mércores, 18 de maio de 2016

Rosario Hernández Diéguez A Calesa


O 19 de decembro de 2015 escribín un artigo sobre Rosario Hernández Diéguez, a moza que foi asasinada no verán do 36 por falanxistas de Vigo por desafiar os camiños marcados, os estigmas, as pexas que lle querían poñer á liberdade das mulleres. Agora, grazas á familia, dispoñemos de máis datos da súa vida, da súa paixón, da súa loita. E tamén sabemos dun asasinato que resume na súa traza cruel e cobarde o rumbo do fascismo xenocida.  E dispoñemos dunha fotografía que lle pon rostro á verdade, á esperanza e á luz que brillaba na mirada limpa dunha moza de 20 anos. Quixeron facela desaparecer do mundo e da historia. Mais agora está con nós e con nós fica para sempre.

Rosario Hernández Diéguez A Calesa
(foto cedida pola familia)
Era unha rapaza de ollos claros e mirada dóce, de ideiais firmes, deportista e solidaria. Tiña 20 anos cumpridos o 17 de febreiro de 1936. Vestía decote unha blusa vermella e un abrigo verde. Vivía cos pais nunha casa humilde da rúa do Pino e traballaba vendendo xornais na rúa do Príncipe, no portal da sociedade recreativa Gimnasio. Simpatizaba co partido socialista e gustaba de ir ás manifestacións e aos mítins, levar bandeiras nos desfiles do primeiro de maio, corear as consignas co puño erguido UHP UHP UHP... Vivía o feliz soño da primavera do 36, entre berros e sorrisos, cando aínda era posíbel a esperanza nas casas proletarias.
Cando o 20 de xullo chegaron os falanxistas e os militares rebeldes á Casa do Pobo de Vigo, seica saíu por unha fiestra e procurou agochos durante semanas. Nos últimos días de xullo e durante o mes de agosto sentiu todo o peso do terror que abalou a cidade, as novas que chegaban dos compañeiros asasinados en Alcabre e Lavadores, as torturas no Frontón, as violacións, as rapas. Sentiu o medo atravesarlle o corpo nas noites de insomnio, nas horas interminábeis de espera, de agonía.
Pasaron corenta días e tamén deron con ela. Fórona buscar á casa na que estaba agochada. Levaron preso o pai, que era ferroviario. A ela levárona ao cuartel da Falanxe, nun coche escuro, entre insultos e ameazas. Seica estivo presa tamén no Frontón, a onde a súa irmá maior Ramona lle levaba todos os días a comida. E palabras de alento, de coraxe, de rábia.
Até que a foron buscar. Aqueles rapaces de boa familia burguesa, valentes de alcool e de odio, ensañáronse coa rapaza que vían portando bandeiras vermellas nas manifestacións. Coa moza que berraba consignas revolucionarias e paseaba orgullosa os emblemas vermellos no corazón da cidade. Aquela moza fermosa e valente representaba todo o mal do mundo, o das mulleres rebeldes, comprometidas e solidarias. Un mal que había que arrincar de raíz, borralo da terra, facelo desaparecer durante xeracións.
Conta a memoria do pobo que a raparon e que a violaron. Que a someteron a horas de humillación, de burlas, de violencia covarde. Que a asasinaron e a mutilaron salvaxemente, que lle cortaron os peitos. E que para ocultar aquel crime horrendo, trasladaron o corpo nun barco e fondeárono amarrado a unha prancha de ferro nas proximidades das illas Cíes.
O corpo de Rosario Hernández Diéguez A Calesa nunca voltou do mar. Nunca voltou daquela noite de infamia, daquelas augas frías, fermosas e profundas. A súa familia non tivo dereito ás bágoas, a unha tumba no cemiterio, a unha lápida onde depositar flores. Porque na inmensa foxa común que foi a ría de Vigo non houbo lápidas, nin flores, nin bágoas. Só ducias de cadáveres mutilados, acribillados, sepultados no fondo do mar amarrados a pandullos, a parrillas das conserva, a pranchas de ferro. Só o silencio interminábel da morte, a escuridade, a friaxe.
O corpo de Rosario Hernández Diéguez A Calesa nunca voltou. Mais agora é tempo de retorno para o seu nome. É tempo de memoria e de xustiza. É tempo de celebrar a alegría daquela rapaza de familia humilde, de facer ondear de novo as bandeiras vermellas, os símbolos da liberdade. É tempo de derrubar os emblemas da opresión, os nomes que lembran a inxustiza, as cruces que celebran a barbarie. É tempo de levar flores ao mar de Vigo, ao mar das Cíes, pola Calesa e por todos os corpos que nunca voltaron.

