sábado, 10 de xaneiro de 2015

CASAS REFUXIO NO PORTO

E son eles os ladróns de palabras
os que cambiaron a porta da túa casa
mudaron o postouro da chave
os mesmos que lle roubaron o teu rosto ás fotografías
e despezaron as monecas
e ciscaron polo chan as letras do teu nome

Marga do Val: fragmento do poema “Exilio”, in A cidade sen roupa ao sol, Espiral Maior, 2010.

                          Para Marga, no tempo adverso. Coa aperta do agarimo e da amizade

Verán de 1936. Coches que atravesaban a fronteira pola ponte de Tui con segredos gardados no maleteiro e billetes novos para os gardas. Taxis en dirección a Guillarei, última estación antes de pasar o río en barcas clandestinas. Fugas en barcos de pesca desde a Costa da Morte, motoras que atracan en Leixoes coas redes baleiras e unha tripulación de mariñeiros con destino incerto. Antigos camiños do contrabando transformados en rotas de fuxida, con abeiro nas brandas de Castro Laboreiro, Abeleira ou Sistelo, tempo de calor e alimento antes da viaxe en automóbil até Porto. Mozos que cruzan a nado a fronteira do Miño en viaxes de ida sen volta, travesías cheas de risco e vertixe fuxindo do medo, da noite, das cunetas. E tamén corpos afogados, baleados, mortos na intemperie daquel tempo de terror. Corpos anónimos, que nunca volveron.

Naquel verán caloroso, e no tempo que veu despois, centos, milleiros de homes e mulleres procuraron refuxio no outro lado da raia, na outra beira do río. Fixérono ao principio cos propios medios e despois coa cobertura de organizacións políticas, da masonaria, de consulados e embaixadas... Sofisticadas redes de evasión que na Segunda Guerra Mundial foron reconvertidas para trasladar a Portugal a xudeus e soldados aliados. Non había nada seguro ao outro lado, naquel país tamén sometido pola Ditadura, mais había quen asumira o risco e había casas refuxio, casas humildes e rebosantes de xenerosidade de campesiños nas montañas do interior, lares abastados e solidarios na cidade do Porto.
 
Casas refuxio no Porto coma a de Silo Cal Muiños, natural de Redondela e empregado da Casa Graham, e Amelia Almeida Brandao, e dos seus fillos Carlos, Silo e Mario Cal Brandao. Que acolleron a finais de 1937 a Isabel Gómez Costas, que fuxira de Redondela con seis fillos despois do asasinato do seu home, Telmo Bernárdez, despois do inferno de mentiras, de cárcere, de humillación e silencio en que se convertiu a súa vida a partir do 12 de novembro de 1936. Isabel estivera recluida durante un ano naquela casa de Redondela chea de lembranzas, naquela casa chea de pesadelos, onde nunca máis volveu soar o piano... No Porto si, na casa dos Cal Brandao, alí recibiron Isabel e os seus fillos coidado e agarimo e alimento, e os billetes dun barco noruegués con rumbo a Bordeos, o principio dunha viaxe interminábel cara ao desterro e ao esquecemento.

Tarxeta de Luís Ferreira (Juan Tizón)
 dos ferrocarris do Porto, 1942
Casas refuxio no Porto coma a Luís Alves Carvalho e Herculana de Carvalho, (que grande muller Herculana!) e os seus fillos, Guilherme e Luísa, lugar de abeiro e agarimo para Juan Tizón, militante socialista, alcalde de Monforte en xullo do 36, agochado en diferentes lugares até o inverno de 1939 en que pasa a Portugal por Celanova e é trasladado a un refuxio seguro no Porto polo avogado Antonio Ribeiro da Silva, de Viana do Castelo.

