domingo, 6 de marzo de 2016

Amalia Álvarez, que se namorou cantando

Avoa Amalia, fonda, agarimosa, intelixente e retranqueira
Que falar marabilloso! Que limpa mente!
Que ollar vivo, mouro e alegre!
Namoraches cantando
Viviches forte, enxeñosa...
entre sombras iluminadas por tempos sincopados
 
Ánxeles Cuña Bóveda


A Caeira era un lugar maldito, marcado no mapa de cicatrices da familia. As crianzas tiñan prohibido pasar da fonte da estrada de Campañó. Só ian ela e Cinta, camiñando desde a casa de Andurique, até o piñeiro tinxido de sangue. Facían as duas a travesía da dor e do espanto, no mes de agosto, no mes de novembro, para lembrar en silencio a Víctor e a Alexandre.
A fotografía fixérana nunha daquelas visitas. Era no tempo das bágoas, no tempo do sal. Cinta viaxaba en tren desde a Coruña e pasaba uns días na casa de Poio, en Andurique, a menos de un quilómetro do lugar prohibido para as crianzas. Pasaran talvez xa dez anos dos asasinatos e Cinta volvía invariábelmente a Pontevedra, a Poio, para visitar a Amalia, para ir á Caeira e a San Amaro. E as crianzas celebraban a chegada daquela muller miúda e doce e sabia, aquela muller que lles contaba contos e falaba baixo coa nai nun cuarto tamén infranqueábel, un cuarto e unhas palabras tamén prohibidas para as crianzas.
Aquel 17 de agosto dos anos 40 fixeron as dúas o camiño soas, desde a casa de Andurique ao km 1 da estrada de Campañó, até o piñeiro tinxido de dor. Amalia gustaba da fotografía, conservaba a cámara coa que fixera as fotos de Alexandre e as crianzas, e levouna con ela para fixar na memoria aquel lugar, aquela estampa, aquela dignidade de Cinta Rey, muller miúda e doce e garimosa, tocando o piñeiro. E foi talvez aquel día cando colleron as cascas que Amalia gardou nunha gaveta tamén prohibida para as crianzas, os anacos do piñeiro onde verteu tantas bágoas prohibidas, tanto sal, tanto amor.
Cascas do piñeiro gardadas por Amalia.
Imaxe tirada do libro Memorial da liberdade.
Represión e resistencia en Galiza 1936-1977
Naqueles días fraternos en que viña Cinta da Coruña, tamén ían as dúas ao cemiterio de San Amaro. Primeiro ao panteón de Josefina Arruti, onde trasladaran os restos do fillo de Cinta, Víctor Casas, asasinado no piñeiro da Caeira o 12 de novembro de 1936. E logo á tumba do home de Amalia, Alexandre Bóveda, asasinado no piñeiro da Caeira o 17 de agosto de 1936. Ían as dúas soas, enloitadas, silenciosas, ignorando as miradas esquivas, os murmurios, os acenos... Afogando a xenreira que sentían, a ira que lle nacera no peito a Amalia o día en que unha que tiña por amiga lle cuspira no velo do loito na rúa da Oliva e lle dixera Aí vai a muller dun asasino.
Un dezasete de agosto, nos anos 40, reuniunos a todos e faloulles do pai. Díxolles que non morrera, que o mataran por querer a Galiza, por defender o seu país. Que nunca cresen o que lles dixesen fóra, que o seu pai era un home bo. Contoulles que se namorou del cantando na Polifónica, daquel rapaz baixiño e serio que chegara de Ourense e falaba sempre galego. Que foron de viaxe de noivos a Portugal e viviron primeiro nunha casa do Burgo e en Pontevedra antes de trasladarse á casa de Poio, en Andurique. Que ían ver o futbol os domingos, ao campo do Eiriña. E que lle encantaban os paseos en barca polo Lérez. Que el lle falaba con entusiasmo das súas arelas de progreso e liberdade para Galiza, do pan e do traballo para a xente humilde, que quería un pais onde os nenos e as nenas puidesen vivir ledos coma os seus fillos, que os mozos non precisasen emigrar para vivir con dignidade.
Contoulles quen fora o seu pai, faloulles del cos ollos brillantes de bágoas e de orgullo mais non llo dixo todo. Non lles dixo que estivera no goberno civil até o último momento, defendendo a Galiza e a República. Que cando os militares xa tiñan tomada a cidade díxolles aos que estaban con el que fosen para a casa, que el ficaba alí para cumprir o seu deber. Que na última hora, na madrugada do 17 de agosto, no cárcere da escola normal, cando o acompañaban os amigos e familiares, era el quen os consolaba Sede valentes... Que a ela non a deixaron ir, que non puido despedirse del. Que o levaron esa noite nunha camioneta pola ponte da Barca e que desde alí puido ver, coas primeiras luces do mencer, a casa onde durmían os seus.
Despois daquel día non falou máis do que pasara. Gardou no fondo da gaveta as cascas do piñeiro, a foto de Cinta, a botella de viño do Porto que mercaran ela e Alexandre e que tiñan gardada para algunha celebración que non chegou. E no medio do silencio, das voces baixas e do tempo do sal e das prohibicións, mantivose en pé, con coraxe e orgullo, e seguiu facendo o camiño. A andaina da Caeira cando xa cortaran o piñeiro, cando xa non estaba Cinta. A andaina de San Amaro sen miradas cómplices e sen bágoas. O camiño da vida toda, enchendo o baleiro, levando con coraxe a bandeira polos dous. No monumento da Caeira, no da praza de Curros Enríquez. Nas homenaxes e celebracións que foron chegando, nas que foi feliz ainda que non puidese abrir aquela botella de viño do Porto. Cando talvez abriu a gaveta para coller o pano e levar con ela as cascas do piñeiro...
 
PS O 11 de decembro de 1999 Amalia Álvarez Gallego recibiu de mans do alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, a medalla de ouro da cidade e a distinción de fillo adoptivo, concedidas a Alexandre Bóveda a título póstumo. O pasado 10 de febreiro inaugurouse en Pontevedra o parque Amalia Álvarez, unha iniciativa xurdida ao abeiro do programa municipal "A memoria das mulleres".

1 comentario: