xoves, 18 de agosto de 2016


A GALIZA QUE PUIDO SER E A GALIZA DO PORVIR

 

A nao do futuro galego en que nos embarcou o noso amor á Terra, empulada polo noso fervo patriótico e pola nosa firme decisión, chegará felizmente pese a todalas treboadas. Chegará porque rema con ela a nosa espranza, inzan as súas velas os nosos azos redobrados a cada dificultade e vai de timonel a nosa fe consciente do seu deber
Alexandre Bóveda
 
O 28 de abril de 1936 constitúese en Vigo unha sociedade mercantil destinada á elaboración de produtos farmacéuticos, o Instituto Bioquímico Miguel Servet. O promotor desta iniciativa científica e empresarial foi o médico Ramón Obella, militante do Partido Galeguista. Entre os socios fundadores figura Alexandre Bóveda, o mozo que con 26 anos funda e dirixe a caixa de aforros de Pontevedra e con 28 o Partido Galeguista.
O Instituto Miguel Servet é, como Alexandre, un símbolo da Galiza que puido ser. Da Galiza que estaba nacendo na primavera do 36. Froito do pulo transformador daquel tempo de esperanza, o tempo das utopías e dos soños. O tempo dos proxectos e das realizacións. O tempo das Irmandades, do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista. Forza de tracción e de transformación, vangarda da Galiza que puido ser.
Despois de xullo do 36, Ramón Obella foxe a Portugal e crea a empresa Zeltia, que se convertíria cos anos, desde aquí, nun emporio farmacéutico internacional, innovador e punteiro, con selos e patentes que xeraron riqueza e salvaron vidas... Hoxe Zeltia xa non é unha empresa galega mais a súa historia ten tamén moito que ver coa Galiza que puido ser.
O Instituto Miguel Servet e Zeltia son froitos da paixón dunha xeración que cría no potencial de Galiza, que imaxinou o futuro e fixo realidade os soños. Ata onde lles deixaron
Porque o fascismo destruiu grande parte daqueles anceios tranformadores. Asasinou as arelas de modernidade e de xustiza, de traballo e prosperidade que levaban no corazón Alexandre Bóveda e Victor Casas, Ánxel Casal e Xohan Carballeira. Cando Galiza se miraba no espello das nacións máis avanzadas de Europa.
Hoxe é un día de lembranza desa Galiza Mártir, masacrada nas cunetas, encerrada nos cárceres, enterrada nos sotos; recluida nos recintos da loucura e do pesadelo; perseguida con saña. É un día de recordo dos homes e mulleres desaparecidos no silencio da Historia oficial.
É día de Memoria, porque non se pode erguer un país sobre o esquecemento, sobre a ocultación do pasado. Sobre a derrota da humanidade e da democracia. Non se pode erguer nada novo sobre a ruína moral, sobre o ermo ético, sobre o sometemento, sobre o olvido.
Milleiros de persoas asasinadas por defenderen a democracia e a liberdade agardan en gavias e tumbas anónimas, e no fondo das rías, que se faga xustiza. Que se saiba a Verdade. E milleiros de homes e mulleres anónimos, condenados no silencio do franquismo e no esquecemento da monarquía parlamentaria, agardan que a historia os faga visíbeis.
Hoxe é un día de Memoria e de Orgullo. De celebración da Galiza resistente, da Galiza combatente. De lembrar que nos deixaron un inxente legado. A herdanza da dignidade e da xenerosidade. Da loita e da coraxe. Da resistencia e da rabia. Da dor e do amor.
Que nos deixaron un país por construir, unha avinza de soños e de esperanza, anceios de xustiza e prosperidade, a Galiza que estaba nacendo, a que puido ser.
Hoxe é tempo de soñar e de crear. De construir un país novo, avanzado, moderno, igualitario. A terra da xustiza social, da solidariedade e da equidade.
María Miramontes
É tempo de mudar o rumbo, de trazar o plano da Galiza do porvir, como querían eles, Alexandre e Amalia. E Victor Casas. E Casal. E María Miramontes, a muller que teceu unha patria coas súas mans de costureira. E as mulleres das Irmandades, as do tempo adverso.
Esa é a mellor homenaxe. Un programa político ambicioso, que poña a Galiza no mapa, entre as nacións máis avanzadas de Europa. Construír ese horizonte de esperanza e de futuro é a razón de ser do nacionalismo, e esa vai seguir sendo a nosa tarefa. Porque non estamos derrotados nin vencidos. Nin vencidos nin vendidos. Estamos en pé, dispostos, preparadas para a loita.
Preparadas para o combate de erguer un pais de terras fértiles, de rías limpas e produtivas. De montes ben xestionados, con diversidade de usos, con vida, protexidos da rapina, do expolio, do lume, da peste do eucalito e de ENCE. 
Un país a pleno rendimento. Con asteleiros coas gradas cheas. Construindo barcos no canto de desfacelos a base de subvencións europeas.
Un pais con banco de terras e banca propia, pública, comprometida co tecido produtivo, a innovación e o desenvolvemento.
Un país coa enerxía do vento e do talento. Da afouteza e da coraxe. Da investigación, do coñecemento, da innovación. A patria da xenómica, da biomedicina, da enxeñaría espacial, da acuicultura... Da ciencia e da conciencia da que naceron Zeltia e mil empresas máis.
Un país que non se rende, que mira lonxe, que quere ser protagonista do seu futuro.
Unha Galiza capaz, valente, ambiciosa, dona de si, coas ás ceibes para voar.
Unha nación como espazo da convivencia e da xustiza, da equidade, do benestar. Da vida digna. Porque non hai mellor política social que a que aposta por poñer o país a producir, por desenvolver todo o seu potencial, por crear riqueza e emprego de calidade e por garantir desde o público servizos e dereitos para toda a poboación.
Un país grande, que non cabe no marco estreito das normas legais. As nosas arelas de transformación, progreso e benestar para Galiza non caben nin no legalismo constitucional  nin no autonomismo sano y bien entendido que santifican outras forzas políticas que se din de esquerdas.
Esta constitución, por certo, é a norma que impón os dogmas do capitalismo depredador: o teito de gasto e o déficit cero, unha modificación acordada polo PP e PSOE, que consagra a política de perda de dereitos e de destrución do público.
Porque ese marco legal é un corsé, un molde ríxido que impide o pleno desenvolvemento das nosas capacidades e potencialidades. Aspiramos a construir un novo marco político, no que Galiza teña un estatus diferente, no que gañe cotas de autogoberno e de capacidade para xestionar os seus recursos en beneficio da maioría.
Reividicamos hoxe esa nación valente, ambiciosa, rebelde, rabuda. Porque non é tempo de mansedume, de resignación, de submisión. É unha época de grandes desafíos que reclama altura de miras, coraxe, risco, atrevemento. E sobre todo orgullo e confianza en nós.
É tempo de soñar e de crear. De mirar atrás para chegar máis lonxe. De construir a Galiza do porvir coa semente da Galiza que puido ser.

Ningún comentario:

Publicar un comentario