No Porto, baixo a protección dos Alves de Carvalho, Tizón recibe unha nova identidade, Luís Ferreira; recibe agarimo, alimento, casa e traballo. Reside na avenida de Boavista, nunha casa de hóspedes rexentada por Teresa Brandao. Juan Tizón foi un sobrevivente. Un refuxiado en terra extraña, distante e acolledora, coa maleta sempre preparada para partir. En 1942 aparece la listaxe de pasaxeiros do vapor Nyassa, na expedición organizada pola Junta de Ayudas a los Refugiados Españoles (JARE) e a embaixada de México en Portugal, mais extrañamente non consegue sair. Entretanto, na soidade do desterro, coa saudade da familia distante, escribe poesias, novelas, contos. Viaxa por diferentes cidades de Portugal, desde onde envia cartas e tarxetas postais á familia coa identidade falsa de Herminia, simulando ser unha amiga. Coa saúde quebrada polos anos de persecución e clandestinidade en Galiza -tempo de friaxe, de fame, de intemperie-, Juan Tizón morreu no Porto o 25 de decembro de 1945 e foi soterrado no panteón da familia Alves de Carvalho, na freguesia de Bonfim. Un último acto de xenerosidade de quen forneceu todo o agarimo posíbel a aquel home que nunca puido volver á súa casa, á súa Terra.


Ismael, Herminia Tizón, Herminia Ramos
Isabel Tizón, Luís Ramos, Luisa Alves e
diante os fillos de Herminia Tizón e Ismael
PS Este relato quere ser unha homenaxe á memoria das persoas refuxiadas e dos homes e mulleres que lles deron protección e abeiro en Portugal con risco das súas vidas. A historia de Juan Tizón (Luís Ferreira) tamén é a crónica aínda non contada da amargura que sufriron a súa muller, Herminia Ramos, e as fillas Herminia e Isabel, sobreviventes tamén do inmenso cárcere do franquismo, daquela soidade e aquel silencio que
non as abandonou nunca. Mulleres que foron sometidas a vixilancia e persecución durante anos, que agardaron a volta do marido e do pai, que recibiron as súas cartas enviadas desde toda a xeografía po
rtuguesa, e que tempo despois seguiron cultivando a amizade da familia Alves de Carvalho e da familia Brandao, e levaron flores á última estación do corpo de Juan Tizón, no Porto.

Agradecementos: Raúl Solleiro Mella, Luisa Tiago de Oliveira

Fontes:
Rosa López González: Juan Tizón Herreros. El pensamiento hecho palabra, Fundación Luís Tilve, 2010. (As imaxes que ilustran este artigo proceden deste libro; aínda que a calidade non é boa, son documentos de grande valor histórico).

Seis cregos escollidos (Versos divinos). Poemario escrito por Juan Tizón Herreros, no exilio e no silencio, nos anos da guerra civil. Edición e prólogo de Xesús Alonso Montero, Madrigal, 2001.

Blog Silencios e Memorias http://silenciosememorias.blogspot.com.es/2013/12/0421-herculana-de-jesus-da-costa-dias.HTML


sábado, 3 de xaneiro de 2015

DAS CASAS REFUXIO: MASACRE NA BOUCIÑA

Para Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, construtores da gran casa refuxio da memoria resistente

Tiñamos arados, tiñamos bois, tiñamos un becerro, tiñamos unha arca, unha casa, e levaron todo no 37, o 18 de marzo de 1937. Ata había unha galiña con pitos e tamén a levaron. Queimáronme a casa. Leváronme todo e deixáronme nada máis que coa roupiña do lombo. Leváronme para o cárcere e alí mesmo os presos fixéronme para me vestir... (Testemuño de Magdalena Caride Fernández, da casa da Bouciña, recollido en GIRÁLDEZ LOMBA, Antonio: 1939. La guerra ha terminado... hace 60 años e Vigo, IEV, 1999)

O 17 de marzo de 1937 o sangue correu a regos no lugar da Bouciña e no cemiterio de Lavadores. É o relato amargo do terror falanxista, que se multiplicaba con cada acto de resistencia, e que nos primeiros meses de 1937 perseguiu con saña aos defensores da liberdade e deixou unha longa estela homicida en todo o país.

É tamén a crónica dunha historia ben fermosa, a das casas refuxio. Casas de acollida, celeiros de amor e de solidariedade, naqueles tempos de intemperie, de invernía, de soidade, de medo... Casas nas que se habilitaron faiados, cortellos, casoupas, canastros, tobos, covas, pozos, minas, fornos, bocois..., nas que se acondicionaron espazos ocultos, lugares de agocho, de alimento, de agarimo, e tamén de insomnio e desasosego.

