domingo, 2 de agosto de 2015

A CASA SOLIDARIA DA PORTELA (I)

Para Faustino da Portela e para todas as persoas que fixeron da solidariedade unha norma de vida

Faustino Otero Beloso, Faustino da Portela, naceu o 2 de agosto de 1891. De rapaz ía ás sollas e aos bojóns co seu pai e así foi aprendendo todos os segredos daquel mar interior, desde a Boca da Ría e Os Cobres até Rande, A Portela e Cesantes.

Libreta de mariñeiro de Faustino Otero

Co tempo, Faustino complementou o traballo de mariñeiro co transporte de persoas e mercadorias entre San Adrián dos Cobres e Redondela. Tiña un galeón, O Bedrines, dedicado ao transporte, e unha buceta, A Lola, que utilizaba para a pesca. O seu fillo Faustino Otero Lino, nado en 1913, acompañouno desde moi novo nas travesías da ría e nas noites das sollas e bojóns.
Cando en outubro de 1936 se habilitou o antigo Lazareto de San Simón como prisión, Faustino Otero Beloso e o seu fillo encargáronse do transporte de víveres á illa. Mais non só levaban os encargos dos administradores da prisión. Aqueles homes e as mulleres da casa protagonizaron unha historia de solidariedade que acendeu unha luz de esperanza no horror daquel tempo de infamia.
Pola casa da Portela pasaban os paquetes de comida e roupa que enviaban as familias dos presos que vivían máis lonxe, no Pais Basco e Cantabria. Contan que Faustino repartía as pertenzas dos que máis tiñan cos presos máis necesitados. E na casa da Portela organizouse a maior rede solidaria de todos os cárceres galegos: unha rede de bolsas que cosían Bernardina Lino, a muller de Faustino, e as súas fillas Teresa e Lola, e que recollían as mulleres de Redondela e Cesantes para lavar a roupa dos presos do Lazareto. E para mandarlles cartas e alimento e agarimo a aqueles homes exhaustos, derrotados, aillados, afastados das súas casas e das súas familias, recluídos naquela “illa dos amores, para a morte confiscada”.

Faustino Otero na casa da Portela
A partir de outubro de 1938, Faustino tamén foi o encargado do abastecemento do Upo Mendi, o barco prisión fondeado na ría, entre o Lazareto e a Portela. Os case mil presos barcos e cántabros que malvivían nas adegas daquela prisión inmunda sobreviviron a aquel horror grazas á solidariedade da casa da Portela e á de moitas familias de Redondela. Coma a de Ernestina Otero, na que lavaban a roupa e recollían comida para os presos e mesmo organizaron unha actuación do coro do barco en Redondela e un xantar na súa honra. http://nondesaesquecemento.blogspot.com.es/2014/12/as-actas-da-dignidade-as-mulleres-da.html
Porque naquel tempo as cantigas eran unha maneira de devolver as atencións, eran coma unha ofrenda de amizade daqueles homes que pagaban con cancións e con caixas e xoguetes tallados en madeira as mostras de xenerosidade:

       Upo Mendi cacharrito arruinado

        que no vales para nada

        Yo paso la vida a flote

        sentado en mi camarote

        sin poderme distraer

        Veo venir a Faustino

        con la comida sin vino

        para poderla tragar...
 
Os homes que sobrevivían na escuridade e na miseria das adegas daquel barco, infestado de pulgas e ratas e piollos, coñeceron a grandeza daquelas xentes honestas e xenerosas, a grandeza daquela casa humilde da Portela na que se concentrou a solidariedade das terras todas de arredor. A casa á que chegaron tamén os falanxistas no verán do 36, Josesito e os seus secuaces, que foron á casa de Faustino buscar as moedas de prata que el se negou a entregar. E foi talvez a partir dese día cando soubo de que lado tiña que estar, cando soubo da inxustiza, dos abusos e do terror co que tería que convivir: as noites da “raposa”, cando sacaban os presos camiño dunha curva e soaban os disparos no escuro, contra Soutoxusto ou a Concheira; as noites das motoras rumbo á Boca da Ría, onde fondeaban os corpos que o mar nunca devolveu.

A partir daquel verán, Faustino da Portela, a súa muller Bernardina Lino, as súas fillas Lola, Teresa, Estrella, Carmela, os seus fillos Faustino, Fernando e Ramón, convertiron a súa casa no epicentro dunha historia de coraxe e solidariedade que enche de luz, coma unha victoria póstuma e definitiva, todos os días de terror, todos os días de infamia a bordo da illa e do Upo Mendi.


Fontes

- Entrevista a Mariló e Rosa Otero, netas de Faustino da Portela (febreiro de 2015)
- Entrevista a Carmela Otero Lino, filla de Faustino e Bernardina (febreiro de 2015)
- Gonzalo Amoedo e Roberto Gil Moure: Redondela, crónica dun tempo pasado, Ediciós do Castro, 2002.

A miña gratitude a María Varela, que me levou até a memoria viva das mulleres da casa da Portela.
 

2 comentarios:

  1. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  2. un honor a mi tataraabuelo y mi bisabuelo dios los tenga en un buen lugar..

    ResponderEliminar