O home da barba longa debía andar preto dos 70 anos.
Levaba na man dereita unha pelota de goma, coa que facía exercicios para
fortalecer as articulacións. Seica lle quedara atrofiada nun dos traslados de prisión,
nas laxes frías do cárcere de Cambados, paralizada talvez polo terror ou polas
torturas ou pola carraxe de ver aqueles lobos azuis que campaban no verán do
36.
Celestino Poza Cobas |
O home da barba longa era, antes de xullo do 36, un home rico. Mais sobre todo era un home xeneroso e solidario. Fundara unha empresa de automóbiles e puxera en pé un hospital na rúa dos irmáns Muruais. Fora concelleiro no concello de Pontevedra e elixido deputado pola Fronte Popular en febreiro do 36. Casado con Consuelo Pastrana, o matrimonio tivo seis fillos: Marina, Celestino, Electra, Luis, Consuelo e Aurora.
Cando a igrexa e os militares se fixeron donos de todo, dos bens e da vida, dos soños e da esperanza, o ancián médico republicano, laico e masón, foi detido, encarcerado, torturado, trasladado a distintos cárceres da provincia. Tamén os seus fillos Luís e Tino foron detidos. E os automóbiles e o hospital saqueados e incautados.
O home da barba longa, o amigo dos pardais, foi
trasladado á illa de San Simón. Compartiu os días do presidio co seu fillo
Tino, médico coma el. Alí recibiron a noticia da condena a morte de Luís,
fusilado na Caeira o 12 de novembro do 36. No mesmo mencer tenebroso no que foi
fusilado José Adrio Barreiro, casado coa súa filla Aurora. Aquela noite, aquela
madrugada infinda de dor e de insomnio, na illa de San Simón, o vello da barba
longa e o seu fillo Tino e os amigos máis próximos compartiron as horas sen
esperanza no pequeno cuarto do pabillón que ocupaban desde que se negaran a
aceptar un lugar de privilexio nas oficinas do cárcere.
Mais houbo privilexios que si aceptaron. O de curar as
feridas do corpo e da alma. O de coidar os enfermos. O de animar e consolar aos
tristes e derrotados. O privilexio da dignidade, que nunca os abandonou, nin
nos peores días daquel tempo infame, cando ían matando, un a un, os compañeiros
de loita: Bóveda, Victor Casas, Caamaño, Abraham Zbarski, Telmo Bernárdez...
A dignidade que fixo estremecer a terra baixo os pés o
día en que o vello da barba longa e o seu fillo Tino e Evaristo Mosquera e os
evanxélicos de Marín se negaron a comungar, na cerimonia relixiosa do día do
patrón da illa, o 28 de outubro de 1938. Diante das autoridades militares e
relixiosas, naquel día de desfiles e discursos e banda de música, aqueles homes
escribiron unha fermosa lección de dignidade e de coraxe. Porque estaban presos
si, mais non estaban derrotados.
O home da barba longa, o amigo dos pardais, seguiu
escribindo a súa historia de xenerosidade cando chegaron os vellos á illa, inzados
de piollos e pulgas, esfameados, desorientados, enfermos e tristes. Foi daquela
cando ordenou poñer ao lume grandes potas que empregaban nas cociñas e ferver
nelas as roupas daqueles anciáns. E era unha imaxe de espanto a da masa branca
de piollos que saian flotando á superficie...
Despois do cárcere, despois da morte que abateu a
familia, despois da dor e do expolio, seguiu en pé, loitando sempre na mesma
causa. E cando morreu, o 8 de agosto de 1956, aos 88 anos, o seu corpo foi
soterrado no cemiterio civil de Pontevedra. E alí segue, faro de luz da Galiza
resistente, da república laica e solidaria. Para sempre, Celestino Poza Cobas, o
nome da dignidade humana.
Los que fuimos amigos de la familia Poza, en concreto de Mariquiña, sabemos lo que está buena familia pasó, desde la cárcel, a la depuración y la posterior "reparación". En las muchas conversaciones que tuve la ocasión de tener sobre este tema con Marquiña, siempre me llamó la atención lo que contaba sobre la relación de su padre con él por aquel entonces todopoderoso Vicepresidente de la Diputación y como no, falangista, Antonio Puig. Lejos de lo que la gente pueda pensar, se profesaban un respeto mutuo desde la clara diferencia ideológica, el uno por la ayuda que le prestó el otro en unos momentos muy difíciles y el otro -seguramente- por saber que con Celestino, como con otros muchos, se cometió una gran injusticia.
ResponderEliminarUnha aperta Luis y que sirva este pequeño comentario para que no se olvide que hubo gente que supo perdonar.