Casas refuxio coma a da Torre, de Josefa Barreiro, e a de Cea, de Pilar Fernández Seijas, en Vilagarcía; a de Emilia Cabaleiro en Cabeiro (Redondela); a de Ángela Iglesias Rebollar, A Protestante, e José García Niebla no barrio do Toural en Teis (Lavadores); a de Josefa Becerra Laíño en Marcelle-Vilacova (Lousame); a casa da Torre en Salcedo (Pontevedra), de Ramón e Consuelo Acuña... Fogares protectores, calorosos, fronte ao frío e a fame dos primeiros meses no monte. Casas axexadas, asaltadas, rexistradas, ametralladas, queimadas, saqueadas, coma todas estas e moitas outras das que falaremos.

Coma as casas refuxio da Bouciña (Lavadores) -comunicadas mediante pasadizos con unha grande cova refuxio de fuxidos resistentes-, fogar da grandeza dos sentimentos dos seus moradores martirizados, lugar da masacre abominábel do 17 de marzo de 1937. Aquel día unha banda terrorista formada por falanxistas, cívicos e gardas civís rodeou a casa refuxio na que vivían Matilde González Rodríguez, xornaleira de 58 anos, o seu fillo Alfredo Fernández González, xornaleiro de 31 anos, e a súa nora Magdalena Caride Fernández, empacadora de 26 anos, que estaba preñada e tiña un fillo de 2 anos, chamado Alfredo. E a casa refuxio de Mercedes Posada González, de 48 anos, na que vivían os seus fillos Alfonso Fernández Posada, xornaleiro de 31 anos, Carmen Fernández Posada, empacadora de 22 anos, Mercedes (13 anos) e Isidoro (8 anos). E un grupo de integrantes da resistencia armada que conseguiron escapar por unha das bocas da cova que daba ao monte.
Aquel 17 de marzo de 1937, día da infamia fascista e tamén día da grandeza do pobo solidario, o muros do cemiterio de Lavadores tinxíronse de loito e de sangue. Alí foron asasinados, a plena luz do día nunha escena estarrecedora, Matilde González e o seu fillo Alfredo Fernández. E Mercedes Posada co seu irmán Paulino Posada, e o seu fillo Alfonso Fernández Posada. E Severino Carrera Martínez, xornaleiro de 26 anos. Outro dos habitantes da casa refuxio, José Caride Fernández, serrador de 19 anos, foi asasinado o día seguinte, 18 de marzo. E non rematou aquí a matanza. O home de Matilde, Domingo Fernández Lago, ferreiro de 49 anos, que conseguiu escapar daquel día de terror, sería asasinado no Campo do Casal (Lavadores), o 9 de abril de 1937.

Carmen Fernández Posada e Magdalena Caride Fernández, que estaban preñadas, foron detidas e procesadas. Carmen e os seus irmáns e Magdalena ficaron no mundo, na soidade e no silencio do tempo que veu despois, na travesía interminábel pola amargura e pola fame das familias expoliadas e martirizadas. Ficaron para resistir, para sobrevivir despois daquela masacre. E para contar algún día o que pasou nas casas da Bouciña o 17 de marzo de 1937, cando o sangue correu a regos desde o cemiterio de Lavadores. Aqueles días de vidas solidarias devastadas, de casas refuxio queimadas. Aquel tempo de dignidade e de crimes impunes.

Fontes:
Fondos do proxecto Nomes e voces http://www.nomesevoces.net/

Vermellas. Chamábanlle “Rojas” http://www.nomesevoces.net/gl/exposicion-panel/vermellas/

ABAD CASTRO, Xoán Carlos: Héroes o forajidos. Fuxidos y guerrilleros antifranquistas en la comarca de Vigo, IEV, 2005.
BLANCO, Carmen: Casas libertarias de mulleres anarquistas. A resistencia anarquista das mulleres despois de 1936, CNT, 2007

GIRÁLDEZ LOMBA, Antonio: 1939 La guerra ha terminado... hace 60 años en Vigo, IEV, 1999.

sábado, 27 de decembro de 2014

ISABEL GÓMEZ COSTAS, MULLER CORAXE

Na memoria das mulleres da Galiza desterrada

Isabel Gómez Costas non figura na listaxe de vítimas do proxecto Nomes e Voces. Isabel Gómez Costas desapareceu da historia, perdeuse na nebulosa do tempo desde que un día do outono de 1937 marchou de Redondela deixando atrás o marido asasinado e dous fillos presos. Deixando atrás o ronsel de humillación, de amargura, de silencio, de vergoña, de sangue e de bágoas en que se converteu a súa vida a partir de xullo de 1936.