Fontes
Xoán Carlos Abad Gallego: Cen personaxes en torno a unha guerra. A República e a Guerra Civil na comarca de Vigo através dos seus protagonistas, Instituto de Estudios Vigueses, 2008.

Antonio Giráldez Lomba: Tres nombres en el recuerdo de Vigo hace sesenta años: “El Comandante”, “El Rabioso” y “La Calesa”, Glaucopis, 5, 1999.
Notas e lembranzas de Enrique Carril, sobriño neto da Calesa (coa miña inmensa gratitude)
Grazas a Montse Fajardo por compartir a viaxe

1 comentario:

  1. “Somos memoria. O humano é un ser capaz de recordar. Mirarse nos anos que pasaron ou no sabor dos bicos que xa non saben a nada. Somos memoria. Por tal motivo non coñezo unha enfermidade máis perversa que esta que nos rouba o que somos: para ser nada. Nada: un tempo sen tempo.”
    Así o verinés Xosé Caneiro a propósito desa enfermidade da memoria, na que se dexeneran as células nerviosas do cerebro onde se achan as nosas lembranzas, insistía en que somos tempo, unha suma de pasados que conforman o noso presente, e que, dalgún xeito, fan que sexa posible o noso futuro, porque sen esas suma de tempos que xa foron, sen que recunquemos nas ensinanzas, erros, sentimentos e experiencias que nos proporcionaron, seríamos algo totalmente distintos, ou máis ben non seríamos, como esas persoas que, por mor do alzheimer, deixan de recoñecer as xentes que quixeron, os seus escenarios naturais, mentres se esvaecen as páxinas que escribiron na súa historia particular, ata quedarse en branco.
    Penso que non é tan diferente e un país o que adoece desta enfermidade, promovida por aqueles que, dende os diferentes gobernos e institucións, teñen a obriga de atallala, pondo en evidencia de que prefiren unha cidadanía enferma, que non lembre os nomes de aqueles que, como Rosario Hernández e tantos outros, loitaron por facer de esta unha terra de homes e mulleres libres, nin que se lembren os capítulos da nosa historia colectiva, que nos define como pobo, e lle da sentido a reclamarnos como tal. Terra e tempo, como ben dicían aqueles mozos que seguiron a estela daquel mítico afiador de Nogueira de Ramuín, que invocaron no exilio madrileño para por as bases do nacionalismo moderno, cando aínda caía sobre nós a Longa noite de pedra.

    A historia da Calesa -mártir anónima, como tantos outras, que agora esa no meu "santoral", grazas o teu traballo- animoume a enlazar un feixe de palabras a prol da nosa Memoria, desa que nos queren furtar dos colexios, dos fogares, das institucións, e que non esmorecere por mor do traballo que xente xenerosa coma vós realiza día tras día. Amolame que a túa bitácora non esté máis animada con comentarios, que a xente non participe, aínda que sexa para, coma eu, agradecerche por nos descubrir ós bos e xenerosos, que deron a vida por esta terra. Seguirei con interese, e tentarei partillar entre os meus estas historias agochadas da nosa Historia, para que nunca, nunca, se den a esquecemento.
    Saúde e Terra. Unha aperta.

    ResponderEliminar