sábado, 25 de abril de 2015

JOSEFA BARREIRO E O PAN DA XUSTIZA


Para Dionisio Pereira, construtor da memoria luminosa, resistente

Mataron a Josefa!!! Mataron a Josefa!!!
A  nova percorreu toda Vilagarcía, chegou a Trabanca, á Torre, ao Ramal, a Carril nas primeiras horas da mañá do 19 de marzo de 1937. Era o día da súa onomástica e a súa irmá Amelia preparara un almorzo especial para levarllo ao cárcere habilitado no Ramal. Mais ese día, ás 7 da mañá un pelotón de fusilamento arrebatoulle a vida a Josefa Barreiro. Contan que  a tiveron que sentar nunha cadeira para fusilala, porque non se tiña en pé das malleiras e das aldraxes que sufrira desde que a detiveron tres días antes, o 16 de marzo.

Josefa Barreiro cos seus fillos Julio, no colo,
e Valentín (Arquivo de Margarita Teijeiro)
Ese día a garda civil e os falanxistas foron á casa de Josefa, na Torre, porque recibiran por unha confidencia a información de que se agochaba alí Urbano Tarrío, veciño de Rubiáns, de 26 anos, xornaleiro e militante da CNT. As tropas rodearon a casa e tras un tiroteo sacaron o corpo sen vida do home, acribillado a balazos. E pouco despois saíu ela, desafiante na súa beleza, elegante e fermosa, vestindo un abrigo cor tella e con unha gardenia na lapela. Era no tempo do millo...

Josefa Barreiro traballaba de xornaleira e servindo nunha casa do Ramal. Militaba na CNT coma a tía do seu home, Otilia Tobío, que fora quen lle pedira que agochara a Urbano. Tiña 26 anos e dous fillos, Valentín de 6 anos e Julio, de 4. Dous nenos fermosos e felices que medraban naquela Vilagarcia chea de luz e de horizontes abertos até que a noite o ocupou todo no verán de 1936.
Josefa Barreiro non tivo dereito a un proceso, a un xuízo, a unha defensa ainda que fora en simulacro macabro e fraudulento. Os funcionarios do fascismo escribiron en prosa fría que fora “executada por orde da autoridade militar por estar incursa nos bandos de guerra”. Hoxe sabemos que foi torturada e aldraxada no cuartel do Ramal, e que foi executada por un pelotón militar nas Carolinas ás 7 da mañá do 19 de marzo de 1937. E sabemos tamén quen deu a orde daquel crime infame: o comandante militar de Pontevedra Joaquín Velarde Velarde, responsábel máximo do xenocidio na provincia.
Josefa Barreiro non tivo dereito a unha tumba, a unha lápida, a unha despedida. Foi enterrada nunha foxa anónima no cemiterio municipal de Vilagarcía. Os seus fillos non tiveron dereito a chorar, non tiveron dereito a saber da nai, de todo o que pensou e sufriu por eles nas últimas horas de insomnio e amargura. Só tiveron apenas dereito a vivir aquela vida escura, aquela infancia de xoguetes rotos, na cidade en penumbra, rodeados de mágoa e de compaixón, na dor interminábel por unha nai ausente e por un pai encarcerado. Mais estaba alí Otilia, muller valente, combatente e coraxosa, que os levou a Bilbo nos anos 40, nunha estadía previa ao exilio definitivo co pai en Francia.

Josefa Barreiro ficou aquí, recluída no esquecemento dunha tumba anónima. Ficou aquí, no buraco negro da historia, no silencio abafante dos anos e os días. Asasinárona por ser muller e colaborar cos fuxidos. Por facer do seu fogar a casa refuxio dos perseguidos. Polo seu compromiso republicano e anarquista. Os axentes do terror falanxista non podían consentir tal cousa. Por iso hoxe reivindicamos a memoria de Josefa Barreiro, a memoria de Otilia Tobío e de todas as mulleres que foron coma elas, insubmisas e rebeldes; e que por iso foron perseguidas, encarceradas, aldraxadas e asasinadas. Para que a súa lembranza permaneza viva para sempre e nos alimente co seu pan da xustiza, coa luz da vida solidaria.

Agradecementos:
A Margarita Teijeiro, polo compromiso incesante coa memoria das vítimas do terror franquista en Vilagarcía. Grazas á súa xenerosa axuda foi posíbel escribir este artigo.

A Montse Fajardo, por sacar á luz a historia da cidade resistente, da cidade combatente, en páxinas cheas de sensibilidade e amor pola xustiza.

2 comentarios:

  1. O omnipresente, cando se fala de represión, comandante da Guardia Civil Joaquín Velarde Velarde, organizador da Guardia Cívica pontevedresa, o que asina nos partes dos asasinados por "intento de fuga"... Ata fai pouco ninguén o nomeaba e hai que facelo.

    ResponderEliminar
  2. Buenas noches,

    Soy estudiante de periodismo en la facultad de Santiago de Compostela. Estoy realizando un proyecto en relación las mujeres víctimas del franquismo en la provincia de Pontevedra y me topé con su blog. Me gustaría ponerme en contacto con usted.

    Mi correo es saravieitez94@gmail.com

    gracias por su atención.

    att:

    Sara Viéitez Otero

    ResponderEliminar