Isabel Bela Bernárdez Gómez

 
Foise con seis fillos (a maior, Isabel, tiña 20 anos e a máis nova, Carmela, 7) na procura da liberdade e do futuro que lle roubaron, fuxindo da anguria que ocupou a súa vida cando mataron ao seu home, o médico e político redondelán Telmo Bernárdez Santomé no monte da Caeira na madrugada do 12 de novembro de 1936... E non lle valeu de nada ir a Burgos a pedirlle clemencia aos xefes supremos do xenocidio, non valeu de nada que a súa filla Isabel, Beliña, petara nas portas das familias dereitistas de Redondela para que lle asinaran unha carta que só era unha última tentativa desesperada e inútil para deter unha inxustiza tan grande.

E foi así como Isabel Gómez Costas decidiu aquela fuxida cara ao descoñecido con seis fillos e atravesou medio mundo ao longo de dous anos para reunirse en México co seu fillo Jesús, que saira do cárcere do Lazareto e marchara a Portugal e pasara ao exército republicano e despois da derrota viviu a humillación dos campos de concentración franceses e logrou finalmente pasaxe no Ipanema e chegou a México o 7 de xullo de 1939.

Entretanto Isabel Gómez Costas saíu con seis fillos cara ao Porto onde permaneceu un tempo sob a protección de Silo Cal Muiños, orixinario de Redondela, e da súa muller Amelia Brandao. Tempo despois partiron cara a Burdeos e establecéronse temporalmente en París até que a finais de 1939 embarcan no porto de Le Havre cara ao Nova York, onde reciben o apoio das Sociedades Hispanas Confederadas. Aínda faltaba unha última etapa naquela viaxe chea de amargura e heroísmo, faltaba atravesar en autobús os EEUU e chegar á fronteira mexicana e coller un novo autobús para finalmente reecontrarse en Cidade de México co seu fillo Jesús.

A partir de aí o nome e a vida de Isabel Gómez Costas pérdese no buraco negro do esquecemento. Na escuridade da noite dos tempos. Na nada e o silencio ao que foron condenadas tantas vítimas da barbarie fascista. Unha nova e definitiva derrota na sucesión de traxedias persoais e colectivas que comezaron en xullo de 1936. Non sabemos case nada da dor, das xornadas interminábeis de traballo de Isabel Gómez Costas para sacar adiante os fillos na soidade do desterro mexicano.

Ou si sabemos. Sabemos da súa fortaleza, do seu amor, da súa enorme xenerosidade de muller coraxe, das súas mans e os seus ollos gastados de coser en xornadas interminábeis, das súas renuncias para que os fillos e fillas tivesen pan e estudos e traballo. Para que José se licenciase en medicina, e Carmen e Rita estudasen Químicas e Basilio Filosofía. Sabemos tamén das renuncias dos fillos maiores, Telmo, Jesús e Isabel, mestres apartados dos seus destinos e depurados en setembro de 1936, perseguidos con crueldade, e que tiveron que comezar unha nova vida profesional na adversidade dun país extraño a partir de 1939.

Sabemos enfin que existen aínda miles de vítimas silenciadas coma Isabel Gómez Costas. E que non haberá xustiza, non haberá verdade, non haberá unha democracia digna de tal nome en tanto non se coñezan os seus nomes e se restauren as súas vidas rebosantes de xenerosidade, de humanidade, de coraxe, de heroísmo.

PD. Isabel Gómez Costas viviu máis de 30 anos en México. Morreu no exilio o 16 de febreiro de 1971. A reconstrución da epopea de Isabel Gómez Costas e dous seus fillos e fillas foi posíbel grazas ás seguintes publicacións: Redondela, crónica dun tempo pasado, de Gonzalo Amoedo e Roberto Gil; "México y Estados Unidos, dos países receptores del exilio republicano español de 1936", de Nancy Pérez Rey e María Presas Beneyto; e “Mujeres exiliadas en México: gallegas de Tabeirós e Terra de Montes”, de María Luísa Pazos. A fotografía de Bela Bernárdez Gómez foi tirada do libro Mestras de Redondela 1900-1945, editado pola Asociación de Mulleres Xanela en 1999. Espero poder completar algún día este artigo con unha imaxe de Isabel Gómez Costas; sería un pequeno paso para que a súa figura de muller coraxe se faga definitivamente visíbel.

