo de falanxistas levaba detida a Carmen Pesqueira, A Capirota. Viñan de Marín. Tamén ía no coche un garda civil de Cangas chamado Marcial, “alto, forte, guapo... a admiración de todas as chavalas”.
O coche detívose perto da casa de Lola Blanco, presidenta do sindicato de atadeiras “La Reivindicadora”. O home de Lola, José Rodal, estaba preso no cuartelillo e un fillo, Ángel Rodal Blanco, estaba no mar, andaba á ardora. Eran as dúas e media da mañá. Chamaron á porta e dixéronlle que tiña que ir con eles facer unha declaración. Na casa quedaron as dúas fillas pequenas, Lola Rodal, de 15 anos, e a súa irmá, de 13.

Lola Blanco e José Rodal
Subiron ao coche a Lola Blanco, presidenta do Sindicato de Atadeiras, de 51 anos. Levaba posto un camisón e un mandil por riba. Mentres se dirixían cara a Marín, os falanxistas comezaron a mofarse dela, a dicirlle obscenidades, a intimidala. Ela choraba polas súas fillas e colleulle a man a Marcial, que o coñecía de Cangas. Cando chegaron a Mogor o coche detívose na escuridade da noite. Facía calor aquel verán de 1936. Apagaron as luces do coche. Un grupo de falanxistas levou á Capirota cara ao lado dereito da estrada. Marcial colleu a Lola (“Non chore, señora”) e levouna cara á esquerda, en dirección ao mar. Mentres camiñaban na escuridade sentiron o disparo que matou a Carmen Pesqueira a Capirota. O ruído das pistolas outra vez, naquela noite e naquela impunidade.


O intento de asasinato de Lola Blanco, na prensa
Despois Lola sentiu o tiro da pistola ("Non chore, señora") e caiu ao chan. Cando volveu en si tiña o brazo cheo de sangue mais tivo forzas para atalo cun anaco do mandil e camiñou cara a Marín, percorreu durante cinco días os montes e as casas nas que lle deron acubillo e chegou a Coiro e alí avisaron a familia e foron buscala.
A traxedia dos Rodal e os Blanco de Cangas acababa de comezar naquela noite de agosto de 1936. Pagaron un prezo moi alto por seren republicanos e de esquerdas e por defenderen os dereitos da súa clase. Lola Blanco Montes foi xulgada en Pontevedra e condenada a 12 anos e un día. Pasou 5 interminábeis anos de dor e de silencio na prisión de Pontevedra e no cárcere de mulleres de Saturrarán. O home de Lola, José Rodal Lanzós, “O Marrixo”,  de 52 anos, directivo da Alianza Marinera, foi detido en Cangas en xullo de 1936. Xulgado en Pontevedra por “rebelión militar”, foi condenado a cadena perpetua. Estivo catro anos nos cárceres de Pontevedra, San Simón e San Cristóbal. O fillo máis vello, José Rodal Blanco, combateu na armada republicana e ao final da guerra pasou a Túnez, estivo recluido no campo de concentración de Bizerta e máis tarde exilouse en Francia. Nunca máis voltou a Galiza. Ángel Rodal Blanco, mariñeiro de 20 anos, foi detido xunto con outros membros da familia porque o seu irmán desertara do exército. O 5 de abril de 1937 sacárono de madrugada da prisión de Vigo e o seu corpo apareceu tirado no lugar de Piñeiro do Foxo, en Xinzo (Ponteareas).


Lola Rodal Blanco
Mentres os pais estaban presos, Lola Rodal Blanco e a súa irmá pasaron un inferno de humillación e de dor. E despois tamén, a interminábel travesía do insulto, do silencio, da exclusión. Pero non a travesía da culpa, porque ela e a súa irmá sempre souberon que a causa dos seus era xusta e que toda a vida terían que defendela. Lola Rodal é un monumento vivo da memoria de Galiza. Da memoria orgullosa e resistente. Da firmeza para loitar contra o esquecemento e da coraxe para nomear os asasinos. Lola Rodal, memoria lúcida e rebelde, muller luminosa, muller xenerosa, trazando coas súas palabras o camiño da loita pola verdade, pola liberdade.

PS Conta a memoria popular que aquel garda civil que lle salvou a vida a Lola Blanco quedou tan impresionado por aquela noite de terror e sangue que nunca máis foi a mesma persoa. Nunca puido superar o trauma... E a voz e os recordos de Lola Rodal Blanco, aos seus 95 anos, vanse apagando. Mais está con nós nas gravacións, nos discursos, nos ademáns, no exemplo do compromiso e da loita. Para sempre.


4 comentarios:

  1. Pero un, moitas veces, cando sabe isto non sabe que facer.
    Memoria tense que escribir sempre con maiusculas

    ResponderEliminar
  2. Gracias por este blog.
    Perdón por escribir en castellano, pero no soy gallega.
    Mi tío-abuelo fue mestre republicano en Coiro, donde lo asesinaron.
    Estuve hace unas semanas en el homenaxe que se hizo en Cangas.
    La voz de Lola sigue viva en todos nosotros.
    Verdade e xustiza

    ResponderEliminar
  3. Muchas gracias por este blog.
    Perdón por escribir en castellano, pero no soy gallega.
    Mi tío-abuelo fue mestre republicano en Coiro, donde lo asesinaron.
    Estuve hace unas semanas en el homenaxe de Cangas.
    La voz de Lola sigue viva en nosotros.
    Verdade e xustiza

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Muchas gracias por tus palabras, Elisa. Estuve también en el homenaje y escuché tu testimonio lleno de emoción. ¿Tu tío abuelo era Vicente Sáez Ruíz,maestro de Coiro, asesinado en un "raposa" del Lazareto de San Simón el 5 de diciembre de 1936?

      Eliminar