mércores, 17 de xaneiro de 2018

NIEVES FARIZA ALONSO, SEMPRE ADIANTE

O 17 de xaneiro de 1911 nace en Cambados –onde o seu pai estaba destinado como garda civil- unha muller excepcional, Nieves Fariza Alonso. Filla de Teodora Alonso Ríos, irmá de Antón, pertence a unha familia republicana e galeguista con orixe en Silleda. A súa vida trascorre entre A Estrada, onde comeza a exercer como docente en 1933, Celanova e Ourense.

Mestra comprometida co ideal laico e igualitario da II República foi perseguida nos días posteriores ao golpe militar de xullo de 1936. Consegue fuxir da cadea e da morte á que a condenaran os falanxistas de Celanova e refúxiase na Estrada, na casa da súa nai. Foi depurada, desterrada en Burgos e finalmente encarcerada en Ourense. Grazas á coraxe da súa filla e o apoio do avogado Luís Pérez Cóleman consegue librarse do cárcere e pon en marcha –asociada con Pérez Cóleman- o Consultorio Xurídico Social “Adelante”, unha xestoría para tramitar demandas das viúvas dos operarios do ferrocarril falecidos pola silicose (“mal da vía”). Tamén xestionan con éxito compensacións económicas polos despramentos dos obreiros ao lugar de traballo.
Muller combativa, a súa vida foi unha loita constante contra un tempo de inxustizas e de falta de liberdade. A súa consigna vital foi a mesma que lle daba nome á empresa “Adiante”. Recuperou a súa praza como mestra e ao mesmo tempo, por libre, fixo as carreiras de Graduado Social e Dereito. Pouco a pouco a empresa abriu delegacións en Vigo, nas minas do Fontao, León e Asturias, onde se especializou na defensa laboral e xurídica dos mineiros.

Morreu en Ourense no ano 1975 deixando un xigantesco ronsel de coraxe, loita e compromiso.

Anuncio en El Emigrado, A Estrada 1933
El Pueblo Gallego, 1933


Fontes:

Prensa histórica
Entrevistas a José Emilio Martínez Fariza, fillo de Nieves Fariza
Rafael Cid: Carrilanos. Os túneles dun tempo, Xerais, 2005
Elena de Jesús Rodriguez: "Nieves Fariza", en Álbum de Mulleres
Elena de Jesús Rodríguez: Nieves Farza Alonso. Unha loita solitaria nun mundo de homes, concello de Ourense, 

Ningún comentario:

Publicar un comentario