domingo, 21 de decembro de 2014

AS ACTAS DA DIGNIDADE: AS MULLERES DA ILLA E DO UPO MENDI

Para Olga Nogueira, neta de Florinda, que amasaba empanadas de xoubas para os presos do Lazareto e do Upo Mendi


Barco prisión Upo Mendi, fondeado perto de San Simón
O 21 de outubro de 1938 o barco prisión Upo Mendi ficou fondeado na enseada de San Simón, entre as illas e o lugar da Portela (Redondela). A bordo do barco, case mil presos bascos, cántabros e asturianos malvivían amontoados, sometidos a unhas condicións infrahumanas, comestos pola fame, as pulgas, o frío e a distancia... Na intemperie absoluta, rodeados daquel mar cheo de beleza e de fulgor.
Aquela tortura non era igual para todos. Na illa e no barco había presos cuxas familias podían encargar a comida e outras atencións. E había quen non tiña nada, nin o agarimo dos seus, nin o amor dunha nai ou dunha compañeira, nin sequera bágoas para chorar a soidade e o desamparo. Só aquela escuridade, aquela morte en vida, aquel silencio, aquel mar, aquela amargura que o invadía todo.

Ata que chegaron elas. Mulleres xenerosas, valentes e solidarias. Ducias de mulleres de Redondela, A Portela, Cesantes e outros lugares da ría, que compuxeron escenas  que merecen un lugar de honra no memorial da dignidade, nas páxinas de ouro da Galiza resistente, da Galiza combatente. Mulleres que amasaban bolos de pan e empanadas de xoubas sen pedir nada a cambio. Mulleres que facían potas de cocido que os presos quentaban con velas en botes de pementos morróns. Mulleres que ían camiñando até A Portela a recoller as bolsas de roupa suxa e as devolvían na data acordaba. Mulleres que desfacían as sabas para facer roupa interior e camisas para levarlles aos presos do Upo Mendi. Mulleres que cosían mensaxes nos dobrados da roupa, palabras de agarimo e de alento que eran pequenos lampos de vida no medio daquel horror.

Contan as protagonistas desta historia fermosa que fora Faustino da Portela, un mariñeiro humilde, quen tecera aquela rede solidaria. Unha rede que coseron, fío a fío, man a man, mulleres de Cesantes, da Portela e de Redondela, como as fillas de Faustino, como as irmás Josefa e Carmen Rodríguez Esteiro, e Carmen Fernández Domínguez, e Teresa Justo Otero, e Cándida Esteiro, e Filomena Míguez Blanco, e Carmen Crespo Rodríguez, e Serafina Bouzón, e Ceferina Docampo, e Candelaria Araújo, e Narcisa “A Monxa”, e Rosa do Louro, e Lola e María da Vila, e Candelaria, e Gina, e Maruja A Chiquiña, e a nai de Felicitas, e Lourdes ... e Florinda que amasaba empanadas de xoubas para os presos, e Salud, que casou cun bilbaíno...

Todas elas, e moitas máis cuxos nomes se perderon nas tebras do tempo, compuxeron unha historia chea de beleza, de grandeza e de heroísmo. A crónica de como, no medio da devastación e do terror, había homes e mulleres que se mantiveron en pé, que se arriscaron, e que tiveron coraxe para levarlle roupa e alimento e agarimo a quen máis o necesitaba.

PD Os nomes das mulleres que aparecen citados neste artigo foron extraídos do libro Redondela, crónica dun tempo pasado (Edicións do Castro, 2002), de Gonzalo Amoedo, e do artigo “Unha pequena homenaxe ás lavandeiras de Redondela durante a guerra civil”, de Carlos Antuña Souto. En marzo de 1995 a Asociación de Mulleres Xanela organizou en Redondela unha homenaxe ás mulleres da Illa e do Upo Mendi.

