sábado, 19 de marzo de 2016

A derradeira viaxe de Abraham Zbarsky


Don Abraham Zbarsky, prestixioso odontólogo con consulta en Pontevedra, na praza da Ferraría, consumía as horas de prisión no Lazareto xogando ao xadrez e maldicindo aos fascistas que tronzaran a vida da súa familia. Era unha persoa metódica, ríxida, rigorosa. Por baixo daquela expresión seria levaba gravada a dor pola morte do seu fillo Jacobo, asasinado no cuartel de artillaría de Pontevedra o 10 de agosto do 36. Levaba tatuada a tristeza compartida coa súa muller, Sofía Kuper, ferida tamén pola mágoa infinita daquela última carta escrita polo fillo (Os beso y abrazo a todos queridos, sobre todo a ti, madre.Tu hijo, que siempre te ha querido y te querrá mientras viva).
Abraham Zbarsky
de pé
A quen quixese oílo, don Abraham faláballe do fillo que estivera á fronte das milicias que defenderan a República no goberno civil de Pontevedra, o 20 de xullo do 36.  O fillo de 22 anos fusilado por facerlle fronte ao exército sublevado en armas. Don Abraham proclamaba unha e outra vez a inocencia daquel rapaz idealista e rebelde, comprometido desde moi novo co socialismo, que soñaba cun mundo máis xusto. E a súa vontade firme de resistir, de lembrar aquel crime, de agardar a derrota dos fascistas para denuncialos ante os tribunais.
O 23 de decembro de 1936 Abraham Zbarsky foi trasladado a Pontevedra para declarar na causa militar aberta contra el. Ademais de negar todas as acusacións, ademais de renegar daquel tribunal ilexítimo que pretendía xulgalo, proclamou unha vez máis a inxusta morte do seu fillo e súa intención de denunciar o caso perante os tribunais internacionais.
E logo dese último acto de carraxe, dese último aceno de coraxe e orgullo, foi conducido de novo ao Lazareto cos compañeiros do seu consello de guerra, que admiraban a dignidade daquel home de 54 anos, rexo, firme nas súas convicións, implacábel cos asasinos do seu fillo.
Poucos días despois chegou á illa a notificación do traslado a Ponte Caldelas dos presos Abraham Zbarsky Geller, Ángel Agra Mondragón e Emilio Vilas Davila. Era martes 29 de decembro e o oficio remitido desde o tribunal ordenaba trasladar os presos ao peirao de Santa Cristina dos Cobres (Vilaboa), onde serían recollidos pola garda civil. Cando a comitiva chegou a terra xa era de noite e non había ninguén agardando. Só o ruído do vento e a chuvia que batía con forza naqueles días finais de decembro. O oficial ao mando deu a orde de voltar á illa mais don Abraham negouse. E pouco despois chegou o comando da garda civil, que levaba ordes precisas do comandante Joaquín Velarde.
Comezaba a viaxe derradeira de Abraham Zbarsky. A viaxe última despois dunha longa andaina pola vida digna e comprometida. A viaxe derradeira atravesando aquel mapa de cicatrices, aquel territorio de dor e de sangue, os camiños sen luz, a cidade afastándose, o monte da Fracha, o vento zoando, a chuvia implacábel, os uniformes, a voz rexa berrando asasinos, os disparos.

Para saber máis

Este artigo foi posíbel polas información recollidas no blog Pontevedra nos anos do medo http://anosdomedo.blogspot.com.es/ , de Xosé Álvarez Castro, principalmente no artigo http://anosdomedo.blogspot.com.es/2009/02/outra-volta-sobre-abraham-zbarsky.HTML
Tamén foi de grande axuda o relato de Evaristo Mosquera, recollido no libro Catro anos a bordo dunha illa, ANT, 2006. A miña gratitude a ambos

Para complementar a historia da familia Zbarsky Kuper, ademais do blog Pontevedra nos anos do medo, pódese ler, en Non des a esquecemento a semblanza de Sofía Kuper, a muller de Abraham Zbarsky http://nondesaesquecemento.blogspot.com.es/2014/09/as-actas-do-terror-familia-zbarsky-kuper.HTML

Ningún comentario:

Publicar un comentario