 

sábado, 13 de decembro de 2014

LOLA RODAL: A PAIXÓN DA MEMORIA RESISTENTE

Para Lola Rodal, que estará sempre con nós na palabra, nos ademáns, no exemplo de compromiso e de loita. Na memoria sempre (1-11-2016)



O 11 de agosto de 1936 un coche escuro chegou  a Cangas de madrugada. Dentro, un grupo de falanxistas levaba detida a Carmen Pesqueira, A Capirota. Viñan de Marín. Tamén ía no coche un garda civil de Cangas chamado Marcial, “alto, forte, guapo... a admiración de todas as chavalas”.
O coche detívose perto da casa de Lola Blanco, presidenta do sindicato de atadeiras “La Reivindicadora”. O home de Lola, José Rodal, estaba preso no cuartelillo e un fillo, Ángel Rodal Blanco, estaba no mar, andaba á ardora. Eran as dúas e media da mañá. Chamaron á porta e dixéronlle que tiña que ir con eles facer unha declaración. Na casa quedaron as dúas fillas pequenas, Lola Rodal, de 15 anos, e a súa irmá, de 13.

Lola Blanco e José Rodal
Subiron ao coche a Lola Blanco, presidenta do Sindicato de Atadeiras, de 51 anos. Levaba posto un camisón e un mandil por riba. Mentres se dirixían cara a Marín, os falanxistas comezaron a mofarse dela, a dicirlle obscenidades, a intimidala. Ela choraba polas súas fillas e colleulle a man a Marcial, que o coñecía de Cangas. Cando chegaron a Mogor o coche detívose na escuridade da noite. Facía calor aquel verán de 1936. Apagaron as luces do coche. Un grupo de falanxistas levou á Capirota cara ao lado dereito da estrada. Marcial colleu a Lola (“Non chore, señora”) e levouna cara á esquerda, en dirección ao mar. Mentres camiñaban na escuridade sentiron o disparo que matou a Carmen Pesqueira a Capirota. O ruído das pistolas outra vez, naquela noite e naquela impunidade.


O intento de asasinato de Lola Blanco, na prensa
Despois Lola sentiu o tiro da pistola ("Non chore, señora") e caiu ao chan. Cando volveu en si tiña o brazo cheo de sangue mais tivo forzas para atalo cun anaco do mandil e camiñou cara a Marín, percorreu durante cinco días os montes e as casas nas que lle deron acubillo e chegou a Coiro e alí avisaron a familia e foron buscala.
A traxedia dos Rodal e os Blanco de Cangas acababa de comezar naquela noite de agosto de 1936. Pagaron un prezo moi alto por seren republicanos e de esquerdas e por defenderen os dereitos da súa clase. Lola Blanco Montes foi xulgada en Pontevedra e condenada a 12 anos e un día. Pasou 5 interminábeis anos de dor e de silencio na prisión de Pontevedra e no cárcere de mulleres de Saturrarán. O home de Lola, José Rodal Lanzós, “O Marrixo”,  de 52 anos, directivo da Alianza Marinera, foi detido en Cangas en xullo de 1936. Xulgado en Pontevedra por “rebelión militar”, foi condenado a cadena perpetua. Estivo catro anos nos cárceres de Pontevedra, San Simón e San Cristóbal. O fillo máis vello, José Rodal Blanco, combateu na armada republicana e ao final da guerra pasou a Túnez, estivo recluido no campo de concentración de Bizerta e máis tarde exilouse en Francia. Nunca máis voltou a Galiza. Ángel Rodal Blanco, mariñeiro de 20 anos, foi detido xunto con outros membros da familia porque o seu irmán desertara do exército. O 5 de abril de 1937 sacárono de madrugada da prisión de Vigo e o seu corpo apareceu tirado no lugar de Piñeiro do Foxo, en Xinzo (Ponteareas).


Lola Rodal Blanco
Mentres os pais estaban presos, Lola Rodal Blanco e a súa irmá pasaron un inferno de humillación e de dor. E despois tamén, a interminábel travesía do insulto, do silencio, da exclusión. Pero non a travesía da culpa, porque ela e a súa irmá sempre souberon que a causa dos seus era xusta e que toda a vida terían que defendela. Lola Rodal é un monumento vivo da memoria de Galiza. Da memoria orgullosa e resistente. Da firmeza para loitar contra o esquecemento e da coraxe para nomear os asasinos. Lola Rodal, memoria lúcida e rebelde, muller luminosa, muller xenerosa, trazando coas súas palabras o camiño da loita pola verdade, pola liberdade.

PS Conta a memoria popular que aquel garda civil que lle salvou a vida a Lola Blanco quedou tan impresionado por aquela noite de terror e sangue que nunca máis foi a mesma persoa. Nunca puido superar o trauma... E a voz e os recordos de Lola Rodal Blanco, aos seus 95 anos, vanse apagando. Mais está con nós nas gravacións, nos discursos, nos ademáns, no exemplo do compromiso e da loita. Para sempre.


luns, 8 de decembro de 2014

HEMORRAXIA INTERNA

"Descansaré cuando en la partida de defunción de mi padre ponga fusilado"

Os asasinos e os seus amanuenses construiron unha sinistra retórica do terror. As partidas de defunción depositadas nos rexistros civis enumeran o código macabro das causas da morte: hemorraxia interna, hemorraxia cerebral, colapso interno, hemorraxia intratorácica, parálise dos centros cardíaco e respiratorio...
Manuel Aballe era mariñeiro, tiña 41 anos e vivía en Nigrán. Segundo os documentos oficiais morreu en Baiona, na estrada Pontevedra-Camposancos, a causa de “hemorraxia cerebral”. Nós sabemos a verdade: Aballe, con outros oito mariñeiros do Val Miñor, foi sacado do cárcere de Vigo e asasinado por unha partida falanxista que deixou o seu corpo á intemperie dunha noite de outubro de 1936, no lugar que hoxe coñecemos como “A Volta dos Nove”.
Feliciano Abella era empregado, tiña 24 anos e era veciño do Areal, en Vigo. Nas actas do terror consta a súa morte nun lugar descoñecido, a causa de “hemorraxia e destrución cefálica intracraneal”. Nós sabemos que foi vilmente asasinado nunha noite de agosto de 1936 e o seu corpo ficou tirado nunha gavia, coma se fose un animal.
Albino Agraso, zapateiro, de 27 anos e veciño de Seixo-Marín, faleceu segundo os documentos oficiais a causa de “colapso cardíaco” o 31 de decembro de 1936. Foi asasinado por un peloton de fusilamento en Pontevedra, canda outros dirixentes republicanos de Marín.
O 21 de agosto de 1936 un comando falanxista de Verín secuestrou, torturou e exhibiu nun carro de vacas -para escarnio e terror- á labrega comunista Anunciación Casado Atanes, 38 anos, de Viana do Bolo. Foi asasinada nas Reverdeitas, no camiño da Gudiña a Viana. A partida de defunción sinala como causa da súa morte “destrución e fractura de masa cerebral”.
María del Valle Lozano (María de Beiro), 49 anos, e Salud Torres Díaz, de 25, ourensás, foron secuestradas na prisión de Celanova e asasinadas o 29 de outubro de 1937 en Lomba de Lamas (Xinzo de Limia). O fillo de María, Manuel Gómez del Valle, mestre e escritor, foi fusilado en Ourense o 11 de agosto de 1936. As partidas de defunción de María de Beiro e Salud Torres certifican o crime como morte por “destrozo cerebral”.
O rexistro civil de Pontevedra recolle a morte de Ramiro Paz Carvajal, impresor pontevedrés de 45 anos, a causa de “hemorraxia interna”. Foi procesado por traizón, condenado a pena de morte e fusilado na Caeira o 12 de novembro de 1936.

As actas dos crimes permaneceron durante décadas ocultas, custodiadas polos vencedores e os seus herdeiros. A transición –co seu ronsel de transaccións e de traicións- mantívoos pechados con sete chaves. Até que a forza imparábel das familias, das asociacións e dos investigadores obrigou a abrilos. Reclamaban o dereito á verdade, fronte á falsificación oficial. Reclamaban xustiza e reparación, fronte a tanto silencio cómplice.

Sempre me conmoveu o exemplo de Isidro Paz, fillo do dirixente socialista pontevedrés Ramiro Paz, fusilado na Caeira o 12 de novembro de 1936. Tiña os ademáns dun home recto, íntegro, cabal. Un día lin a entrevista que lle fixeron na edición pontevedresa da Voz de Galicia. Dicía alí moitas verdades e pedía algo que parecía pouco, mais que era todo: “Descansarei cando na partida de defunción do meu pai poña fusilado”. Hoxe, despois da Lei da memoria histórica de 2007, aínda non é posíbel cumprir o soño de Isidro Paz. E nós tampouco descansaremos...

 


venres, 5 de decembro de 2014

DESAFÍOS DA MEMORIA

Artigo publicado no semanario Sermos o 4-XII-2014


Reunión do Consello da Memoria (2006-2009)
Aínda quedan moitas batallas pendentes da memoria, nas institucións e na sociedade. Os últimos movementos a nivel internacional (Informe do Relator Especial da ONU Pablo Greiff e Querela Arxentina) poden traer ventos favorábeis, mais os procesos da memoria histórica teñen que ter necesariamente unha dinámica propia, centrada nos intereses e nas necesidades  do pais. A continuidade no tempo das políticas públicas e o afortalamento das organizacións e entidades sociais que traballan neste eido son dúas pezas clave para superar o actual ciclo declinante e proseguir con éxito a loita pola verdade, a xustiza e o recoñecemento de todas as vítimas da Ditadura franquista.
Os avances na primeira década deste século foron importantes, tanto no plano institucional coma no social. O fortalecemento do tecido asociativo, os programas desenvolvidos polo goberno galego no período 2005-2009, as actuacións promovidas desde algúns concellos e desde as Deputacións da Coruña e Lugo, a multiplicación de estudos e publicacións de carácter xeral e local, as actividades conmemorativas e as homenaxes crearon un marco que foi asentando un novo discurso histórico, un ambiente social máis receptivo, a emerxencia de moitas memorias silenciadas e unha sensación de amparo para as vítimas e as familias.

Mais o cambio político operado na Xunta e nos concellos en 2009-2011 demostrou a fraxilidade de moitos destes avances. A actitude hostil da Xunta de Galicia, gobernada polo PP, foi abafando e anulando progresivamente moitas iniciativas impulsadas desde a base social e desde as institucións. O caso máis notorio foi o desmantelamento do proxecto Nomes e Voces, unha iniciativa promovida desde a Consellaría de Cultura en 2006, e que –con todas as súas eivas- permitiu poñer as bases dun Arquivo Público da Memoria Histórica de Galiza.
A eliminación das axudas a entidades e persoas, a supresión do Consello da Memoria ou a extinción do Convenio para a Exhumación de Foxas foron outros pasos determinantes para desmantelar as políticas públicas que se desenvolveron no período 2005-2009 desde o goberno galego. Ou para sermos máis precisos, desde a Consellaría de Cultura baixo a dirección do BNG.

Talvez o punto culminante do intento de aniquilamento de todo o que se fora erguendo con grande esforzo foi a ocultación de San Simón como lugar de represión e espazo de memoria, eliminando da programación da Illa calquera mención ao seu pasado como espazo represivo. Unha auténtica profanación do principal espazo simbólico da memoria, asumida, todo hai que dicilo, con certa pasividade e resignación.
O informe do relator especial da ONU Pablo Greiff, feito público no pasado mes de setembro, constata a ausencia de auténticas políticas públicas de memoria histórica no Estado, e a pervivencia de lecturas do pasado asentadas durante a transición que parten de postulados defendidos polo franquismo. Principalmente a idea de que as violacións dos dereitos humanos que se produciron foron “unha amalgama de feitos violentos acontecidos no marco dunha contenda entre dous bandos opostos”. Greiff reclama un compromiso claro do Estado para darlle vixencia plena, con carácter prioritario, aos dereitos á verdade, á xustiza, á reparación e ás garantía de non repetición.

A deslexitimación do sistema político institucional que xurdiu da transición, a proxección internacional do tema e a proximidade do 80 aniversario do levantamento fascista en 2016 poden crear un contexto favorábel para a necesaria reactivación do compromiso individual, asociativo, político e institucional a prol da memoria da represión e da resistencia en Galiza.
Mais todo pasa por un punto de partida ineludíbel. Asumir que se trata dunha loita democrática fundamental, dun combate político e ético prioritario, que non se debe adiar pola urxencia doutras causas máis cómodas ou máis rendíbeis. Que non se pode construir un país sobre o esquecemento, sobre o silencio, sobre a mentira, sobre a destrución da memoria das vítimas e dos ideais polos que loitaron.

Que á par do discurso histórico cómpre seguir construindo o relato humano das múltiples caras do terror e da súa onda expansiva, que atinxiu a amplos sectores da sociedade e que golpeou con especial crudeza ás mulleres.
Que precisamos de símbolos para construir a memoria común, símbolos humanos e lugares da memoria que nos vencellen no pasado e no porvir. Mais o cultivo dos símbolos é necesariamente compatíbel co recoñecemento e a homenaxe, unha por unha, de todas as vítimas da represión fascista.

E que o exercicio da memoria é un desafío permanente, que non acaba nunca.